"A Virxinia Pereira había que reinvindicala"

Montse Fajardo, escritora e xornalista ► Biografando a Virxinia Pereira descubriu á muller máis alá da dona de Castelao.
Montse Fajardo (Vilagarcía, 1973). DAVID FREIRE
photo_camera Montse Fajardo (Vilagarcía, 1973). DAVID FREIRE

Por que titulou A vida incerta (Concello de Pontevedra, 2020) a súa biografía de Virxinia Pereira?

No principio do proxecto, o libro tivo outro título provisional, Tirando da vida, que era unha frase que ela repetía moito nas súas cartas: "Sigo tirando da vida". Pero houbo un punto no que me decatei de que esta muller acabou vivindo unha vida que non proxectara en absoluto. Criada nunha familia ben, predestinada a unha vida cómoda, casada cun médico de Rianxo, que despois é deputado, vese exiliada, cun home enfermo, pasando necesidades e implicada na loita galeguista e na defensa do legado do seu home. Todos os plans que puido ir facendo na súa cabeza tiveron que ir mudando constantemente. Así que as incertezas marcan a biografía de Virxinia Pereira.

Ata que punto Castelao eclipsou a súa historia? Foi complicado rescatala para o libro?

Foi complicado na medida en que existe moitísima bibliografía sobre Castelao, pero nela é moi difícil atopar a Virxinia. Normalmente non pasa dunha anécdota. É evidente que quedou eclipsada por Castelao, por esa figura enorme, inmensa. Eu mesma teño desbotado capítulos enteiros porque neles estaba contando a Castelao cando quería contar a Virxinia. Teño que dicir que, neste sentido, para min foi fundamental o asesoramento do Comité Virxiniano, un grupo de WhatsApp que creei con Luís Bará, Xoán Carlos Garrido e Ángeles Tilve, tres persoas fundamentais neste proxecto que me foron guiando todo o tempo.

A biografía descobre cousas como que ela axudou a Castelao a facer os seus debuxos cando xa case non vía ou que foi clave para que se acabase cumprindo a vontade do home de que o seu legado rematase no Museo de Pontevedra.

Para min Virxinia foi unha descuberta. Estaba lonxe de ser unha miñaxoia, desa imaxe que case todos temos na cabeza de simplemente esposa e coidadora. Eu atopei unha muller implicada na loita galeguista e antifascista. Iso que ti mencionas dos debuxos está nos epistolarios. Entre outras cousas, corrixíalle as proporcións. Era o seu lazarillo. Virxinia Pereira é a persoa máis importante da vida de Castelao. Non tería sido quen foi sen ela. Estaría aí evidentemente, pero seguramente sería alguén moi diferente e a súa vida, con certeza, moito máis complicada. Porque el non quería un peso da República, pero había que comer cada día. E aí estaba Virxinia.

Magnificamos os próceres da patria sen matices e non habería que facelo. Este libro pon o foco no que vivían as mulleres 

Tamén descobre detalles máis íntimos como que Castelao con quen ía casar era con Eva Pereira, a irmá de Virxinia, ata que as convencións sociais os afastaron ou que non hai constancia de que a mesma Virxinia soubese da infidelidade coa pianista inglesa Marie Fisher.

Non se pode saber. Atopei moitos ocos que é imposible encher. E non quixen fabular. Ben puido saber da infidelidade e asumila en silencio ou ben puido non sabelo nunca, porque ás veces a persoa afectada é a última en coñecer o asunto. O affaire está documentado na biografía de Paz Andrade e en cartas dos amigos de Castelao. E está o debuxo que el lle fixo a Fisher espida, que se conserva. A min gustaríame que o libro servise tamén para poñer o foco na situación que padecían as mulleres nesa época, no que elas vivían. A súa irmá probablemente estaba namorada de Castelao, pero é obrigada a casar co seu cuñado viúvo para coidar do seu sobriño. A vida de Eva Pereira non foi sinxela tampouco. E, de feito, a propia Virxinia conta os problemas que tivo con ela. Persoalmente paréceme unha historia terrible a súa. Ás veces magnificamos os próceres da patria sen ningún matiz, cando sería convinte facelos. Falo de machismo, por exemplo. E non me refiro a Castelao. Pero hai cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor, por exemplo, criticando a Virxinia por celosa, por pesada... Sen embargo, ninguén cuestionou que Castelao mantivera esa relación con Marie Fisher. Era case unha medalla. Este machismo hai que entendelo, por suposto, no contexto da época, pero aí está.

Foi moi diferente enfrontar esta biografía á de María Victoria Moreno, ‘O escalón de Ulises’ (Concello de Pontevedra, 2018)?

Moito, si. Porque á hora de escribir a de María Victoria fun da man da súa filla, Begoña, e do seu home, Pedro, das súas amigas, da xente que a coñecía e coa que puiden falar, Nesta outra houbo pouco de memoria oral e moito de documentación e bibliografía. Foi máis complicada. Despois, María Victoria Moreno era ela mesma. Ninguén coñece aos seus homes. Pola contra, Virxinia é a muller de Castelao. E moitas veces só iso. Cando dicía que estaba facendo a biografía de Virxinia Pereira, moita xente preguntoume: de quen? Porque é a muller de Castelao. Pero eu namorei da súa historia, sobre todo, lendo as súas cartas, vendo o pavera que era escribindo, confirmando a súa forza e determinación. Está, por exemplo, a que lle escribe á actriz María Casares na que lle fala da "Galiza, isa nazón sempre asoballada". Ostras, Virxinia! É que lle pasas por diante a Ana Pontón! Perdoen vostedes, pero había que reivindicala. Aquí había unha persoa que contar.

Agora mesmo está impartindo o obradoiro literario que a AELG organiza cada ano en Pontevedra. Que tal está sendo a experiencia?

É un taller para converter a vida cotiá das mulleres esquecidas en literatura. Penso que este curso acabou derivando case nunha terapia colectiva. Rimos moito e choramos moito. De min non van aprender nada, pero entre elas si que aprenden moito. Formouse un grupo moi fermoso.

Comentarios