"O primeiro que debuxei cando cheguei a Pontevedra, sentado no café Carabela, foi o santuario da Virxe Peregrina". Iso foi hai cinco anos e, dende entón, o celanovés Pablo Vázquez, xa non deixou de facelo. "Evidentemente vin unha chea de debuxos e pinturas do templo moi ben feitos, pero precisamente foi iso o que me levou a pensar que por que non podía intentar facer eu algo diferente con el, enfrontarme ao seu retrato divertíndome. E acabou saíndo algo que non sabía que tiña dentro, unha serie de traballos sobre A Peregrina que non deixan de ser variacións sobre o mesmo tema, onde ningunha é igual que a outra".
A galería de arte Granero Delmas (galerías da Oliva) e o restaurante Casa Román (avenida Augusto García Sánchez) acollen todo o mes de novembro unha serie de traballos do creador que teñen na Peregrina a súa inspiración principal.

Nacido en Logroño (A Rioxa) porque a profesión do pai levara ata alí á familia, Pablo Vázquez séntese de Ourense. Ceramista dental de profesión, dende hai cinco anos está afincado en Pontevedra. No ano 1996 iniciou unha carreira artística como MO96.
"O de 96 é polo ano no que realicei a miña primeira exposición", explica. "O de MO é o seudónimo que me puxo un amigo, que é especialista en poñelos. Eu sempre lle estaba pedindo que me puxera un alcume e finalmente púxome un, Moe, o primeiro que matan na película El Padrino. E así me quedou".
Recoñece que nos estudos, dende rapaz, nunca lle foi ben, "pero, pola contra, si que se me daba moi ben o que era traballar coas mans. Así que moi pronto empecei a facer debuxos". Tiña varias fixacións, que aínda conserva hoxe: poñerller ollos e cara a case todo. "Os ollos e as caras sempre conviviron comigo".
En Pontevedra quedou enganchado ao santuario da Peregrina, que leva tempo debuxando e redebuxando. "É unha construción icónica da cidade. Como o é San Rosendo en Celanova", explica. "Nese sentido, o meu traballo está sempre relacionado co que estou vendo e sentindo en cada momento".
O que se pode ver tanto no Granero Delmas como en Casa Román é unha serie de serigrafías, xilografías e debuxos coa Peregrina como tema. "Todas as pezas son únicas. Ningunha é igual que a anterior e por iso non están numeradas, porque son diferentes. Quítolle algo ou engádollo cada vez que imprimo", conta.
A maiores, as mostras complétanse cunha serie de cadros centrados no retratos dos peregrinos, "que puxen precisamente ollando para o santuario", e cunha tiraxe de tres galos portugueses. "Pódese dicir que todo este traballo sobre A Peregrina supón unha variación sobre o que viña facendo", conta o autor. "Pero, con todo, penso que sempre permanece algo da miña esencia, como ese interese polos ollos e polos rostros".