Xoel López vuelve 16 de diciembre a Pontevedra

O cantante inclúe unha data na sala Karma dentro da serie de concertos acústicos en solitario que dará a finais de ano por Galicia
Xoel López, nunha foto promocional
photo_camera Xoel López, nunha foto promocional

Xoel López volve a Pontevedra. Farao o día 16 de decembro, cando ofreza un concerto en solitario na sala Karma. As entradas para a actuación, que comezará ás 22.00 horas, están á venda en www.ticketea.com (13,20 euros).

Rematada a xira do seu último traballo, Paramales, con sendos concertos en Madrid e Barcelona, o cantante e compositor coruñés embarcouse nunha serie de actuacións acústicas que abrirá o venres no festival Deleste de Valencia e que inclúe tres datas en Galicia a finais de ano da man de Son Estrella Galicia. Serán o 15 de decembro na sala Le Club de A Coruña, ao día seguinte na sala Karma de Pontevedra e, finalmente, o 17 de decembro na sala Super 8 de Ferrol.

POR TERCEIRA VEZ. Xoel López, ao que une unha fonda relación con Pontevedra dende os anos anteriores a Deluxe, volve desta maneira por terceira vez á cidade nun ano. Estivo o 13 de decembro de 2015 ofrecendo un concerto no Pazo da Cultura. Subiu ao escenario da Praza de España o pasado mes de agosto para actuar nas festas da Peregrina. E agora retorna, por terceira vez, para ofrecer, desta volta, un concerto diferente aos dous anteriores, no que se presenta el só coa súa guitarra.

"Xoel tiña unha espiniña cravada con Pontevedra porque é unha cidade especial para el, na que conserva moitos amigos e na que non volvera actuar dende 2012", contou Joaquín Martínez Kin, da promotora Esmerarte, o día da presentación do concerto do ano pasado dentro do ciclo Imperdibles. "Sempre estabamos dándolle voltas á idea de repetir aquí e non vimos mellor oportunidade que a presentación de Paramales, un disco que está funcionando fenomenal". Un ano despois daquilo, Xoel López quita a espiña cravada con Pontevedra definitivamente e pecha o ciclo do disco Paramales.

Comentarios