Un libro contra a 'morriña ártica'

O pontevedrés Miguel Ángel Fernández presenta este venres 'Arctic Fever', un libro nacido dunha viaxe a Groenlandia en 2017 e que publica agora co selo Ab Origine
Miguel Ángel Fernández, co seu libro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Miguel Ángel Fernández, co seu libro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Arctic Fever podería traducirse como morriña ártica. O termo acuñouse no seu día para referirse á atracción e dependencia emocional que os exploradores polares tiñan con ese territorio. Arctic Fever é tamén o título do primeiro libro de Miguel Ángel Fernández (Ourense, 1973). Afincado en Pontevedra dende cativo, bombeiro de profesión e afeccionado á fotografía, Fernández presenta este venres (20.00 horas), no Local da Federación de Veciños Castelao (Gagos de Mendoza) esta obra, xurdida dunha viaxe a Groenlandia durante o verán de 2017 e que agora publica o selo pontevedrés Ab Origine. "Apenas hai bibliografía sobre este territorio. Descubrino cando viaxei alí e quixen documentarme. Así que acabei escribindo o libro que me tería gustado ler a min".

O título recolle parte da experiencia persoal de Fernández, pero tamén fai un repaso ao que son as raíces culturais do pobo inuit (nome común co que se coñece ás distintas poboacións que habitan as rexións árticas de América do Norte), da súa espiritualidade ao uso de trineos ou canoas, e inclúe reflexións sobre a fotografía de auroras boreais ou sobre o cambio climático. "De feito, esta última parte foi a que tirou máis de min á hora de acabar a obra, algo que supuxo un gran esforzo e que por veces se fixo duro. Pero só por ese apartado sobre o cambio climático mereceu a pena. Estamos ante un problema realmente grave".

En realidade, o que ía facer Fernández ao volver da súa viaxe, na que en parte estivo traballando para a empresa de viaxes de aventura Tierras Polares, era escribir un artigo para unha revista da Sociedade Antropolóxica Galega. Pero ao presidente da asociación, Rafael Quintía, gustoulle tanto que lle propuxo amplialo en forma de libro e publicalo no selo do que el é socio (xunto a Valentín García Bóveda, Miguel Alonso Cambrón e Rodrigo Cota), Ab Origine. O texto e as fotos do autor fóronse ampliando con máis documentación e outras imaxes. O volume inclúe, por exemplo, instantáneas de dous fotógrafos de Groenlandia, Captain Âjo Lynge Hard e Timmoq Mølgaard, e ilustracións do marinense Luis Portabales.

DESCOÑECIDO.. "Cando viaxas a un sitio coma este, vas sen moitas expectativas, a deixarte sorprender. Porque vas ao encontro dalgo descoñecido. Groenlandia ten unha extensión moi grande, catro veces a da Península Ibérica, e unha poboación duns 67.000 habitantes, menos que a cidade de Pontevedra. Teñen un xeito de vida particular debido ao clima extremo. Viven fundamentalmente da caza e da pesca. Non hai agricultura e apenas gandeiría", explica o autor do libro. "A súa paisaxe é espectacular. Percorrela en kayak foi algo precioso, unha gozada".

OUTRAS PRESENTACIÓNS LITERARIAS EN PONTEVEDRA

Ramón Villares

Galicia, una nación entre dos mundos é o título da obra que Villares presenta este xoves (19.00 horas) no Sexto Edificio do Museo.

José Mª Arceu

Xunto a José Benito García e Alexander Vórtice, José María Anceu presenta este xoves (20.00 horas) en Nemonon o seu debut literario, Vorágine.

Milagros Bará

A investigadora local presenta este venres (20.00 horas) o terceiro volume das súas Crónicas de Pontevedra no espazo Nemonon.

Ángel Peláez

O realizador e guionista presenta este venres(19.30 horas) Punto de giro no Museo xunto a Rodrigo Cota, Xabier Fortes e Alejandro Diéguez.

Moure Rivera

José Victorio Moure Rivera manterá un encontro con lectores este venres (16.00 horas) na librería Escolma para falar dos seus dous libros.

Audiovisual. Documental sobre a Pesca na ría de Manolo Yáñez
Ademais de presentacións literarias, Pontevedra tamén acolle estreas audiovisuais esta semana de xeito consecutivo. Este venres (19.30 horas), Manolo Yáñez estrea o documental Pesca na ría: cultura e tradición. O audiovisual pasarase no Centro Social de Estribela, foi producido por Fernando Portela e conta con financiamento de da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. O traballo supón unha homenaxe ás mulleres do mar. A principal protagonista é Hermosinda Hermo, nonaxenaria da Cañota que asistirá este venres á proxección.

Homenaxe. Forcadela repasa a traxectoria de Méndez Ferrín
Se o pasado martes, o Museo de Pontevedra acollía a estrea dunha curta documental de Xurxo Lobato sobre o creador Leopoldo Nóvoa, o mércores a Casa das Campás facía o propio co traballo audiovisual Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín, de Manuel Forcadela. O escritor e profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo realizou este audiovisual ao longo do verán de 2018, a iniciativa do Ateneo Atlántico de Vigo. Nel recolle os testemuños de 17 representantes do mundo cultural galego sobre as súas relacións con Méndez Ferrín.