Vivir da BD... hoxe si, mañá non

As situación da BD ven evolucionando dende fai uns anos. Hoxe en día, darse a coñecer sendo un autor novel é moito mais sinxelo, posto que calquera pode facer un blogue ou unha web e expoñer os seus traballos ao gran público, a mellor crítica.

“Parece unha tontería,- comenta David Rubín- pero é moi útil á hora de que o teu traballo chegue a ollos que nin sequera sospeitarías”. Este galardoado ilustrador sábeo ben porque o seu blogue, 'De tripas corazón', é un dos máis visitados por afecionados e especialistas. A maior parte dos autores en activo teñen algún tipo de fiestra propia cara o mundo virtual, onde converxen as opinións dos seus seguidores ou onde calquera que estea interesado pode ver un avance dos seus traballos.

Arrincar desde cero
Disto saben moito os autores que non dispuxeron destas tecnoloxías cando comezaron no mundo das onomatopeias. Kiko da Silva recorda que “cando eu empecei a moverme, tiñas que ir co teu book debaixo do brazo e ter a sorte de atopar algún editor que fora buscando xente nova para probala nas súas editoriais”. Cada un dos autores que agora se atopan nas estanterías das librerías especializadas ten unha historia diferente, pero todas converxen no mesmo punto: as ganas de expresar.

Rubín recorda que non tivo todas as posibilidades abertas ao seu traballo. “Ao comezo da miña carreira pecháronseme unhas cantas portas, sobre todo aquí, en Galicia, por dicir sempre o que penso, por ser sincero e fiel a min mesmo e aos meus principios”.

O mundo da BD é reducido, e a xente que se dedica a el coñécese tanto polo seu traballo como a título individual. “Por sorte- di Rubin- duns anos a esta parte cada vez ábrenseme máis portas. Pero ollo! Non se abren soas, tes que empurralas ou convencer para que chas abran utilizando como arma o teu traballo”.

De vocación, creadores
Un traballo vocacional que os autores, tarde ou cedo, se decataron de que querían facer, ao mellor debuxando nas marxes das libretas. Para Kike Benlloch, guionista de BD e fundador do colectivo Polaqia, non foi así. El decatouse de que quería escribir guións cando  viu que debuxar non era o o que mellor se lle daba. “Nunca me sentín capaz de facer a BD que lía, pero decateime de que aínda que era incapaz de debuxar, podíanseme ocorrer historias”.

Como todos, os seus comezos no mundo da BD veñen ligados a unha afición: “comecei a facela eu mesmo no 98, nunha asociación cultural na Coruña na que nos reuniamos moitos afecionados, e algúns comezamos a facer BD. O soporte era moi humilde, pero creou un caldo de cultivo de facer BD fóra dos circuítos comerciais”.

Quizais grazas a estes comezos modestos, moitos autores chegaron a onde están. Kiko da Silva recoñece que “foi unha cousa moi positiva porque nunca acabaría editando unha revista se como autor tivera tantas facilidades como se poden ter agora”. En palabras de Rubín, “penso que a xeración de autores que surximos a comezos da primeira década do século XXI eramos unha especie de kamikaces que sabiamos de antemán que  pereceriamos no intento de abrirnos paso no mundo da BD e que, ao final, sobre todo grazas ao noso empeño e traballo, conseguímolo”. 

A utopía de vivir dunha afeción
Realmente hai moi poucos autores que vivan só da BD. Os casos máis abundantes son os de quen combina a creación de BD con outro traballo. Hainos ilustradores, deseñadores gráficos, funcionarios, arquitectos... Benlloch é moi directo cando di que non se pode vivir a base de facer BD. “É unha fonte de ingresos adicional. Para min, o perfil de autor que vive da BD é irreal”. 

Nun mundo no que as propias editoras son as que dubidan da rentabilidade económica dos tebeos, pode que os autores o teñan complicado para subsistir tan só de crear historietas, se non existe unha confianza dende o propio sector productor. Kiko da Silva di que “hoxe en día non é fácil vivir de ningunha profesión.

Ademais, na BD témolo máis complicado porque somos autónomos, e vivimos en función de que aos demáis lles vaian ben as cousas, xa que esta é unha profesión que existe sempre e cando non haxa fame na rúa ou a xente non quede no paro”.

Escollos para a profesionalización
Neste tema, di Benlloch que hai unha fenda ao 50% entre os autores da BD. “É un debate constante. Hai xente á que non lle importa no que traballe, porque a BD é a súa parcela independente. Outros, en cambio, din que esta postura libertaria é o xermolo do amateurismo prolongado, e un lastre para a profesionalización do medio”.

De calquera maneira, profesional ou aficionado, os autores rematan tendo o seu pequeno grupo de seguidores en función da calidade dos seus traballos. Nun mundo no que é accesible o contacto cos creadores pódese considerar que o ser 'popular' pode abrir moitas portas. Á hora de editar, Kiko da Silva considera a popularidade como unha facilidade. “Se unha persoa xa ten algo publicado vaille dar máis seguridade ao editor que un autor novel non dá, porque non sabe como vai responder, ou se entregará a tempo un traballo de calidade”.

