Sara Varela: "Vimos daquelas mulleres que acompañaban o traballo cantando"

Con seis anos díxolles a seus pais que quería ser gaiteira. Ía totalmente en serio. Xa non deixou a música tradicional. Agora está á fronte do grupo de pandeireteiras As Afoutiñas, de Cerdedo-Cotobade
Sara Varela (Borela, Cerdedo-Cotobade, 1978) no centro de As Afoutiñas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Sara Varela (Borela, Cerdedo-Cotobade, 1978) no centro de As Afoutiñas. GONZALO GARCÍA

Como entrou vostede no mundo da música tradicional?
Pois sendo moi pequeniña. Debía ter seis anos ou así. Eu crieime en San Martiño de Borela, no concello de Cerdedo-Cotobade. Alí formouse un grupo infantil de música tradicional, Os Águilas de Borela. Foi onde comezou a miña verdadeira paixón por isto. Con todo, o instrumento da gaita xa formaba parte do meu día a día porque o meu avó, a pesar de ser cego, xa era gaiteiro. Sempre me acompañou esa ansia por aprender a tocar a gaita. E sobre os seis aniños cheguei un día á miña casa e díxenlles aos meus pais que quería ser gaiteira. 

Como tomaron a noticia? 
Tomárona ben. Como che digo, xa me viña un pouco de familia. Como ademais se creou xusto entón o grupo en Borela, non houbo problema. Pero non deixa de ser sorprendente que una cativiña de seis anos tivera naquel momento tan claro que quería ser gaiteira. Non pandereteira nin cantareira, tiña que ser gaiteira. 

Moitos referentes mulleres gaiteiras non tería.  
Ningún. O meu referente era o meu avó. 

Agora está á fronte do grupo de pandeireteiras As Afoutiñas, de Cerdedo-Cotobade, que está integrado na asociación cultural Os Afoutes do Canón de Pau. Como se creou a agrupación? 
Foi no ano 2015. Un grupo de homes do concello chamáronnos para montar un grupo de gaitas e percusión para ir por aí tocar. Así naceu Os Afoutes. Chegou xente de todo tipo e de todas as idades. Nas festas que montabamos, dentro da propia agrupación, algunhas empezamos a separarnos para cantar un pouquiño coa pandeireta. Así foi como nos ensaios acabamos por darnos conta de que tiñamos que cantar. Ademais empezaron a chamarnos do Concello para recuperar tamén os cantos dos reis no Nadal e outras cousas. Empezamos así, un pouco de broma, coas que eran as cativiñas do grupo, que agora xa teñen 14 e 15 anos. Como eran tan pequerrechas daquela, eu chamáballes afoutiñas e así nos quedou. Afouteza significa forza, valentía. E diso temos.   

Así quedou constituído o grupo de pandeireteiras. 
As Afoutiñas xogan un papel importantísimo hoxe na asociación. Elas son as que practicamente tocan todos os instrumentos porque non só cantan ben senón que tocan, á parte da pandeireta, a gaita, o tambor e o bombo. 

Cantas son? 
Agora mesmo somos oito. E se o ano que vén podemos ser dez ou doce, mellor. 

Queren seguir medrando.
Por suposto.

A nosa cultura tradicional forma parte de nós. É algo que está aí e non se pode negar. Pero vexo entre os pais máis interese porque os fillos e fillas vaian a fútbol ou a ximnasia rítmica

E como traballan no grupo?
Ensaiamos todos os venres no centro cultural Antón Fraguas. Partimos da clase de pandeireta e canto e despois facemos un ensaio xeral co grupo enteiro. 

Como é o seu repertorio?
Interpretamos repertorio tradicional, tanto temas recollidos noutros concellos como no noso, e tamén composicións propias. Porque a cabeza pensante detrás de todo isto é Julián Carabelos. Leva moitísimo tempo metido na música tradicional e compón moitas das pezas que o grupo toca. 

Vostede é a mestra do grupo. É gozosa esa experiencia?
Para min si. É moi satisfactoria. Empezar sendo unha compañeira e rematar sendo a mestra é algo moi bonito. Sinto unha enorme gratitude por iso. 

O pasado 11 de marzo celebrouse no lugar da Chan o espectáculo Cantar das mozas. Cantos pola liberdade das mulleres. As Afoutiñas estaban detrás desa proposta. Que é esta festa?
Saíu despois duns meses dándolle voltas á idea. Eu sempre lles repito no grupo que hai que tirar para adiante e que a voz de As Afoutiñas ten que escoitarse non só na Chan, senón en moitas parroquias máis e en moitos concellos. Por iso montamos ese evento polo Día da Muller, para reivindicar as figuras femininas da música tradicional. Igual os homes tiveron durante moito tempo máis visibilidade neste eido, pero as mulleres fixeron achegas moi importantes. Tanto as que traballaban na terra como na casa ou no mar vendendo peixe sempre se acompañaban cos seus cantos. Eu creo que iso é algo que hai que poñer en valor e celebrar todos os días. Todas as pandeireteiras e cantareiras que existimos hoxe vimos daquelas mulleres que acompañaban os seus traballos cantando.

Nas letras das pezas tradicionais aprézase algo desta reivindicación feminista? Ou para nada?
A primeira estrofa que resoa no noso primeiro cantar di: Canta, miña compañeira;/ miña compañeira, canta;/ canta, miña compañeira;/ que temos linda garganta. Aí se ve como as mulleres xa buscaban unha reunión e como se reivindicaban. Pertence a unha peza recollida no noso concello, a Xota de Caroi

A música tradicional está o suficientemente valorada pola sociedade galega ou xa viviu tempos mellores?
Eu penso que a música tradicional está presente na sociedade. No noso propio concello aprézase. Pero o que boto en falta é que tivese máis importancia no ámbito educativo. Hai moito descoñecemento. A nosa cultura tradicional forma parte de nós. É algo que está aí e non se pode negar. Pero vexo entre os pais máis interese porque os fillos e fillas vaian a fútbol ou a ximnasia rítmica. Nese punto penso que nos queda moitísimo por traballar. Por iso fixemos tamén un evento como o Cantar das mozas, que queremos que se repita para o ano que vén.

Comentarios