Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Villares: "Analizo unha xeración que nos anos 30 quixo redefinir Galicia"

Ramón Villares. VICTORIA RODRÍGUEZ
Ramón Villares. VICTORIA RODRÍGUEZ

O historiador de Xermade recupera o ensaio 'Fuga e retorno de Adrián Solovio'

Vai para dúas décadas que Ramón Villares (Cazás, Xermade; 1951) botou un tempo en París. "Nas bibliotecas achegueime ás obras dos autores que cita Otero Pedrayo", apunta en referencia a escritores opostos á Ilustración (Goethe, Stendahl, Chateaubriand). Os "contrailustrados" avogan por facer valer os sentimentos e a tradición como freo ao alucinado avance da razón e do progreso, que borraba o pasado e igualaba o presente.

Nesa estadía, o catedrático de Historia reconsidera o seu método de análise do pasado, tan atento "ás estruturas" e tan negador das emocións como elemento de transformación social e nacional.

Na novela Arredor de si, Ramón Otero Pedrayo conta a viaxe dun mozo, Adrián Solovio, que marcha de Galicia para viaxar por Europa (Madrid, París, Berlín) cunha visión individualista. Tras coñecer esas cidades, repara en que tamén o seu país ten unha tradición cultural que debe vindicar, polo que "volve a Galicia como redentor".

Uso 'Arredor de si' para reflexionar sobre a europeización da cultura galega que intentou a Xeración Nós

Acorde a esa nova visión dos estudos históricos, Ramón Villares toma Arredor de si como unha base sobre a que construír unha reflexión "sobre a europeización da cultura galega que intentou a Xeración Nós" co fin de "entender a cultura galega". Desenvólvea en Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, un ensaio que publicara a fundación Otero Pedrayo e que agora reedita Galaxia para satisfacción do seu autor, que considera positivo que saía do ámbito académico e entre no do público xeral.

"Non fago unha análise literaria da novela de Otero Pedrayo, senón dunha xeración" que se formou "nos anos 30 coa esperanza da República, de que podería redefinir Galicia".

En opinión do ensaísta, Arredor de si pode entenderse como "unha novela de aprendizaxe, cun punto de Goethe. A fuga é o tema central da novelística europea do século XIX, na que os personaxes non están a gusto co sitio no que viven e buscan outros lugares, outra forma de resolver a súa situación". Adrián Solovio comeza protagonizando unha historia desa natureza, "pero o importante é que decide volver a Galicia porque non se atopa a ben en ningunha parte".

O importante de Adrián Solovio é que decide volver a Galicia porque non se atopa ben en ningún sitio

"Fai unha viaxe de noivos a Berlín en 1923, como a que fixo Otero a París, e dáse de conta de que ten que competir cun americano, de que a súa muller prefire a un americano", comenta Ramón Villares que pon en relación esa trama argumental "coa novela patriótica La bien plantada, de Eugenio D"Ors, na que se rexeitan os amores polo amor á patria" guiados "por un sentimento moito máis nobre".

Neste sentido, "Otero Pedrayo constrúe un relato nacional", que permite superar unha visión "dun Otero mal considerado como un señor que falaba moi ben ao que se non lle entendía" para contemplalo como "o creador dunha narrativa nacional superior á de Risco non vista con criterios didácticos". Engade o historiador que "polos sentimentos e afectos é unha novela moi moderna". Como exemplo desa visión avanzada fala do "tío de Adrián Solovio que lle explica como é Galicia usando un mapa de Domingo Fontán", aínda que recoñece que "agora sería complicado explicar a través do afecto algo tan abstracto como é a patria".

Ramón Villares concibe Arredor de si como un avance dende o "ideal de vitoria, que consiste en gañar unha eleccións" a unha "vitoria do ideal, que é ter unha idea de nación", para que o que debe considerarse "a importancia dos sentimentos que permiten pensar a nación dun xeito que non se pode facer racionalmente".

O autor remarca que "a conclusión máis firme deste ensaio é que Arredor de si sobarda o modelo de novela de iniciación e pode considerarse como unha obra de "nacionalización literaria", de creación dunha identidade nacional a través da literatura nos seus distintos rexistros, de modo análogo a como se tenta facer cos monumentos, panteóns, bandeiras, himnos ou pintura histórica".

No caso de Adrián Solovio, esa vontade plásmase en que "unha das súas obsesións é ser un recuperador de memoria da tribo a través da tradición e das "voces ancestrais", da grandeza das accións e da necesidade de seren coñecidas e asumidas pola comunidade da nación resucitada".

Villares: "Analizo unha xeración que nos anos 30 quixo redefinir...
Comentarios