Voadora despídese dos escenarios

A compañía da pontevedresa Marta Pazos anuncia que lle pon fin á súa traxectoria coa montaxe de 'Hoax Hamlet'
Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz, os tres fundadores de Voadora. MIRAMEMIRA
photo_camera Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz, os tres fundadores de Voadora. MIRAMEMIRA

A compañía de teatro Voadora, que foi fundada en 2007, entre outros, pola pontevedresa Marta Pazos, vén de anunciar que lle pon fin á súa traxectoria. Faino coa montaxe de Hoax Hamlet, estreada esta noite no Festival Escenas do Cambio, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. "Cunha performance ao vivo de despedida, o seu Hoax Hamlet foi unha fermosa fábula de adeus e agradecemento ao apoio de todas as compañeiras, colaboradoras e cómplices diante e detrás dos escenarios que acompañaron á formación durante estes 15 marabillosos e incansables anos de andaina escénica", indican os responsables de comunicación de Voadora.

Para despedirse dos escenarios, o grupo, que realizou máis de 20 producións ao longo da súa traxectoria, escolleu realizar esta proposta, que puxo sobre as táboas "a todas e todos as e os integrantes da compañía". “Hoax Hamlet é unha fábula", indica Voadora. "É o noso fillo. E aos fillos hai que saber cando lles tes que ensinar onde está a porta para que se poidan ir".

O director de Hoax Hamlet, Hugo Torres, asina tamén, xunto a Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. Sobre a escenografía de Marta Pazos, Torres dirixiu unha montaxe coral na que participaron, como intérpretes, os propios Torres, Epelde e Anido; ademais do equipo ao completo da compañía: Marta Pazos (directora artística e escenógrafa), Montse Triola (distribuidora), Jose Díaz (actor e produtor), Pablo Chaves Maza (axudante de escenografía), Vicente Conde (contable), Iván Núñez Casal (iluminador) e David Rodríguez (son). "Deste xeito, Hoax Hamlet pecha o círculo aberto hai 15 anos co primeiro espectáculo da compañía, Periferia, na que as e os intérpretes eran os membros da compañía", indica o grupo. A creación, ademais, contou coa música orixinal de Mariña Paz Otero, Tom Archi e Hugo Torres. 

OTHELLO. Voadora xa non realizará máis montaxes, pero lembra que o público aínda ten ocasión de ver en xira unha das últimas creacións: Othello, dirixida por Marta Pazos, que nas próximas semanas visitará o 39º Heidelberg Stückemarkt Festival en Alemaña (8 de maio), o Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), o Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e o Teatro Principal de Ourense (9 de xuño).

Unha ollada irreverente e unha coidada posta en escena caracterizaron o traballo de Voadora. Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz, que a partir de agora seguirán cos seus propios proxectos, foron os fundadores desta compañía, que apostou desde os seus comezos pola investigación na creación contemporánea e acabou converténdose nunha das grandes referencias da vangarda escénica española.

Comentarios