Rubín é dos que opinan que a fama, mellor para os 'famosos'. “Iso da 'popularidade'  nos tebeos é algo moi relativo. Pouca xente te vai parar pola rúa para que lle fagas un debuxo ou para dicirche que lle encantou o teu último libro. Ás veces pasa, si, pero non podes deixar nin por un minuto que esas cousas se che suban á cabeza”.

O que determina realmente que un autor teña ou non seguidores, ou se lle publiquen ou non obras, é a calidade das mesmas. “As portas non se abren soas", comenta Rubín. "Tes que empuxalas ou convecer para que chas abran utilizando como arma o teu traballo, intentando mellorar con cada un dos encargos ou obras que realices, non hai outro modo. Aquí ninguén regala nada, e a sorte hai que traballala, non chove do ceo”

As revistas, o mellor síntoma de vitalidade creativa
A forza creativa dos autores galegos é máis poderosa que as escasas tiraxes de BD. Por  necesidade, foi o propio sector o que inventou unha maneira de darlle cauce ás corrente de ideas que surxían das mentes dos creadores. Así foi como naceron as revistas. Aínda que ao longo da historia da viñeta galega podemos atopar máis publicacións (como a fenecida 'Golfiño'), na actualidade, as tres que seguen a publicar son, aínda que cadansúa no seu xénero e no seu estilo, tres publicacións que responden aos intereses dos autores de darlle renda solta ao seu verdadeiro instinto creativo: 'BD Banda', 'Retranca' e 'Barsowia'.

'BD Banda' é a publicación máis veterana das tres. Dirixida por Kiko da Silva, a súa primeira publicación foi no ano 2001. Pasou por dúas etapas diferentes: na primeira, multitude de autores participaban na súa creación, despois do 2006, a revista só funciona con equipos creativos fixos que fan series continuadas. Fanse dúas edicións da revista, unha en castelán e outra en galego.

“A nosa intención cando a creamos- explica Kiko da Silva- era convertela no escaparate do que se estaba a facer na BD galega, e durante os catro primeiros anos funciono así, de maneira que moitos editores se valeron da publicación para ver a autores que doutra forma non atoparían”. Cando BD gañou o premio no Saló do Cómic de Barcelona, comenta Kiko da Silva, “quixemos converter o proxecto BD Banda nunha editorial e profesionalizala e convertila en revista, non tiña sentido seguir co formato fanzine”.

Retranca: o que non les de vivo...
Kiko da Silva dirixe tamén outra das revistas galegas. 'Retranca' naceu no 2007 co lema 'Lerasnos de vivos se non nos les de mortos'. O que busca é renovar o humor gráfico galego, aquel cimentado por Castelao e reforzado por Xaquín Marín. “Cando creamos 'Retranca'", - explicaba Kiko da Silva referíndose a unha conversación con Marín-, "decatámonos de que era a primeira vez que se facía unha publicación deste tipo dende o punto de vista empresarial”.

Concebida como unha empresa privada, en 'Retranca' “pasamos das subvencións para non ter ningún tipo de problema cos políticos”, aclara Kiko da Silva, aínda que a liña política da revista teña certa tendecia a meterse co goberno de Fraga. Autores como Xaquín Marín, Luis Davila, Guitián, Kohell, Pepe Carreiro desfilan polas páxinas de 'Retranca' deixando quedar mal aos políticos e falando de cousas da vida diaria.

Alén destas revistas e da autoedición, é complicado atopar publicacións que utilicen o galego como medio de expresión. “Levo dez anos facendo BD profesionalmente para España e en español- explica Kike Benlloch- en canto ás oportunidades de facer BD en Galicia e en galego veñen sendo agora practicamente as mesmas que en 1998: casi nulas, salvo a autoedición”.

Autoedición, a única saída
E o mellor exemplo de autoedición que amosa que o idioma non é unha barreira para chegar ao público é a revista 'Barsowia' . Ten periodicidade semestral, levou o premio no Saló do Cómic de Barcelona á mellor fanzine, e é a vía de expresión do colectivo Polaqia, aínda que nela participan autores estranxeiros e creadores que non están no colectivo.

Definida por Kike Benlloch (actualmente membro de Polaqia pero que ata o 2006 foi o fundador e coordenador) como “unha publicación 100% independente, con todo o que iso conleva”. E con “iso”, Benlloch refírese a “moitas portas pechadas”.

'Barsowia' recorre á autoedición, facendo tiraxes curtas, pero permítese o luxo de que cada un dos autores que participan na súa creación (autores como Emma Ríos, Hugo Covelo, José Domingo ou Manel Cráneo entre outros) poidan expresar libremente o que queiran, e en galego. Rubín dicía que Barsowia era unha excepción, xa que a súa tiraxe abarca o ámbito estatal, e véndese fóra de Galicia pese ao 'impedimento' da lingua. Por isto,'Barsowia' demostra que a linguaxe da BD non ten fronteiras.