jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

"Traducir Astérix é divertidísimo, pero tamén moi complicado"

O novo académico correspondente da RAG Xavier Senín. MARICARMEN MERA
O novo académico correspondente da RAG Xavier Senín. MARICARMEN MERA
Se os Tonechos acabaron nun dos álbums de Astérix foi por culpa de Xavier Senín. O novo académico correspondente da RAG, natural de Pontecesures, ten no seu haber máis de 150 títulos. Entre outras cousas, formou parte do equipo que traduciu o Quixote ao galego e é coautor da biografía de María Victoria Moreno 'Sementadora de futuro'

Manuel Bragado di que co nomeamento de Xavier Senín (Pontecesures, 1949) como correspontedente, a Real Academia Galega (RAG) incorpora "un dos nosos sabios". El négao e lembra con humildade como a súa amiga María Victoria Moreno, cando lle daba unha opinión que non lle gustaba, lle espetaba que tiña que aprender a ler. "Era unha das persoas que máis quixen e admirei na miña vida". Licenciado en Filoloxía Moderna na rama de francés, Senín, que foi director xeral do Libro da Xunta de Galicia en distintas etapas, ten traducido ao galego dende aos irmáns Grimm ata a Yasmina Reza, pasando por William Shakespeare.

Como recibe este nomeamento da Academia?
Supón, primeiro, unha honra. E, despois, unha responsabilidade. Haberá que ir vendo que podo achegar eu á institución.

Dixo Manuel Bragado na rede social Twitter, que a Academia contaba, a partir de agora, "cun dos nosos sabios".
Manolo é moi amigo. Ben se ve. Eu algo sei, por exemplo, do mundo do libro galego, aínda que probablemente xa souben moito máis do que sei. Pero un sabio xa che digo que non son. Non son Alonso Montero, Fernández Freixanes ou Fina Casalderrey, por poñer uns exemplos. Eles si que o son.

Algo saberá do libro alguén que publicou máis de 150 títulos.
Pero é un traballo de moitos anos. Comecei nos 80 cando non había moitos tradutores. E de casualidade. Grazas a Carlos Casares e a Alfredo Conde. Encargábanme cousas para a rapazada e aceptábaas sen estar especialmente preparado. Aínda que si, sabía galego, castelán e francés, algo de italiano e algo de catalán. Así empecei. E ata agora, que estamos no ano 2020, no que sigo traballando.

"Foi unha honra moi grande acometer a tarefa do Quixote, pero foi un traballo complexo. Ao comezo mesmo nos parecía imposible enfrontalo"

Coa súa incorporación como correspondente, a Academia recoñece a importancia da tradución ao galego. Está suficientemente considerada a labor do tradutor?
As cousas son moi diferentes hoxe a como eran no anos 80. Iso é obvio. Hai unha facultade de Tradución en Vigo. Hai moita xente que traballa na tradución marabillosamente ben. Non ten nada que ver ao que foron aqueles primeiros anos traballando xunto a Valentín Arias, para min un dos nosos mellores tradutores, á parte dun grandísimo amigo, e outra xente fundamental como Antón Santamarina, Xulián Maure, que tanto fixo pola Asociación de Tradutores Galegos... Hoxe, a maiores, temos varias editoriais centradas na tradución: Hugin e Mugin, Rinoceronte, Irmás Cartoné... Agora é enorme a cantidade de libros que os lectores teñen á súa disposición en galego. É unha vantaxe moi grande con respecto a hai 40 anos.

A escritora e tradutora Marta Rebon di que o tradutor non é outra cousa que un tipo de autor literario. Está de acordo?
Si, estou de acordo. Fíxate, eu procuro cinguirme moito ao texto orixinal. Sempre me din, como algo negativo, que incluso me cingo demasiado. O tradutor ten que interpretar na súa lingua o que o autor quixo escribir no idioma orixinal. Isto lévate a ter que darlle unha volta, cando non varias, para que o lector poida entender ben o que se quixo dicir. Así que si, o tradutor é un autor literario doutra maneira.

Moita xente non o sabe, pero leu a Xavier Senín cando leu Astérix en galego.
Hai moi bos tradutores de Astérix ao galego, comezando por Eduardo Blanco Amor e seguindo por moitos outros. Cando se fixo o O libro de ouro foi cando contaron con Valentín Arias, Isabel Soto e comigo. Cando Valentín faleceu seguimos Isabel Soto e eu, e despois incorporouse Alejandro Tobar. Pero traducímolo non só ao galego, senón tamén ao castelán. Incluíndo todo o que se publica en Facebook. Teño que dicir que lles agradezo que me manteñan como colaborador, porque duns anos a esta parte son eles os que se encargan do traballo. Para min é unha honra.

"María Victoria Moreno era extraordinaria. Tiña unhas cualidades para escribir e dar clase que a levaron a deixar unha fonda pegada"

É un traballo tan divertido como parece?
Divertidísimo. É moi divertido, pero moi complicado. Agora, ti sabes que satisfacción produce atopar o equivalente en galego ao que puxeron orixinalmente os autores? Así foi como, por exemplo, encaixamos aos Tonechos, cando eles facían referencia a un cómico francés, que evidentemente aquí non nos dicía nada. Moitas voltas lle demos no seu día. Ou cando metemos Polo río abaixo vai unha troita de pé no canto dunha canción francesa. Imaxínate que orgullo cando damos con esa clave na tradución.

Outro fito no que participou foi o da tradución do Quixote. Vostede formou parte do equipo que a realizou. Foi a encarga máis difícil da súa carreira?
Unha das máis difíciles sen dúbida. Ao comezo mesmo nos parecía imposible enfrontala. O coordinador de todo o proxecto foi Valentín Arias. El estivo de principio a fin. De novo teño que mencionalo. De feito, tamén colaborou a súa filla Xela. Desgrazadamente hoxe ningún dos dous vive. O certo é que nós, cando se nos propuxo esa historia, non estabamos moito pola labor. Parecíanos complexo, non acababamos de velo necesario... Non tiñamos claro acometer esa tarefa tendo tantas outras pendentes. Finalmente, fíxose. O editor estaba decidido a sacar esa tradución adiante, se non con nós, con outros. Pero foi unha tradución moi moi complexa. Pódoche confesar incluso que non quedamos nin sequera de todo convencidos co resultado. O que non quita que fose unha honra moi grande ter acometido a tarefa.

Tamén traduciu ao galego a María Victoria Moreno e é coautor da súa biografía Sementadora de futuro, xunto con Isabel Soto.
Que podo dicir de María Victoria Moreno? Eu con quen máis tempo pasei en Pontevedra foi con María Victoria. Os meus fillos con quen máis tempo pasaron en Pontevedra foi con María Victoria. A miña muller, igual. Era unha persoa extraordinaria. Tiña unhas cualidades para escribir e para dar clase que a levaron a deixar unha pegada profundísima en Pontevedra e en toda Galicia. Para min foi unha honra ter sido o seu amigo. Ata o final. Mesmo nos últimos anos, cando a miña situación persoal e a súa enfermidade nolo puxeron cada vez máis difícil. Aínda con todo, acompañeina ao Mexoeiro a darse aqueles chutes contra o cancro. A súa desaparición supuxo para min unha pena enormísima. Lembro con agarimo aquelas conversas telefónicas sobre literatura que nunca remataban. E aquelas contestacións tremendas que che daba. Cando algunha opinión non lle prestaba, espetábache que o que tiñas que facer era aprender a ler. Era unha das persoas que máis quixen e admirei na miña vida.

"Traducir Astérix é divertidísimo, pero tamén moi complicado"