Xaime Toxo: "Pontevedra debería apostar polo modelo de cidade cultural"

O Premio Pontevedreses da Cultura recae este ano no Ateneo de Pontevedra, unha institución que ten entre os seus fundadores a Torrente Ballester ou Filgueira Valverde. No 2015 celebra medio século de vida
Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra
photo_camera Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra

Con arredor de 170 socios encara o Ateneo de Pontevedra a celebración do seu medio século de vida. A institución que mudou a historia cultural da capital da provincia nos anos 60, que conta entre os seus fundadores con Isidoro Millán, Gonzalo Adrio, Zulueta de Haz, Manuel Cuña, Agustín Portela, Antonio Odriozola, Filgueira Valverde e Torrente Ballester e que mantén intacto o seu prestixio, recibe este ano o Premio Pontevedreses da Cultura demandando un relevo xeracional e un Observatorio da Cultura en Pontevedra. O mestre e escritor Xaime Toxo (Bueu, 1955) é o seu presidente dende 2007.

Cales son os problemas máis importantes aos que se enfronta hoxe en día o Ateneo?

Paradoxalmente, aínda que o momento presente sexa complicado, o Ateneo non vive unha mala época. Hai moitísima efervescencia cultural non só na cidade, que tamén, senón en xeral en toda Galicia. A crise derivou nunha nova forma de traballar. Outra cuestión son os recursos humanos dos que dispoñemos. Neste sentido, gustaríanos que houbera unha remuda xeracional, que non se está dando. Non só me gustaría que a xente nova entrase no Ateneo, é que é necesario que así sexa para garantir a supervivencia.

O problema máis grave non é o recorte nas axudas económicas?

Ter axudas é moi importante. Pero eu non estou pola queixa. Cando comezou a crise, o Ateneo, como moitas asociacións semellantes, sufriu a perda de axudas institucionais. Eu pensaba que iso ía incidir moito máis do que despois incidiu e que incluso podía poñer en perigo a existencia da institución. Non foi o caso para nada. Comezaron a desenvolverse unha chea de iniciativas de tipo autoorganizativo que lle seguen dando sentido a asociacións como a nosa. É certo que manexar un certo orzamento permitía traer a Pontevedra a ‘primeiras figuras’ do ámbito cultural, sobre todo, de fóra de Galicia. É obvio que convidar a esa xente é máis caro que a calquera outra do ámbito no que nos movemos. Iso, hoxe por hoxe, non se pode facer.

"Os méritos de Filgueira son incuestionables. E a súa traxectoria política o que debería é servir para abrir un debate sobre o papel dos intelectuais no franquismo"

Non lle gustaría estar á fronte dun Ateneo como ese que todo o mundo lembra dos anos 60 que revolucionou a cultura en Pontevedra e en Galicia?

As cousas mudaron moitísimo dende aquela. Non creo que se puidera repetir todo aquilo. Nin me gustaría, nin me deixaría de gustar. A xente que agora mesmo está na directiva do Ateneo, xente como Carlota Román, Antón Louro, Antón Sobral e eu mesmo, coincidimos na Universidade de Compostela a finais da década dos 70 xa traballando nos ámbitos universitarios en asociacións como O Galo, O Eixo e outras. Quero dicir que temos unha experiencia considerable no ámbito cultural. Ese Ateneo do que ti falas apareceu nunha cidade non universitaria e bastante provinciana, como era a Pontevedra daquel momento e para a que supuxo un revulsivo. Loxicamente deixou unha fonda pegada. Á súa fronte púxose xente moi preparada que marcou a historia, a tradición e incluso o momento actual da institución. Aínda hoxe cando alguén fala do Ateneo, pensa naquel Ateneo. E iso non é malo, para min é moi positivo. Sempre lembro que a redacción dos nosos estatutos se lle debe á man de Gonzalo Torrente Ballester. É un detalle, pero un detalle moi importante que dá conta do orgullosa que se debe sentir a asociación da súa historia.

Pero os seus obxectivos hoxe son diferentes aos daquela.

