Viernes. 22.02.2019 |
El tiempo
Viernes. 22.02.2019
El tiempo

Viaxe a 'Intraterra'

Algúns autores, Kiko Da Silva, Xosé Leal e Ana Vicente posando co libro. DAVID FREIRE
Algúns autores, Kiko Da Silva, Xosé Leal e Ana Vicente posando co libro. DAVID FREIRE

O conxunto do alumnado de O Garaxe Hermético participa, por primeira vez, na realización dunha mesma historia ▶ Á presentación do cómic no Arquivo Provincial asistiron parte dos 25 autores

O novo cómic da escola de banda deseñada de Pontevedra "O Garaxe Hermético", "Intraterra", ten 25 autores. Por primeira vez, o conxunto do alumnado do centro que dirixe o debuxante Kiko da Silva asina conxuntamente un volume. A maior parte dos responsables do traballo acudiron onte á súa presentación, que tivo lugar no Arquivo Provincial e contou coa participación do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; da responsable do Servizo de Publicacións da Deputación, Ana Vicente, e do propio Da Silva. "Estas primeiras obras son moito máis importantes do que parecen. Sérvenlles aos alumnos para saber como se traballa a nivel profesional. Neste caso, os 25 fixeron unha mesma historia e cunha mesma estética. Foi tremendamente difícil. Sudaron tinta. Pero fixérono. E esta experiencia única quédalles para a vida".

"Intraterra" é a décima publicación do Garaxe Hermético e a quinta que edita a Deputación. "A primeira pagueina eu do meu peto. A segunda contou coa colaboración do Concello. Dende entón implicouse a Deputación", lembrou Da Silva, que reivindicou o apoio de todos os ámbitos, dende o das administracións ata o dos consumidores, á cultura.

"Temos que formar creadores que sexan capaces de funcionar de maneira profesional. Ese era o meu obxectivo cando creei a escola. E temos que entender que á industria cultural hai que apoiala igual que se apoia a industria do automóbil e a industria textil", explicou o debuxante. "Por que Francia é a primeira potencia lectora de Europa? Por que aquí un libro é considerado bestseller con mil exemplares e alí ten que ter por enriba dun millón? Porque investiu en cultura. Temos que apostar polo propio. Só un 4% dos lectores len en lingua galega. E aínda hai políticos que teñen o morro de dicir que todo vai ben. Espertemos".

SEMENTE. O director da escola pontevedresa, que repasou a traxectoria do centro, dixo mostrarse moi orgulloso do conseguido nas súas aulas. "A semente está botada. E hoxe o xermolo xa está dando froito". E reivindicou contundentemente o papel do creador. "Non pode ser o último da cadea, o que cobra se queda algo. Temos tendencia a pensar que o artista non necesita comer. Ou que come doutra cousa. Hai que erradicar a piratería. Apoiar a industria cultural é unha cuestión moral e de principios".

O novo volume do Garaxe Hermético relata a historia da comunidade do Búnker 0018, situado na devastada tundra rusa, que vive conmocionada por un asasinato. A inspectora Collins, do corpo de policía, é destinada alí para atopar ao culpable. O que atopa é un lugar no que parecen reinar a prosperidade e a conduta pacífica, pero que resulta ser un refuxio para o crime.

Viaxe a 'Intraterra'
Comentarios