Sábado. 16.12.2017 |
El tiempo
Sábado. 16.12.2017
El tiempo

Xinfu e Wini lánzanse á aventura

Adrián Morgade, pola rúa co seu libro nas mans. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Adrián Morgade, pola rúa co seu libro nas mans. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O pontevedrés Adrián Morgade publica coa editorial Xerais o seu primeiro cómic

PONTEVEDRA. Xinfu e Wini existen de verdade. Son os cans da nai de Adrián Morgade (Pontevedra, 1990). O debuxante elixiunos para protagonizar o que é o seu debut como autor de banda deseñada, Xinfu na maldición guauchuky,que lle publica a editorial Xerais a través de Merlín Comics e que vén de presentar na última edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal.

«Eu sempre quixen facer un cómic», confesa Morgade, que se formou na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. «Así que, como xa deseñara a portada do libro Los Suaves. Mi casa es el rock and roll para Xerais, quedei en contacto con Ramón Domínguez da editorial e el levoume a Helena Pérez, que se encarga das coleccións para nenos e coa que acabei argallando este libro». Morgade levoulle un portfolio con algúns dos seus traballos. Entre eles estaba a mascota da súa marca de camisolas, ‘Chámame can’. Era Xinfu, un dos cadeliños da nai. «Ese debuxo gustoulle moito e propúxome facer algo con el para Merlín Comics. Así que inventei unha aventura e lle puxen ao lado a un fiel escudeiro, o outro can da miña nai, para que fosen un pouco como Batmane Robin».

Aínda que o volume se enmarcou nunha colección dirixida a cativos, o autor conta que, dende o principio, pensou en deseñar uns personaxes e uns cadros que gustasen aos irmáns maiores e ata aos pais. «Así que, en definitiva, este é un cómic para nenos, que pode ler toda a familia», di. «Porque tamén é verdade que eu lembro que, cando era cativo, fascinábame, por exemplo, a serie de debuxos animados de Batman. Era para nenos, si, pero tiña algo escuro tamén, que che daba medo e ao mesmo tempo te atraía. Eu quixen facer algo diso».

REFERENTES. Adrián Morgade recoñece que manexa moitas referencias á hora de traballar. «Aquí, xa digo, que hai moito de Batman e Robin. Hai moito da serie de televisión de Batman, de Bruce Timm, que mencionei antes. E tamén hai un pouco de Indiana Jones». Tamén di que recoñece unha influencia grande de Frank Miller (Sin City). «Que igual sorprende falando dun cómic para nenos, pero que penso que se aprecia xa, por exemplo, na contraportada que eliximos. O seu estilo marcoume moito. Téñoo gravado. Ese tipo de traballo é, en parte, o que me animou a querer facer cómic».

A Morgade, que cre que un debuxante de banda deseñada debe «debuxar, debuxar e debuxar ata conseguir dar coa imaxe que quere; penso así se fixeron os máis grandes», gustaríalle que as aventuras dos seus cadeliños tiveran continuidade. «Eu xa teño a cabeza chea de historias. Ogallá puidese saír de todo isto unha pequena colección. A min encantaríame». Polo momento, Xinfu e Wini foron capaces de vencer ao mal e volver a casa. Continuará?

...SINATURAS DE LIBROS

16 de decembro. Adrián Morgade estará realizando un obradoiro de ilustración infantil (a partir de 6 anos) no Espazo Lector Nobel a partir das 19.00 horas. Acceso libre.

22 de decembro. O autor asinará exemplares na Librería Baroja a partir das 19.00 horas.

Xinfu e Wini lánzanse á aventura