Non é tanto que os obxectivos cambiaran como que cambiou a sociedade. Vivimos un momento histórico de mudanza acelerada. Non só no ámbito da cultura, senón tamén nos ámbitos socio-políticos e mesmo económicos. Estámonos encamiñando cara un novo tipo de sociedade. Pontevedra pasou de ser unha cidade de servizos moi ligada ao rural a ser unha cidade con vida propia, dinámica, universitaria e cun aumento considerable de poboación. Estamos falando dun novo escenario que nos obriga a enfrentármonos cos retos da modernidade. E son inmensos. Na cultura, como en case todo, están moi ligados ás novas tecnoloxías da información. Hoxe todo está na rede. Podes acceder a unha conferencia que se deu onte en Nova York. Hai 30 anos traer a un escritor de Madrid era un fito. Hoxe ten pouca ou escasa relevancia. Hai que encamiñarse a novos formatos, hai que crear rede, tecido cultural. Os formatos agora mesmo son máis reducidos, máis creativos, máis interactivos, máis de crear cultura dende o local. Segue sendo moi importante o contacto humano, pero doutra maneira.

"Dende o Ateneo seguimos demandando acordos que poñan fin ao aluguer do Café Moderno. Débeselle devolver á cidadanía"

Filgueira Valverde foi un dos fundadores do Ateneo. Que lle parece a polémica que rodea a súa elección por parte da Academia Galega para ser o protagonista do Día das Letras Galegas?

Este é un tema tremendamente complexo no que non me gustaría contribuír a crear máis ruído. Os méritos literarios do profesor Filgueira son incuestionables e a súa traxectoria profesional como investigador, docente e investigador o mesmo. Agora ben, o profesor Filgueira ten unha traxectoria política. Indubidablemente optou por formar parte de órganos de poder e de administración que representaban a unha ditadura. Pero unha sociedade democrática e madura, como debería ser a galega, posúe os resortes suficientes como para analizar dende o rigor histórico os distintos planos de decisión e creación dos seus intelectuais durante un periodo tan prolongado e ao mesmo tempo tan variable no seu devir como foi a ditadura franquista. Eu preguntaríame se no caso de Filgueira se dá unha identificación ideolóxica con aquel réxime. Eu son da opinión de que non. Penso que Filgueira era unha persoa que comulgaba con algúns principios, pero non coa identidade ideolóxica do réxime. No papel xogado polo profesor Filgueira danse elementos suficientes de consideración como para ser homenaxeado no Día das Letras coa carga de polémica á que está dando lugar, e que debería servir para clarificar cal foi o papel dos intelectuais durante o franquismo e así entender unha parte da nosa historia.

Cando Abanca (antes Novagalicia Banco, antes Novacaixagalicia) comezou a cobrar aluguer polo Café Moderno, só o Ateneo denunciou que houbese que pagar polo uso dese espazo histórico. Séntense sós en situacións como esa?

Eu creo que Pontevedra debería apostar polo modelo de cidade cultural. Para iso é imprescindible unha coordinación institucional que debería xestionarse a través dun Observatorio Cultural. Deberían atoparse fórmulas cooperativas, crear unha nova cultura de cooperación cultural. A potencialidade neste sentido de Pontevedra é inmensa e debería aproveitarse. É un valor engadido para a cidade. Como tamén o é para o mundo empresarial, que debería involucrarse máis neste eido, como o fai xa noutros, nomeadamente o deportivo, algo que está moi desenvolvido noutras sociedades como a francesa e a británica. Cultura e empresa constitúen unha boa maridaxe. A cultura ten que xerar traballo e riqueza en Pontevedra. Sobre o que comentas do Café Moderno, aproveito para volver a demandar a súa recuperación para a cidadanía. É un espazo cunha tradición, cunha historia, cun impacto urbanístico tan importante na cidade, que non podemos prescindir del. Dende o Ateneo facemos un chamamento para buscar fórmulas de acordo, convenios entre a Concellería de Cultura e a Fundación de Abanca, para rematar co aluguer ao asociacionismo de base da cidade e que se poida volver usar libremente para realizar actos culturais.

Comentarios