Victoria García: "Este conto naceu nunha aula de Infantil"

Quixo argallar a forma de que o seu alumnado fixese unha fila e saíulle 'As formiguiñas filandeiras'
Victoria García, na Alameda de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Victoria García, na Alameda de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Xornalista, mestra e, agora, escritora. A pontevedresa Victoria García, que exerce como mestra tras terse adicado ao xornalismo, publica o seu primeiro conto, As formiguiñas filandeiras, unha historia sobre a cooperación e o traballo en equipo para sermos máis fortes. O conto naceu nunha aula de Educación Infantil na que facía unha substitución.

Que conta o libro As formiguiñas filandeiras?

É un conto sobre unhas formigas moi, moi pequenas. Como son tan pequenas, teñen medo de saír do burato no que viven porque poden esmagalas en canto saian ao exterior. Chega un día no que se fartan de estar sempre dentro do formigueiro e pregúntanlle á formiga máis vella que poden facer. A Gran Mestra Filandeira, que é como se chama, proponlles que saian todas xuntas en ringleira e silandeiras. Deciden probar a facelo, vai todo moi ben ata que unha delas se despista coa cantidade de estímulos do exterior e pérdese. Isto fai que corra perigo porque aparece un paxaro que a quere devorar. E xa non sigo para non facer spoiler! A aprendizaxe que sacan as formigas do que acontece é que xuntas teñen máis forza. O conto ten tamén un detalle importante, que é que, cando as formiguiñas teñen medo, levantan as patas de diante e din "piqui-piqui". Cando algunha entra en pánico escóitase en todo o formigueiro "piqui-piqui-piqui". 

Hai dúas moralexas na súa historia, por un lado a importancia de superar os medos e, por outro, a de facelo cooperando. Son valores que se precisan reforzar entre os nenos e nenas?

O traballo en equipo e a cooperación son valores que hai que resaltar en todos os ámbitos, non só cos nenos, temos que aplicalos toda a sociedade.

A cooperación é unha habilidade que hai que traballar cos nenos, e eles sempre amosan unha boa disposición

Élles máis fácil traballar en equipo aos cativos que aos adultos?

No caso dos nenos, cada grupo xera a súa dinámica, como en calquera outro grupo humano, pero é certo que os pequenos sempre están dispostos a colaborar. Son habilidades que hai que traballar, pero por eles sempre hai unha boa disposición. En canto aos adultos... a todos nos custa ceder, pero o importante é entender que traballando en equipo somos máis fortes.

Como se lle ocorreu esta historia?

Este conto naceu nunhas aulas, durante unha substitución. Tocoume encargarme de varias clases de Infantil á vez. Eu son mestra de Primaria, entón non estaba acostumada a traballar con nenos tan pequenos e levaba pouco máis dunha semana nese cole. Non me coñecían, nin eu os coñecía a eles, e quedei soa cunha morea de nenos e nenas, non recordo cantos, pero eran moitos. Eu para eles non era ningún referente e, a última hora, cando tocaba poñer as chaquetas e saír do cole, eles non me facían nin caso. Busquei unha forma de chamar a súa atención e foi así como comecei a contarlles este conto. Imaxineinos como formiguiñas e expliqueilles que eu era a mestra filandeira, que necesitaba que fixesen unha ringleira para poder levalos polo cole sen perigo para que non os aplastasen os nenos maiores e ningún se me despistase da fila.

Sempre é mellor explicar as cousas cun conto que poñer normas porque si.

Dende logo. De feito, enseguida comezaron a asimilalo e a dicir "piqui-piqui" cando as cousas non ían como deberían. En canto un comezaba a dicir "piqui-piqui", os demais xa se puñan en orde na fila, axudándose uns aos outros coas mochilas.

Como se cociñou despois o libro? Vostede escribiuno e a ilustradora Laura Cortés foi a encargada das ilustracións.

Laura púxoo todo moi fácil. Dende o principio conectou coa historia e sentiuse moi vinculada ás formiguiñas e a todo o que había detrás. É unha persoa moi creativa, sacou moitas ideas, investigou moito sobre as formigas... e pouquiño a pouco foron saíndo as ilustracións. Inspirouse nas paisaxes galegas, nas flores que atopaba ela de pequena na súa aldea ou no xeito que ela tiña de observar as formigas de nena.

Os nenos desa clase na que fixo esa substitución foron privilexiados porque escoitaron o conto por primeira vez.

Si, foi algo sobre a marcha, primeiro saqueime a historia da manga para non ter que berrar ou insistir en que fixesen a fila. O libro viu despois. Así que eles foron testemuñas de como fun creando o conto.

Máis alá desa clase, ensinou xa o libro? Ten reaccións dos lectores?

Contéillelo aos nenos da miña clase deste ano, o que pasa é que son maiores e este libro está pensado para nenos máis pequenos. eles están rematando Primaria. Dixéronme que lles gustara, pero é para nenos e nenas de Educación Infantil.

Non tivo entón tempo de facer ningunha presentación?

Non, estamos programándoo. Empezaron a chegarme reaccións de amigos e familia, que xa puideron lelo cos seus pequenos,pero nada máis. De momento son reaccións moi positivas, pero nun grupo aberto, con máis nenos, aínda non puiden probar. De momento en Pontevedra non temos data fixada para unha presentación, pero imos estar en feiras do libro de distintas cidades e vilas como A Coruña, Redondela, Porriño... Aínda estamos pechando datas para Pontevedra e O Morrazo.

Onde se pode mercar o conto?

Xa está nas librerías dende esta mesma semana, aínda que non chegou a todas as de Pontevedra, pero espero que en cuestión de días xa estea dispoñible.

Comentarios