A xira de despedida de Leilía incluirá un concerto o 2 de decembro en Culturgal

As pandereiteiras protagonizarán a actuación central da Feira das Industrias Culturais 
Leilía durante un concerto deste verán en Ponte Caldelas. ANXO LORENZO
photo_camera Leilía durante un concerto deste verán en Ponte Caldelas. ANXO LORENZO

A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, acollerá o que será un dos últimos concertos da xira de despedida de Leilía. O grupo de pandeireteiras actuará o 2 de decembro (21.00 horas) no Pazo da Cultura. As entradas (16 e 19 euros) están á venda en cultur.gal

"Este é só un pequeno adianto de todo o que traerá a 16ª edición de Culturgal", avanzan os organizadores do evento, que este ano estrea director, o xornalista Camilo Franco. A programación completa farase pública o 16 de novembro. A feira celebrarase entre o 1 e o 3 de decembro no Recinto Feiral de Pontevedra.

Culturgal reivindica o legado vivo de Leilía cunha das últimas oportunidades para ver a agrupación en directo

Segundo se informou canda o nomeamento de Camilo Franco, a nova dirección aspira a "ampliar audiencias" así como a "ampliar a participación profesional implicando máis sectores". Tamen realizará cambios na "posta en escena". Por exemplo: "continuará a ter Pontevedra como centro neurálxico, mais non só, pois esta edición a feira gañará protagonismo en toda a comunidade".

Segundo os responsables do evento, esta serie de ampliacións son as liñas mestras da proposta que presentou Franco, "que pretende espallar a Culturgal máis alá do evento feiral".

Tres décadas de traxectoria

Sobre Leilía, Culturgal lembra que as pandeireteiras Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez encetan neste momento o tramo final da súa xira de despedida, Anque me vou non me vou. Poñen así punto e final a unha traxectoria de máis de tres décadas sobre os escenarios. "Para dicir adeus como se merece, Leilía ofrece un espectáculo que percorre a súa traxectoria, que é tamén unha andaina pola nosa historia musical, pero vista cos ollos do ano 2023", sinala a feira.

Pioneiras do novo folk galego, as artistas, que comezaron a súa carreira en 1989, viviron de primeira man a transformación na situación da música de tradición oral do país. "O traballo de recuperación e dignificación de bandas como Leilía foi esencial para darlle a categoría que agora ten a nosa tradición", segue explicando Culturgal. "A boa saúde da que goza hoxe, co éxito de bandas como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra ou Baiuca, non sería imaxinable sen o camiño que abriron pioneiras como Leilía. Culturgal reivindica este legado vivo cunha das últimas oportunidades para ver a agrupación en directo".

Leilía publicaron cinco discos ao longo destas tres décadas de carreira musical. O primeiro, homónimo, saíu en 1994 e supuxo un cambio de paradigma na música de raíz galega, que ata ese momento tiña na gaita o seu instrumento central. Por primeira vez unha agrupación de pandeireteiras reclamaba protagonismo por si soa

Tras aquel primeiro traballo viñeron I é verdade, I é mentira en 1998; Madama en 2003; Son de Leilía en 2005, e ConSentimento en 2011. 

Comentarios