lunes. 27.01.2020 |
El tiempo
lunes. 27.01.2020
El tiempo

Anxo Xesteira: "Á xente 'flípalle' cantar temas tradicionais"

Anxo Xesteira (Cambados, 1999).  DAVID FREIRE
Anxo Xesteira (Cambados, 1999). DAVID FREIRE
Igual que chegou a militar en sete grupos á vez, é quen de dirixir a centos de persoas cada verán no ‘Aquí cántase’ de Maravallada

Como se dá dirixido unha praza chea de xente cantando? Iso é posible controlalo?
O que pasa é que coñeces a case todo o mundo. Porque dende Maravallada convócanse ensaios abertos xa dende a primavera. Así que moita da xente que vén despois cantar ás prazas xa ensaiou antes con nós. O primeiro ano igual me custou un pouco máis collerlle o punto ao asunto, pero penso que este segundo xa foi mellor. Hai que apañarse como se pode e soltarse.

Porque o proxecto ‘Aquí cántase’, unha quedada popular para interpretar temas tradicionais nas prazas da cidade, leva tres edicións. E vostede dirixiu dúas delas. 
Iso é. Como che digo, tralos ensaios e a experiencia do ano anterior, cando cheguei á praza este ano tiña a sensación de coñecer a case todo o mundo. Ademais, estar con Maravallada dáche moita tranquilidade. Máis sinxelo non o poden poñer.

Tamén é verdade que, neste caso, ten ao público moi disposto
Home, é que diso se trata! Á xente ‘flípanlle’ estas cancións, ‘flípalle’ cantar temas tradicionais. É así. Atopeime con persoas que son auténticas fanáticas dos cantos de taberna. Con todo isto fun descubrindo un mundo impresionante. No meu caso, se son sincero, aínda que veño da música tradicional, non coñecía case ningunha letra. Porque son máis ben músico. Só músico. A cantar empecei o ano pasado con Treixadura. E é algo totalmente novo para min. Non tiña idea. 


Dende o primeiro ano que Maravallada lanzou esta convocatoria, centos de persoas responderon. 
Por iso que che digo: o único segredo que hai aquí é que á xente lle gusta. E que é algo que non vas atopar en ningún outro sitio case. Porque se algo ten claro Maravallada é que isto non é un concerto. Aquí todos cantamos. É un ‘nós’. O público é o protagonista. E demóstrano ata no máis pequeno detalle. Por exemplo, cando lle pedín que a tarima na que nos subimos fose un pouco máis alta, para que todo o mundo me puidese ver ben ao dirixir, contestáronme que non, que tiña que ser así, porque se non iamos ter demasiado protagonismo. Ata ese punto! 

Músico que toca a gaita, a percusión, o acordeón... En que momento comezou a cantar?
Foi todo por casualidade. Meu pai [Xaquín Xesteira, histórico membro de Treixadura] está dirixindo na actualidade o coro Cantigas e Agarimos. Luis Torres, o acordeonista de Maravallada, chamouno para dicirlle que necesitaba un "profesor" para axudarlles a montar as pezas. Como meu pai andaba moi liado, díxolles que eu me podía facer cargo. Así que me chamou a min de rebote. E metinme de cabeza. Pero o paso de tocar a cantar deino un pouco antes. A min sempre me gustou cantar e era tenor no coro do Conservatorio. Cando buscaron unha nova voz en Treixadura, tamén me apuntei. Pero iso xa me custou un pouco máis. Nin sequera sabía respirar correctamente! Con iso tiven que poñerme en serio. E sigo aprendendo.

A concelleira de Festas di todos os anos que para participar nesta actividade non hai que saber cantar, que o que hai que ter é ganas.
Exacto. Iso é o máis importante. Nós facemos ensaios máis que nada para aprender as cancións, para poñer as pezas en común. Nada máis. Saber cantar... iso non é importante! O fundamental é pasar un momento divertido e a gusto cantando as nosas cancións. As pezas tradicionais son para cantar así, de xeito despreocupado e feliz.

Algún ‘hit’ que encenda á xente?
Si, si que o hai! É ‘Trubisqueira’, un tema que popularizaron as Malvela. "Chamáchesme Trubisqueira, ai, si, si..." (canta). Con el chega o subidón. É impresionante. De feito, gardámolo para preto do final. A última que interpretamos é un clásico, ‘Fisterra’, que conmove a todo o mundo.

Sendo fillo de quen é estando metido no mundo da música tradicional dende cativo, non tiña vostede opción de adicarse a outra cousa.
Nin a busquei. Porque a min todo isto me gustaba moito, me tiraba. A miña infancia paseina tocando. Cando tiñamos 5 ou 6 anos, o meu xogo favorito e o do meu irmán era imitar a Treixadura dando un concerto. «Eu son papá!». «E eu son Toniño!».

E o xogo acabouse facendo realidade cando formaron o grupo Os Xeitosiños.
Que aínda existe. O que pasa é que tocamos moito menos. Á xente facíalle graza porque eramos pequenos de 10 anos que soabamos afinados. Agora que medramos xa non nos chaman tanto. Este ano, por exemplo, fixemos tres actuacións.

E tamén forma parte do grupo de Roberto Fernández Lores, De Onte e Hoxe.
Eu cheguei a estar en sete grupos distintos ao mesmo tempo. Non sei dicir que non (ri). Tamén é verdade que hai que recoñecer que son un pouco ‘pasota’, pero moi curioso. No mesmo Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra estudo percusión clásica e acordeón. Todo me interesa, todo me chama a atención. Estiven en grupos de rock, de pop, en coros de igrexa... Agora interésame o traballo do técnico de son. En De Onte e Hoxe entrei cando xa levaban dous anos funcionando. Xa os escoitara e gustábanme, así que cando Roberto me propuxo que me unira a eles, aceptei por probar. E encantoume. Foi unha experiencia moi chula. A min, como a Roberto, gústame moito andar de festa e isto de poder tocar nun bar dende as doce da noite ás catro da mañá foi fantástico. 

Anxo Xesteira: "Á xente 'flípalle' cantar temas tradicionais"
Comentarios