O crocodilo volve surfear o río

O festival Surfing the Lérez celebrará os días 14 e 15 de xuño, na Illa do Covo, unha Edición Karma na que volve ás orixes do evento ▶ Niños Mutantes, Juno, Joe Crepúsculo, Grande Amore, The Rapants e Ortiga son algúns dos protagonistas dun evento que tamén incluirá un Entroido infantil
Gravación do anuncio do Surfing the Lérez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Gravación do anuncio do Surfing the Lérez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"We’re back" ("estamos de volta"), di o crocodilo do cartel deste ano do festival Surfing the Lérez de Pontevedra. Volve a mascota deseñada polo debuxante Santiago Paredes (Culebra Studio) e volven tamén moitos dos artistas e das bandas que manteñen vínculos co evento practicamente dende o seu nacemento. "Volvemos ás orixes", confirmou este venres o coordinador do festival, Marcos Rivas, na presentación oficial da programación, facendo referencia específica a Niños Mutantes e ás escuderías dos selos Ernie Records e Subterfuge. O festival terá lugar na Illa do Covo, con entrada de balde, os días 14 e 15 de xuño, "adiantando o comezo do verán", apuntou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.

Así é que a 13º edición do Surfing the Lérez se lle chamou Edición Karma, porque lembrará o que foi o seu nacemento nesa sala de concertos de Pontevedra, actualmente pechada ao público. "A ver se podemos reabrir pronto. Estamos niso", avanzou Rivas ao respecto da situación do local da rúa Marqués de Riestra.

Catro escenarios volverán acoller as actuacións do festival, que ten aínda algunha banda pendente de confirmar. A maioría das que xa aparecen no cartel foron facéndose públicas aos poucos desde hai semanas nas redes sociais.

Último concerto

A banda granadina Niños Mutantes, que anunciou que deixaba os escenarios este ano, ofrecerá en Pontevedra o que será o seu último concerto nun festival galego. "Despois aínda terán unha data na sala Capitol pero, ao aire libre, a do Surfing será a última en Galicia".

Habituais como Ortiga (que está lanzando agora mesmo os primeiros temas do que será o seu terceiro álbum), The Rapants (que publicaron hai pouco o seu novo disco, La Máquina del Buen Rollo) e Grande Amore (que vén de gañar o premio ao mellor álbum en galego nos MIN, os galardóns da música independente en España) mesturaranse con algúns nomes relevantes da escena independente estatal como Juno o Joe Crepúsculo; outros da nova fornada galega como Hydn e artistas da escena local como Javier Lago. A maiores tamén estarán Galician Army, Atención Tsunami ou Lady Banana.

"O 80% das bandas son galegas", quixo destacar o concelleiro Demetrio Gómez. Xunto a Marcos Rivas tamén fixo fincapé na decisión de seguir dándolle o mesmo protagonismo a bandas locais, galegas e de fóra.

Aínda que a entrada é gratis, a organización volve pedir a colaboración do público para acadar a doazón de dez toneladas de alimentos

"Levamos 13 anos con festival e non queremos traer a Green Day. O que queremos é seguir apostando nel polo indie, o underground, o garage e a electrónica, como fixemos sempre", sinalou Rivas, que tamén destacou a celebración dun Entroido infantil, para seguir animando ás familias a levar á cativada ata a Illa, e o carácter solidario que segue a ter o evento.

"Non se cobra entrada, pero colaboramos con Rede Axuda recollendo alimentos para as familias necesitadas", lembrou. "Nos últimos anos baixou esta colaboración e queremos volver potenciala. O noso obxectivo é chegar ás dez toneladas. A ver se o conseguimos".

Presentación del festival Surfing the Lérez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Presentación del festival Surfing the Lérez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Videoclip

Como noutras edicións, o Surfing the Lérez, que recibiu o Premio Martín Códax ao Mellor Festival Galego no ano 2017, contará cun videoclip promocional. Gravouse este venres diante do Panderetas, o local que ten Marcos Rivas no Campiño de Santa María.

Volvemos a Primera encargouse da gravación do spot promocional deste ano, que se realizou no Campiño de Santa María

Da produción encargouse Pablo Cacheda (Volvemos a Primera) e de animar a xornada, o DJ Gorllitox. Para protagonizar o spot, os responsables do festival pontevedrés lanzaron unha convocatoria aberta a través das redes sociais. A única condición: ir vestido como é tradición no propio festival, con camisa hawaiana.

Catro escenarios volverán acoller as actuacións do festival, que ten aínda algunha banda pendente de confirmar. A maioría das que xa aparecen no cartel foron facéndose públicas aos poucos desde hai semanas nas redes sociais. Niños Mutantes, que anunciou que deixaba os escenarios este ano, ofrecerá en Pontevedra o que será o seu último concerto nun festival galego. "Despois aínda terán unha data na sala Capitol pero, ao aire libre, a do Surfing será a última en Galicia". Habituais como Ortiga, The Rapants e Grande Amore mesturaranse con algúns relevantes nomes da escena independente estatal como Juno o Joe Crepúsculo; outros da nova fornada galega como Hydn e artistas da escena local como Javier Lago.

Comentarios