O festival Río Verbena Fest celebrará a súa segunda edición na explanada do Recinto Feiral de Pontevedra os días 25 e 26 de agosto. Segundo acaba de publicar a organización do evento, Vetusta Morla, SFDK, Trueno e Xoel López serán os cabezas de cartel. Tamén confirmou a presenza de Jenny and The Mexicats, Blanco Palamera e Flecha Valona.
O festival, que se celebrou o ano pasado por primeira vez, cambia a ubicación dos terreos da antiga Tafisa pola explanada do Recinto Feiral. As entradas poñeranse á venda o mércores 7 de xuño (ás 12.00 horas) na páxina web do evento.

Despois de actuar o ano pasado no festival Portamérica, que se celebra actualmente en Portas, Vetusta Morla, o grupo indie máis importante da actualidade no panorama estatal, volve á provincia. Esta vez para tocar na capital, onde non o facía dende que en 2014 dera un concerto no Pazo da Cultura, xusto no momento no que comezaba a converterse nun grupo de masas. Esta actuación segue estando incluída na súa xira Cable a Tierra, que comezou precisamente hai un ano.
Vetusta Morla forma parte da escudería artística de Esmerarte, a empresa de management de Kin Martínez, da que tamén forma parte outro cabeza de cartel do Río Verbena, Xoel López. O coruñés estivo o ano pasado tocando na Alameda de Pontevedra, dentro doutro festival recén nacido ao amparo do Xacobeo, o festival Ferve.
A López acaban de facerlle unha remezcla do seu tema La espina de la flor en tu costado os Galician Army (tamén artistas de Esmerarte). O dúo de produtores e DJs galegos, que pasará polo escenario do festival, acaba de sacar ao mercado o seu primeiro disco de remixes, NÓS. Ademais do tema de Xoel López, Alberto Prado e Sergio Vallejo revisaron outros sete: de Iván Ferreiro, Luar na Lubre, As Fillas de Cassandra, mariagrep, Eladio y los Seres Queridos, Aliboria (con Xosé Lois Romero) e The Rapants (con Grande Amore), Estes últimos, The Rapants, tamén estarán no Río Verbena Fest.
A banda de indie e garage de Muros estase a converter nunha das máis demandadas da actualidade. O ano pasado ofreceron un concerto épico no Surfing the Lérez que acabou cun dos integrantes no río. Este ano tamén repetirán no festival da Illa das Esculturas (22-24 de xuño, de balde). O grupo acaba de publicar novo disco, O Corasón Como un After.
En canto aos sons máis urbanos, que marcaron a edición do ano pasado, desta volta, entre os primeiros nomes anunciados, destacan dous, os dun rapaz novo e duns veteranos: o do rapeiro e cantante arxentino Trueno e o do dúo sevillano SFDK. O primeiro acadou sona internacional ao participar na Sesión 16 do produtor arxentino Bizarrap. O vídeo do tema leva máis de 134 millóns de reproducións na plataforma Youtube. Zatu (Saturnino Rey, MC) e Acción Sánchez (Óscar Sánchez, DJ) conforman SFDK, toda unha referencia do hip hop en castelán. Levan na escena dende os anos 90 e acaban de publicar o seu novo álbum discográfico, Inkebrantable.
A banda multicultural Jenny & The Mexicats, liderada pola trompetista e cantante inglesa Jenny Ball; o dúo de electrónica de Santiago de Compostela Blanco Palamera, composto por Manuel Blanco e Xoán Domínguez; e a banda xerezana de power pop Flecha Valona, liderada Ezequiel Márquez (que presentará o seu primeiro disco, Los días pasarán) son algúns dos nomes que tamén avanzou a organización que estarán no festival.
Finalmente, o Río Verbena tamén anuncia unha importante presenza de músicos locais no evento. Entre eles está José González Malaguita, que forma parte dos DJs e produtores de Certain People, ou o grovense Thom Archi, moi vinculado ao estudio Bonobo, da capital da provincia.
A maiores haberá ata catro grupos de Pontevedra especialistas en facer versións: La Mosca Valiente, Chroma (que teñen compartido escenario con Los Secretos ou Pignois), Desconcierto e Conductores Suicidas (banda tributo a Joaquín Sabina que toma o seu nome dun tema incluido no disco de 1992 Física y Química).