martes. 28.09.2021 |
El tiempo
martes. 28.09.2021
El tiempo

A UVigo pon en valor a obra de Xela Arias e da literatura galega

Cartel do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas. DUVI
Cartel do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas. DUVI
Os actos comezan o vindeiro venres coa presentación do libro "Nenas medrando" e prolongarase ata o mes de xuño con medidas anticovid

A UVigo tamén se suma á celebración do Día das Letras Galegas cun amplo programa de actividades que pretende poñer en valor a figura da autora homenaxeada no 17 de maio desste ano, Xela Arias, pero tamén a literatura galega en xeral.

"Non queríamos deixar pasar unhas datas tan relevantes", salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, en declaracións ó Diario da UVigo, sobre a programación que dará comenzo o vindeiro venres coa presentación do libro "Nenas medrando", da profesora da Facultade de Belas Artes, Silvia García. As actividades seguerán os protocolos anticovid, con redución de aforo e distancia social. Ademais, poderá n seguirse a través do Campus Remoto da UVigo. "Adaptámonos ás circunstancias", subliñou a responsable da programación cultural.

O 19 de maio a docente da USC María Jesús Nogueira ofrecerá un relatorio sobre a creación da autoría homenaxeada no 17-M

Os actos terán lugar na Casa das Campás ás 19 horas. O primeiro será a presentación de Nenas medrando, o poemario que está docente centrou nas transformacións que implica a infancia e no que os textos se acompañan de diferentes fotografías. Esta serie de imaxes anónimas, de diferentes países e épocas, reuniranse na Vicerreitoría nunha exposición que, tras o acto deste venres, poderá visitarse e ata o 28 de maio en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

XELA ARIAS. O xoves 13, terá lugar a presentación do libro-disco Saudades de alborada, do que é editor o musicólogo Javier Jurado e que se centra na figura do compositor Reveriano Soutullo. Xunto a Jurado, esta presentación contará tamén coa participación da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo.

As actividades que impulsa o Campus de Pontevedra terán continuidade na xornada do mércores 19 de maio cunha serie de actos que xirarán arredor da figura de Xela Arias. Daquela, a escritora, profesora da Universidade de Santiago María Jesús Nogueira ofrecerá un relatorio "centrado na vida e, sobre todo, na creación artística de Xela Arias". Este acto servirá tamén para presentar o número extraordinario que a revista Tempos Novos dedica á poeta, da man da súa coordinadora, a profesora da UVigo Rexina Vega, o director da revista, Luís Álvarez Pousa, e a catedrática emérita Camiño Noia. O acto completarase coa interpretación musical de varias pezas nacidas de poemas da autora por parte de Clara Pino e Pablo Vidal.

Unha semana máis tarde, o xoves 27 de maio, a figura da escritora será abordada desde o eido do audiovisual grazas á proxección do documental que leva por título "Xela arias, poeta nas marxes" e o posterior debate coa súa directora, produtora e guionista Beatriz Pereira e o tamén guionista Daniel Chapela. Trátase dun proxecto que «é resultado do traballo de fin de grao» desta titulada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, como lembra Agrelo, que salienta a importancia de "non só xuntar arredor da figura de Xela Arias e das Letras Galegas" a figuras expertas na súa obra, senón tamén dar visibilidade aos proxectos impulsados polo alumnado. De feito, tal e como destaca a Universidade, este acto servirá tamén para facer entrega dos premios do concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas: Xela Arias 2021, no que a Vicerreitoría convidou ao estudantado a realizar unha "relectura e reinterpretación da obra poética" de Arias.

Finalmente, e xa no mes de xuño, está previsto que esta programación se complete coa exposición que leva por título "Xela Arias, A poesía do retrato", que reúne as fotografías que Xulio Gil realizou da escritora homenaxeada.

A UVigo pon en valor a obra de Xela Arias e da literatura galega
Comentarios
ç