Unha gala con música e humor pechará o Ano Castelao en Pontevedra

Carlos Blanco, Luís Davila, Xurxo Souto e Celso Parada actuarán o 16 de decembro no Pazo
Xosé Leal, Bea Campos, Pablo ‘Zentolo’ e Anxos Riveiro, presentando este xoves a gala
photo_camera Xosé Leal, Bea Campos, Pablo ‘Zentolo’ e Anxos Riveiro, presentando este xoves a gala

Todas as facetas de Castelao, do debuxo á política, serán homenaxeadas na gala que a Deputación celebrará, o 18 de decembro, no Pazo da Cultura, para pechar a programación do ano cultural que lle adicou ao autor de Rianxo, coincidindo co centenario da súa chegada a Pontevedra. Carlos Blanco, Luís Davila, Xurxo Souto e Celso Parada son algúns dos artistas que protagonizarán este espectáculo, de entrada libre, que foi presentado onte polo deputado de Cultura, Xosé Leal; a condutora do acto, a actriz Bea Campos; un representante da marca que deseñou o cartel, Pablo ‘Zentolo’ (de Rei Zentolo) e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.

"Será unha gala multidisciplinar, con teatro, música e humor, na liña da programación que tivemos ao longo do ano, para dar idea de todas as facetas artísticas coas que traballou o propio Castelao, como o artista poliédrico que era", asegurou Xosé Leal durante a súa intervención.

Pola súa banda, Anxos Riveiro afirmou que "a gala supón o remate dun ano cargado de actividades, tanto nos concellos como no Museo, que achegaron a toda a poboación a figura do autor rianxeiro". Segundo dixo, "este remate fai ser espectacular".

O cartaz do evento é, en palabras do seu autor, "unha homenaxe ao mítico discurso de Castelao", e combina outros elementos máis acaídos ao carácter desta gala multidisciplinar.

A imaxe central é unha interpretación dunha coñecida foto de Castelao dando un mitin, enmarcada por referencias simbólicas como a imaxe da vaca do cartaz do plebiscito do estatuto, filigranas extraídas da máis mítica aínda portada do Grupo Nós, e a tipografía empregada nos pasos de peóns nos que este ano se insertaron frases de Castelao e das Irmandades da Fala.

PARTICIPANTES. A actriz Bea Campos será a encargada de conducir unha proposta na que participarán Carlos Blanco e Luís Davila, cun espectáculo adaptado de humor gráfico; e Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira na parte musical, segundo informou a Deputación. As pezas teatrais correrán a cargo de Celso Parada e Limiar Teatro, que tamén participaron na programación teatral específica do Ano Castelao, cunha xira por todos os concellos da provincia. Ademais, no horario da gala habilitarase un espazo infantil que estará atendido por Polo Correo do Vento.

A Gala do Ano Castelao terá entrada de balde, se ben será preciso retirar ou reservar convites a partir do 1 de decembro. Para isto habilitaranse dous puntos físicos e un correo electrónico para reservas. Os espazos físicos serán a sede da Deputación en Vigo e o Sexto Edificio do Museo en Pontevedra. O correo electrónico farase público a vindeira semana.

Comentarios