Xabier de Lus: "O único co que eu soñei sempre foi con fabricar beleza"

O creador de Muxía, irmán do crítico de arte Antón Castro, realiza no Pazo das Mendoza a súa primeira exposición en Galicia ►'Trastorno doce' permanecerá aberta ata o 30 de xaneiro
Xabier de Lus, xunto á súa obra, no Pazo das Mendoza de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Xabier de Lus, xunto á súa obra, no Pazo das Mendoza de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

"Eu nunca parei de pintar. Sempre pintei", di Xabier Castro (Muxía, 1960), que asina artisticamente como Xabier de Lus. Co resultado do seu traballo recente fronte aos lenzos, o creador compuxo Trastorno doce, a exposición que vén de inaugurar no Pazo das Mendoza de Pontevedra. Permanecerá aberta ao público ata o 30 de xaneiro. "O único co que eu soñei sempre foi con fabricar beleza", confesa.

Mariñeiro durante máis de 20 anos –"entre 1973 e 1997", recita de memoria–, só considerou marchar de Muxía por amor. "Deixei o mar porque namorei dunha madrileña". Regresou de Madrid en 2009 e retomou con forza a súa faceta creativa, que desenvolveu ao longo de toda a súa vida de diferentes formas: como poeta, como artesán, como artista plástico.

A de Pontevedra é a súa primeira exposición en Galicia. "Antes, fixen dúas en Madrid: na galería EEGEE 3 e na feira de arte Art Madrid", explica. "Aquí escollín empezar a mostrar o meu traballo en Pontevedra porque é unha cidade que me encanta".

sobral. Por iso e porque unha das persoas que o máis o empurrou a dar o paso foi o tamén pintor de Marín Antón Sobral, que vive na cidade. "Esta exposición non sería posible sen Sobral. Foi a persoa que máis me insistiu en que mostrase isto despois de 40 anos de traballo anónimo. Foi el quen máis tirou de min para que o sacase á luz. Quero que desocupes a casa e leves todo isto á rúa, dicíame. É o momento. Voullo agradecer sempre".

Sobre o seu traballo di o teórico Antón Castro: "No retorno a Galicia, Xabier consolida unha linguaxe visual ligada ao postformalismo, entre as referencias figurativas de carácter biomórfico e orgánico e unha abstracción esquemática que se inspira en obxectos, formas e seres vivos extraídos da vida real (...)". Ademais de crítico de arte, Antón Castro é o seu irmán. "Somos irmáns, pero discrepamos bastante. Temos ideas moi diferentes sobre o que é a arte", sinala o pintor, que tamén revela que cada un dos seus cadros agocha unha historia persoal. "E, de feito, está escrita por detrás. Non se poden xirar as obras, pero é así: en cada cadro está escrita a súa historia".

Foi mentres estivo en Madrid que Xabier de Lus empezou a traballar máis en serio na súa pintura, ao tempo que realizaba traballos de artesanía. "Tiña que vivir de algo e dediqueime a facer casas de bonecas", conta. "Realicei algunha maqueta importante, como unha reprodución dunha botica da Coruña, que xirou da man da Deputación durante dous anos, ou outra da Casa Batlló, que tiveron certa repercusión. No caso da obra de Gaudí, escollina porque admiro moito a este arquitecto. Porque, cando deixei o mar, decidín render homenaxe a aquilo que admiraba".

Comentarios