Xeración ultrasónica

Froalla e Haku, dous grupos saídos do proxecto municipal Xeración Sónica, publican cadanseu EP ▶ O programa de asesoramento musical está a celebrar a súa cuarta edición traballando cunha vintena de mozos e mozas distribuídos en seis bandas
A banda Haku. DAVID FREIRE
photo_camera A banda Haku. DAVID FREIRE

Gravidade 0 e Saturno son os dous primeiros discos saídos de grupos incluídos no proxecto municipal Xeración Sónica (X-Sónica) de Pontevedra. O primeiro é un EP de catro temas que lanza Froalla. O segundo, outro EP con catro cancións, é de Haku. As dúas bandas participan neste proxecto municipal de asesoramento e creación musical, dirixido a adolescentes, dende que se puxo en marcha en 2018 e que actualmente está a celebrar a súa cuarta edición. 

Os músicos Gonzalo Maceira, Violeta Mosquera e Alejandro Alonso Gayoso son os coordinadores desta actividade que conta co respaldo do Concello, que usa como base de operacións o Local de Música e que está dirixido a rapazada que, por idade, xa non pode inscribirse nos obradoiros infantís do Rocklab (que admite cativada de ata 12 anos) e que tampouco pode usar pola súa conta ás instalacións municipais do Local de Música (onde se pode ensaiar a partir dos 16 anos). Para ocupar ese baleiro creouse Xeración Sónica, na que este curso participan máis dunha vintena de mozos e mozas distribuídos en seis bandas diferentes.

"Ademais destas bandas veteranas que agoran publican EP, cada curso chega xente nova cunha grande ilusión", contou Violeta Mosquera, este luns, na presentación do último recompilatorio de Xeración Sónica e dos primeiros discos de Froalla e Haku. "As novas formacións que se crearon están a traballar a un nivel súper chulo. E hai que lembrar que todas están producinco música en galego. Porque non só están as Tanxugueiras. Hai moita xuventude facendo música en galego".

A banda Froalla. DAVID FREIRE
A banda Froalla no Local de Música. DAVID FREIRE

Gonzalo Maceira, pola súa parte, puxo o foco en como o proxecto foi acadando os seus obxectivos. "Grupos xurdidos de Xeración Sónica sacan hoxe discos propios pola súa conta e gañan concursos. A rede comeza a medrar, que era do que se trataba, de facerlle un oco á creación de música en directo. Isto comeza a ferver".

Como vén sendo habitual, ao rematar cada unha das edicións de Xeración Sónica, grávase un recompilatorio de temas que se presenta ao ano seguinte, cando se pon á disposición do público nas distintas plataformas. Agora, mentres se celebra a cuarta edición do programa, acaba de lanzarse o volume tres de X-Sónica. Nel participan os citados Froalla e Haku, xunto a Simpsonhead e Néboa. Cada un deles interpreta dous temas no recompilatorio.

ASTRONOMÍA. Ao mesmo tempo lanzáronse os dous EP individuais das dúas primeiras bandas mencionadas. "A verdade é que nos temas que fomos publicando estes anos, que foron cinco en total, non se aprezaba unha liña en común. Agora, nas catro cancións do EP, si que se pode ver un eixe temático máis claro", din os membros de Froalla. "A través de conceptos relacionados coa astronomía, o espazo, o ceo... falamos dos nosos sentimentos e das nosas sensacións". De aí o título do traballo, Gravidade 0. O grupo di que o seu son se aproxima ao que sería un rock alternativo, pero que as influencias son múltiples porque cada un dos integrantes ten as súas propias. 

Non só están as Tanxugueiras. Hai moita xuventude facendo música en galego.

Froalla, unha agrupación que naceu dentro de Xeración Sónica, sen que os seus integrantes se coñecesen de xeito previo a inscribirse no programa, está conformado por Noa Abad (voz, guitarra e teclados), Nee Barros (baixo e voz), César Poza (guitarra e coros) e Andrés Pazos (batería). "Se non existise Xeración Sónica non existiría Froalla. Aquí aprendemos moito, coñecemos xente nova... Para nós foi fundamental que existise este proxecto".

Sara Castro (voz e guitarra), Arturo Caramés (baixo), Martín Flores (teclado) e Joan Monteagudo (batería) son os membros de Haku, a outra banda que saca EP propio. "Saturno é a proba de que o grupo está evolucionando e de que cada vez somos capaces de poñernos metas maiores", din. "Do que se trata fundamentalmente é de que a xente coñeza o noso traballo. Levamos un ano con este EP e agora mesmo estamos bastante emocionados de que a xente poida escoitalo por fin". Con anterioridade xa tiñan publicado outros catro temas nos recompilatorios de X-Sónica. En canto á temática, as súas cancións son tamén de corte introspectivo. "Falamos dos sentimentos que temos como adolescentes, desa sensación que supón non dar atopado o teu lugar ou de estar un pouco perdidos no mundo".

Agora, do que teñen máis ganas é de tocar en directo. "Moitísimas ganas. Despois de todo o parón que supuxo a pandemia é que o máis nos apetece, poder presentar os temas en directo enriba dun escenario".


O GALEGOTE SERÁ A ÚLTIMA FIN DE SEMANA DE ABRIL
O concelleiro de Lingua, Alberto Oubiña, aproveitou a comparecencia deste luns para avanzar que o festival Galegote, que presenta un cartel composto unicamente por músicos e artistas que usan a lingua galega, se celebrará a última fin de semana de abril. Como en edicións anteriores, os grupos de Xeración Sónica estarán presentes no evento.

Comentarios