Unha exposición invita en Mondoñedo a ''redescubrir'' a Álvaro Cunqueiro

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, participou este venres en Mondoñedo (Lugo) na inauguración da exposición 'No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro', unha mostra que invita a "redescubrir " a figura do escritor ao que Varela cualificou como o "maior fabulador" da literatura galega.

O conselleiro inaugura desta forma unha exposición organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Penzol, a Editorial Galaxia e o Concello de Mondoñedo no centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro e coa que se pode "ir de visita a eses mundos máxicos e, de regreso, achegarse ao Cunqueiro que se esconde tras mil e uns disfraces literarios".

"Cen primaveras transcorreron desde o nacemento do maior fabulador da nosa literatura, e aínda hoxe a súa obra —xenerosa como o seu enxeño— continúa axigantando a figura de Don Álvaro", sinalou o conselleiro.

A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor Freixanes, está composta por 16 paneis nos que se fai un percorrido pola vida e obra de Álvaro Cunqueiro.

Así, en oito vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena selección da súa obra xornalística e unha selección de prensa sobre as distintas etapas da súa vida. As vitrinas complétanse ademais cun "escollido fondo documental".

A mostra conta ademais cun espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que recrea o estudo de Cunqueiro con figuras de tamaño natural do mago Merlín e Felipe de Amancia, personaxes da súa obra 'Merlín e Familia'. No ámbito audiovisual, preséntanse distintos documentais sobre o autor, entrevistas e gravacións sobre montaxes de obras teatrais de Cunqueiro.

A exposición poderá ser visitada ata o próximo 18 de maio no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo, desde onde se desprazará a Santiago, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo.

Comentarios