Unha historia en dúas partes é o que fixeron os pontevedreses Producciones Mutantes para a banda estadounidense Eagles of Death Metal. A primeira desas partes, realizada pola súa conta, é a do videoclip do tema God of Thunder. A segunda, feita por encargo do propio grupo, é a do videoclip It’s so easy. Os dous traballos estrearanse ao mesmo tempo en pantalla grande o 21 de setembro (19.00 horas, entrada libre) no Teatro Principal.
Romina Doce e Gero Costas, de Producciones Mutantes; a responsable da dirección de arte dos vídeos, Ana Seoane, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentaron este venres esta proxección na que se anunciou que habería un photocall e varias sorpresas; que se contaría coa presenza da actriz protagonista das pezas, María Roja, e que se conectaría en directo co líder e cantante do grupo de California, Jesse Hughes. Rematado o acto haberá unha festa no Diaño (Rúa Chariño).
O director dos videoclips, Gero Costas, contou que concibira o seu traballo coa estética do spaguetti western engadindo unhas naves espaciais. Tamén revelou que as localizacións (á parte do que se gravara co propio Jesse Hughes aproveitando a súa última visita a Galicia para actuar na sala Capitol) foran en Pontevedra, no barrio de Mollavao e na antiga ferretería Varela. Ademais explicou que nos videoclips había cameos de músicos da cidade como Santi Paredes ou Pedro Berbel e que colaboraran co traballo o estudio Culebra, o estudio 1917 e Faraon Grafics.
Costas lembrou que a realización do primeiro dos videoclips fora por iniciativa propia despois de escoller un tema que lles gustaba, a versión de Eagles of Death Metal dun tema de Kiss. Cando o cantante da banda o viu a través das redes sociais foi cando se puxo en contacto con eles para encargarlle un novo videoclip.
"Pontevedra é un ecosistema cultural no que hai moita xente traballando e o Concello, moitas veces, só ten que limitarse a acompañala", explicou Demetrio Gómez. Gero Costas deulle a razón. "Noutra cidade non se podería facer algo así. Pero aquí hai moitísima xente moi talentosa e que che di a todo que si. É unha sorte impresionante".