domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Guadi Galego: "Pontevedra foi onde tocamos xuntos por última vez Xabi e eu"

Xabier Díaz e Guadi Galego. ALBA SOTELO (ARQUIVO)
Xabier Díaz e Guadi Galego. ALBA SOTELO (ARQUIVO)
Guadi Galego e Xabier Díaz inaugurarán os concertos pos-covid o 4 de xullo na explanada do Pazo da Cultura

Xabier Díaz

"Non se me ocorre mellor lugar nin mellor compañeira para arrancar de novo a vida"

Pontevedra. "Por unha cuestión case de azar, sen querelo, o que ía ser o concerto número 14 ou 15 da xira deste novo álbum [‘As catedrais silenciadas’] acabou converténdose no primeiro. Que sexa en Pontevedra é especial porque nesta cidade sempre se me abriron as portas e sempre me sentín querido. Aí presentei o primeiro disco da miña carreira profesional, acompañado precisamente de Guadi. Curiosamente, o último concerto que fixemos xuntos foi tamén aí, na Ferreiría, unha noite de verán. Teño moi bo recordo daquela noite igual que os teño de todos os encontros no palco con Guadi. Todo o mundo sabe que somos amigos máis alá dos escenarios, así que cando coincidimos sempre é unha celebración. Non se me ocorre mellor lugar nin mellor compañeira para arrancar de novo a vida e arrancar de novo a música".

O concerto. "No meu caso, estou estreando disco, así que o 50 ou o 60% do repertorio é novo. E vai ser o primeiro concerto do noso novo acordeonista, que se chama Roberto Grandal. Despois de tanto tempo sen pisar os palcos, teño unha sensación que non tiña había moito tempo: esas cóxegas de cando vas presentar algo novo".

O confinamento. "Non estiven ocioso, así que a miña cabeza tampouco tivo moito tempo para reflexionar sobre o pasaba. Nin tan sequera vin moito as noticias. Teño por hábito ver un informativo de noite, pero pouco máis. Estiven traballando nunha entrega para un documental, uns episodios que fixo a BBC Alba, nos que colaboramos músicos escoceses e galegos. Guadi tamén participou nalgún. Iso levoume moito tempo. Tiña tamén un par de colaboracións pendentes. Como son un tipo bastante disciplinad, pola mañá xa adoito sempre a baixar ao estudio a traballar. Entre unhas cousas e outras fóiseme o tempo, case sen darme conta. Teño que confesar que gocei moito do cambio de ritmo, porque viña de máis de 200 concertos en directo nos últimos anos, de moitas viaxes. Aprecei moito volver á casa e gozar da intimidade, da música, da miña compañeira, do meu espazo vital. Pero agora xa teño ganas de volver a funcionar".

O futuro. "Unha cousa é o que está no plano dos desexos, o que nos gustaría; outra cousa é a realidade, que vai acabar impoñendo a súa verdade. Eu procuro non especular. Agardo que dentro de medio ano, de oito meses, haxa solucións no plano sanitario que permitan volver a unha certa normalidade na profesión, que, de calquera xeito, probablemente se vexa condicionada por toda esta situación, aínda que tampouco sei en que medida. Se non é así, quizais o que se impoña serán os concertos vía streaming e os aforos reducidos. A min, que son un ser analóxico e me gusta ver á xente diante, aplaudindo e bailando, encantaríame volver á realidade anterior, e non ter que coñecer unha nova".

Guadi Galego

"Despois de tantos meses sen tocar, imos para Pontevedra con máis forza que nunca"

Pontevedra. "Pontevedra foi onde por última vez que estivemos xuntos tocando Xabier e eu. Foi na Praza da Ferreiría. É unha cidade especial, primeiro, porque sempre apostou pola nosa cultura e por artistas emerxentes. Agora que parece que comezamos a saír dese furado que foi o confinamento, case semella cousa do destino poder volvernos xuntar aí".

O concerto. "Vai ser tamén un concerto moi marcado por medidas de seguridade e sanitarias. É un concerto moi especial, o primeiro da nova etapa. Imos cheos de ilusión. Imos con máis forza que nunca ao levar tantos meses sen tocar. No meu caso presentarei Immersion, un disco que aínda non puidera levar a Pontevedra. Aí iamos pechar a xira no que queriamos que fora un concerto especial con convidados e finalmente vai ser un concerto especial igual, pero polas circunstancias. Estaremos só eu e a banda. A ver que tal levamos que a xente non poida bailar, que non poida moverse das súas cadeiras, do seu espazo... Iso igual vai ser o máis estrano, pero quizais cara o final se poderá poñer de pé e bailar en solitario ao seu xeito sen moverse moito do sitio".

O confinamento. "Eu estiven criando, porque teño dous pequenos. E agradezo todo ese tempo con eles, aínda que houbo momentos moi bos e outros máis complicados. Agora mesmo xa estou comezando a ter un pouco máis de tempo para min e trato de recuperar ese periodo no que quizais non traballei tanto como quixera. O confinamento leveino ben, aínda que recoñezo que cando xa levabamos mes e medio si que comezou a entrarme algo de preocupación sobre como iamos saír adiante. Xa non por unha mesma, senón por todo o que te rodea. Pero eu son das que penso que nos imos recuperar antes do que pensamos ou antes do que nos din os expertos. Hai que ser optimistas, non nos queda outra".

O futuro. "A min, por exemplo, que se concreten medidas do tipo ‘permitido o 75% do aforo’ preocúpame menos que que se normalice o que é a vida. Ás veces parece que a cultura non dá tantos cartos como outros sectores e que se se corta por aquí non pasa nada. Pero da cultura vive moita xente. Non digo que non haxa que curtar onde, ao mellor, se xuntan 15.000 persoas, pero nun teatro onde se xuntan 400 cal é o problema? A min preocúpame ata que punto se vai precarizar o sector. Lembro a outra crise e a caída de moitos compañeiros que non puideron aguantar o tirón: unha compañía de teatro máis ou menos grande, unha banda de seis ou sete membros.... Non nos podemos deixar arrastrar por iso. Temos que manternos fortes para evitar precarizar o sector. Non. Temos que aguantar e pedirlle ás institucións que nos deixen aguantar, que moita xente vive disto".

Guadi Galego: "Pontevedra foi onde tocamos xuntos por última vez...
Comentarios