"Vémonos no Salón!"

Un espectáculo coral con música, danza, arte e humor, conducido por Aldaolado, inaugura o XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se prolongará ata o 27 de marzo no Pazo da Cultura ▶ A cultura de Euskadi, convidada deste ano, protagoniza boa parte da primeira xornada ▶ "No medio da barbarie, Pontevedra é un oasis de paz, de arte e de cultura", di Lores
Orbil na inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Orbil na inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. RAFA FARIÑA

A cativada de Pontevedra puido vingarse o venres (11 de marzo) da suspensión do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de hai dous anos por culpa da pandemia. Centos de nenas e nenos ocuparon o Pazo da Cultura; cantaron e bailaron no espectáculo inaugural da edición deste ano; xogaron polos recunchos que se lles prepararon na sala de exposicións; buscaron os seus libros favoritos para lelos tirados no chan cos seus pais e nais; probaron distintos videoxogos, e ata puideron pintar polas paredes. 

O Salón do Libro recuperou desta maneira o formato presencial ao cen por cen na que é a súa XXIII edición, que se desenvolverá, ata o 27 de marzo, baixo o lema Con moita arte!. De aí a decoración deste ano da sala de exposicións, na que hai homenaxes a Maruja Mallo e a Magritte, ao pop art e a Mondrian, a Manuel Moldes e a Xosé Cobas. Este último é o ilustrador homenaxeado polo Salón en 2022, igual que Marica Campo é a escritora á que tamén se lle fai un recoñecemento. 

A de Euskadi é a cultura convidada e precisamente os primeiros representantes da delegación que visitará á cidade ao longo destes días protagonizaron boa parte da primeira xornada. 

Na sala de exposicións hai homenaxes a Maruja Mallo e a Magritte, ao pop art e a Mondrian, a Manuel Moldes e a Xosé Cobas

Pola mañá o alcalde e a concelleira de Cultura xa os recibiran, nas oficinas de Michelena 30. Saudaron, en concreto, á directora da rede de escolas asociadas da Unesco no País Vasco, Nieves Fernández, e a tres representantes do proxecto educativo da escola Zumaiena: o seu director, Isaak Aramberri, e as coordinadoras de actividades Edurne Aizpurua e Raquel Benítez. 

Espazo dedicado ao pop art no Salón do Libro. RAFA FARIÑA
Espazo dedicado ao pop art no Salón do Libro. RAFA FARIÑA

Todos eles participaron o pasado xoves na primeira xornada do Congreso de Mediación Lectora que precisamente se celebra en Pontevedra ao longo deste mes, como actividade complementaria do Salón do Libro. "Traemos nuestra cultura, nuestra lengua, nuestra literatura y nuestro arte. Queremos aportar y queremos conocer lo que se está haciendo aquí", dixo Nieves Fernández. "Venimos efectivamente con ganas de compartir la cultura vasca, nuestro idioma, nuestra danza, nuestra pedagogía y unir lazos con Galicia", engadiu Isaak Aramberri, que contou que o proxecto de Zumainea se apoiaba na crenza de que a educación era fundamental de cara a unha transformación social. En concreto, eles traballan coa creatividade e cos contos neste sentido.

Na recepción oficial tamén participou a directora estatal da rede de escolas da Unesco, Luisa Márquez, que lembrou que este ano participan no Salón traballos chegados de 60 países a través da colaboración que se estableceu entre o organismo do que ela forma parte e o evento pontevedrés.

"Traemos nuestra cultura, nuestra lengua, nuestra literatura y nuestro arte. Queremos aportar y queremos conocer lo que se está haciendo aquí", dixo Nieves Fernández

Dende o Salón do Libro tamén se informou de que aos 4.000 exemplares que conforman a súa biblioteca se incorporaron este ano máis de cen novos volumes de literatura infantil e xuvenil en euskera.

A exploración desa biblioteca foi unha das actividades das que máis gozou a rapazada na xornada inaugural. Un espectáculo coral, no que se mesturou música, danza, arte e humor, serviu para abrir esta edición do Salón do Libro. As encargadas de conducilo foron Aldaolado, o dúo que forman as poetas Lucía Aldao e María Lado, que mesturan música e humor nos seus espectáculos. Neste caso, apareceron caracterizadas como unha cerva e unha raposa, e acompañadas pola "famosa banda dos gatos salvaxes", un trío de jazz que contaba con Paco Charlín ao contrabaixo.

Aldaolado na xornada inaugural do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. RAFA FARIÑA
Aldaolado na xornada inaugural do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. RAFA FARIÑA

"Estamos aquí para demostrar que a arte é algo animal", anunciaron, mentres a creadora Alba Troiteiro comezaba a debuxar, detrás delas, nun gran lenzo no que foi realizando unha ilustración mentres duraba o espectáculo. "Ides descubrir que as persoas humanas non sodes as únicas capaces de facer arte, os bichas e bichas tamén podemos".

Raquel Benítez recitou un poema en euskera, ‘Txoria txori’, de Joxean Artze, e Isaak Aramberri, que ademais de dirixir o proxecto de Zumainea é dantzari, fixo unha peza de danza contemporánea e outra de baile tradicional vasco

Polo escenario do Pazo foron pasando o Ballet de Galicia (proxecto fundado por Diego Landín en Marín); a pianista Andrea García, que convidada polo Museo do Videoxogo de Cangas interpretou varias pezas extraídas de videoxogos famosos; "as merliñas e merliños do Coro da Xunqueira", que interpretaron dous temas en homenaxe á cultura convidada, Airia, de Xabi Sarasola, e Terra maina, de Josu Elberdin. 

Precisamente dous representantes da delegación vasca tamén protagonizaron un momento da inauguración. Raquel Benítez recitou un poema en euskera, Txoria txori, de Joxean Artze, que despois María Lado traduciu ao galego, e Isaak Aramberri, que ademais de dirixir o proxecto de Zumainea é dantzari, fixo unha peza de danza contemporánea e outra de baile tradicional vasco.

"Estamos moi emocionadas e un pouco sobrecollidas", dixo Carme Fouces. "Son 23 anos, pero este parece o primeiro"

"No medio da barbarie, Pontevedra convértese nun oasis de paz, de arte e de cultura", dixo o alcalde durante a súa intervención. "Aquí está o Salón do Libro. 23 anos despois sen fallar ningún. Sinto que o esforzo mereceu a pena". Lores lembrou que a programación do evento inclúe máis de 300 actividades e insistiu na aposta pola educación e pola cultura para loitar contra a violencia. "A cultura é o que nos sacará da barbarie e o único que traerá a paz", rematou. "Vémonos no Salón!".

Ademais de Lores, tamén interviñeron na inauguración Nieves Fernández ("todo intercambio cultural genera riqueza", afirmou) e a concelleira de Cultura, Carme Fouces. "Estamos moi emocionadas e un pouco sobrecollidas", dixo. "Son 23 anos, pero este parece o primeiro por todo o que pasou. Non teño palabras para definir o que sentimos hoxe".