domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

A voz de Felicia Insuela volve á Boa Vila da man do Memorial Ricardo Portela

Acto de homenaxe. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Acto de homenaxe. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A XXI edición do programa homenaxeou á cantareira covelense, "unha das moitas mulleres do noso país que mantiveron viva a cultura" da música tradicional galega

A boa tarde que quedou sábado na cidade converteuse no pano de fondo perfecto para a xornada final da XXI edición do Memorial Ricardo Portela, organizado un ano máis polo consistorio pontevedrés e a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) na céntrica Praza da Ferrería.

Un pouco máis tarde das 21.00 horas, o voceiro da Asociación, que deu a benvida aos asistentes congregados "para celebrar que hai 100 anos que nacía en Viascón o mestre Ricardo Portela Bouzas, que nos deixou un legado ben bonito no eido musical e cultural e nos principios e valores que nos transmitiu", comezaba por agradecer ao Concello de Pontevedra a organización do evento malia a situación sanitaria, "porque economicamente é un esforzo sobrehumano organizar un evento destas características e facelo tan ben, coas medidas de seguridade oportunas". De seguido, membros da directiva, acompañados por dúas gaiteiras, interpretaron o 'Alalá de Muxía' e 'Os olliños dunha pataca', na "honra do noso mestre Portela".

Un mestre a cuxa familia, igual que á de Felicia Insuela, a homenaxeada, lle foi entregado un ramo de flores de man da concelleira de Festas, Carme da Silva, e do presidente da Asociación, Xaneco Tubío. O representante dos Portela quixo agradecer á AGG, no centenario do nacemento do gaiteiro, "que teñan recollido a semente que plantou Ricardo e que a sigan espallando durante todos estes anos".

A continuación subía ao escenario Xandre Outeiro, da Asociación Cultural Trépia, para falar "do torrente de enerxía e vida que era Felicia Insuela", de quen destacou primeiramente a súa calidade humana, antes de falar da informante increíble da tradición que era. Xa que, malia ter sido moi coñecida polas 'cantigas picantes' de aplauso fácil na televisión, o coordinador de Trépia quixo pór en valor "a cantidade de información que tiña e que estaba disposta a regalar a quen lla quixera escoitar. Creo que poucas informantes coñecín que tocaran absolutamente tódalas tipoloxías dos cantares tradicionais que pode haber. Ela tiña repertorio para todo iso e moito máis".

Sinalou tamén a súa vea creativa: "Coincidiu que nós estabamos comezando un proxecto coa Asociación, e sempre faciamos músicas saíndonos dos cauces habituais. A ela encantoulle a idea desde o principio e chegamos a facer algunhas gravacións. Creo que a mellor homenaxe que lle podemos facer é tocarvos dous deses temas que fixemos con ela. Grazas a ter precisamente as gravacións podemos escoitar hoxe a súa voz aquí con todos vós". O primeiro deles, un canto de berce que Insuela coñecía como 'Aileilón'.

De seguido, foi a quenda de 'As labradas de Fofe', outro dos cantares, como explicou Outeiro, "que ela nos aprendeu, entre os centos deles, e que ela aprendera en Fofe, na súa terra natal. Felicia sempre dicía que o de cantar lle viña de súa nai e súa avoa, duns tempos nos que a vida era moi dura, e o cantar era algo que axudaba a levar a fame". Un tema que, malia non ter podido ser gravado con ela na Aña urbana da Asociación, decidiron finalizar e incluír no disco que veñen de facer.

Pasadas as 21.30 horas, e chegada a fin da homenaxe, o voceiro da Asociación de Gaiteiros anunciaba a quenda do concerto "dun dos mellores e máis bonitos grupos do país", Os Melidaos.

A voz de Felicia Insuela volve á Boa Vila da man do Memorial...
Comentarios