A evolución do mosteiro de Celanova, en 3D

O Concello de Celanova presentará ás oito desta tarde un documental de animación dixital que permite percorrer en tres dimensións o mosteiro da vila, fundado por San Rosendo no século X.

A iniciativa vén coincidir coa celebración dos mil cen anos do nacemento do monxe (907-2007), que se conmemoran no Ano Santo Rosendiano. Dentro do programa de actividades, está prevista para este domingo unha peregrinación á vila ourensá.

Así mesmo, poderá observarse tamén a evolución arquitectónica que sufriu o mosteiro dende a súa orixe, ata converterse no complexo arquitectónico que é na actualidade.

O proxecto pretende mostrar a transformación experimentada pola vila a través da evolución arquitectónica do edificio que lle deu orixe.

Son precisamente os datos do cambio os que constitúen o eixo central do documental, nunha tentativa de achegar ó público de maneira sinxela e amena unha información que ata o de agora ficou unicamente ó alcance dos estudosos da localidade.

O obxectivo é que o visitante medio do mosteiro de San Rosendo poida comprobar de maneira virtual como era a construción orixinal e os vellos edificios que antecederon ó complexo actual.

E preténdese explicar tamén como esta evolución, así coma as propiedades que o mosteiro tiña ó seu redor, incidiron na configuración actual da trama urbana de Celanova.

Comentarios