Ponteareas xa conta os día para acoller a undécima edición do festival Rock in Río Tea. Os vindeiros 30 de xuño e 1 de xullo, o parque da Feira Vella será o punto de encontro para quen queira desfrutar de boa música, gastronomía e artesanía. O mellor? A entrada é gratuíta.
León Benavente, Aphonnic, Aiko el grupo, Fillas de Cassandra, Venturi, Errantes, Visions of Johanna, a iniciativa Descúbreas (coas actuacións de Sara Casas, María Gabeiras e Caro) e os alumnos do CDM Rockschool compoñen un cartel repleto de estilos musicais que farán vibrar ao público.
Gastronomía e artesanía
A oferta musical complétana a gastronomía e a artesanía. Do bo comer dos asistentes encargaranse La Manguette, El cartel de Mama Fina, Se canela en rama, Alouminhos da terra e Heladería Henar. A parte artesá correrá a cargo de Kimera, Craneall e Artes 13.
Coñece o festival
A deste 2023 será a edición número once dun evento xa consolidado na vila ponteareá. Ademais dos xa mencionados días grandes do festival, esta asociación sen ánimo de lucro tamén desenvolve outras iniciativas ao longo do ano: o concurso de bandas e o Rock na rúa.
Concurso de bandas
Uns meses antes do festival ten lugar o concurso de bandas, onde grupos emerxentes compiten por conseguir o seu oco no cartel do evento. Así, o gañador –Vision of Johanna na edición deste ano–, pasa a formar parte do conxunto de artistas que actúan na Feira Vella.
Rock na rúa
Coa chegada do bo tempo e o remate do concurso de bandas, o rock trasládase á rúa. Durante varias fins de semana no remate da primavera e o comezo do verán, bandas da contorna animan as rúas e prazas da vila coas súas actuacións.
Instagram: rockinriotea
Twitter: @RockinRioTea
http://www.rockinriotea.com/