Xavier Castro: "Hai que coñecer a historia con perspectiva de xénero"

O investigador e divulgador Xavier Castro presenta este mércores Cociñeiras con talento no Espazo Lector Nobel ▶Ricardo Fernández Guerra e Carlota Román participarán no acto, no que se servirán petiscos elaborados polo alumnado do CIFP Carlos Oroza
 
Xavier Castro co seu libro 'Cociñeiras con talento'. RAFA FARIÑA
photo_camera Xavier Castro co seu libro 'Cociñeiras con talento'. RAFA FARIÑA

Unha cata de viños e unha degustación de petiscos servirán para poñerlle o ramo este mércores 8 de maio (19.00 horas, entrada libre ata completar cabida) en Pontevedra á presentación do libro Cociñeiras con talento. Mulleres e gastronomía en Galicia (Trasforma, 2023), do investigador e divulgador gastronómico Xavier Castro (Cangas, 1954), O autor estará acompañado polo profesor do CIFP Carlos Oroza Ricardo Fernández Guerra; a comercial de Terra de Asorei Celia Bejo, e a expresidenta do Ateneo de Pontevedra, Carlota Román.

O Espazo Lector Nobel acollerá esta presentación, que incluirá a cata do albariño Nai e do tinto Espadeiro, ao que lle cantara no seu día Ramón Cabanillas, así como degustación duns petiscos elaborados polo alumnado do CIFP Carlos Oroza.

Esta é unha vindicación das mulleres en base ao estudo e ao rigor. Non é un panfleto, é unha obra documentada e académica, pero tamén divulgativa

"A través de catro capítulos o que propoño neste libro é un achegamento á relación das mulleres en Galicia, ao longo de toda a historia, cunha cuestión tan básica como é a da alimentación", explica Xavier Castro sobre a súa obra, que conta cun prólogo da chef Lucía Freitas. "Pódese dicir que é un libro de gran angular".

Segundo conta o autor, o seu volume non só retrata o papel que xogaron as mulleres na gastronomía galega, senón tamén o que xogaron os homes. "Elas como discriminadas e eles como privilexiados. Así que, en definitiva, o que temos aquí é un retrato de toda a sociedade".

As mulleres son as creadoras de fórmulas tan exitosas como a do polbo á feira ou a do lacón con grelos

Dez páxinas de bibliografía avalan o traballo de documentación do investigador, que defende a necesidade de revisar a historia poñendo o foco sobre as mulleres. "Hai que coñecer a historia con perspectiva de xénero", asegura. "Esta é unha vindicación das mulleres en base ao estudo e ao rigor. Non é un panfleto. É unha obra documentada e académica, pero tamén divulgativa". De feito, segundo di, co obxectivo de acadar unha lectura amena, o volume está salpicado de anécdotas que ilustran as teses do libro. "Ten vontade literaria e moita cor. Déixase ler moi ben".

Entre as fontes que manexou destaca a literatura testemuñal, a alta literatura, as memorias, a prensa "e toda unha serie de documentación variada e hereroxénea". A todo isto habería que sumar as fontes orais que atinxen aos últimos 80 anos. "Entrevistei a moitas mulleres e homes para coñecer zonas de sombra non rexistradas anteriormente".

Eles comen máis, mellor e máis comodamente. Elas quedan co pescozo do polo, coa cabeza do peixe, coa parte queimada... Son xenerosas en favor dos homes de dos fillos

Cociñeiras con talento está dividido en catro capítulos principais e segue unha orde cronolóxica. En cada un deles analízase o papel da muller nun ámbito concreto da súa relación coa alimentación. 

No primeiro fálase delas como produtoras e vendoras de alimentos. "Traballan nas hortas e nas leiras; traballan nas fábricas de conserva e venden os produtos nos mercados e nas tendas". Aquí Xavier Castro demostra a que é unha das teses do seu libro: "As mulleres traballan máis que os homes en Galicia. Fan unha pluriactividade incesante. Non paran. Incluso no suposto tempo de lecer están facendo algo".

O segundo capítulo céntrase no tema da cociña, "na preparación do xantar". "Aquí defendo outras teses. Unha, que en Galicia cociñaban só as mulleres; os homes tiñan aversión a cociñar. É unha actividade exclusivamente feminina", di o autor. "Outra, que a invención da gastronomía galega enxebre é obra de mulleres. Son as creadoras de fórmulas tan exitosas como a do polbo á feira ou a do lacón con grelos".

O terceiro capítulo achégase ao que sería o feito de comer, "a mesa e o mantel". Para Castro, neste apartado o que destaca é "a renuncia" por parte das mulleres. "Os homes comen máis, mellor e máis comodamente. Elas quedan co pescozo do polo, coa cabeza do peixe, coa parte queimada... Son xenerosas en favor dos homes e dos fillos".

Finalmente, no capítulo cuarto, Castro fala do que chama "a sociabilidade". Aquí aparece "a cortesía e o machismo encuberto". As mulleres non sentan a comer tranquilas, senón que seguen traballando e atendendo a mesa.

Comentarios