"O humor é a man esquerda do artista, a voz coa que contar sen dicir, coa que apuntar sen sinalar. O humor é o traxe novo do emperador, o discurso do gran ditador e, ademais, escríbese con hache, que, como saben, é a letra que levan todas as palabras que son verdadeiramente importantes". Cun texto titulado Pór humor á arte, do escritor vigués Pedro Feijoo, preséntase a exposición Vexo, vexo. Que ves? Xogo, humor e metáforas na colección de arte Afundación, que se poderá ver ata o 8 de abril no Café Moderno de Pontevedra.

Feijoo participou este mércores na apertura ao público da mostra, composta por 30 obras de carácter lúdico da colección de Afundación. Xunto a el estiveron a responsable do servizo didáctico da institución, Carmen Pérez, e a coordinadora da proposta expositiva, Alba Marinha Souto, que contou como o xermolo desta actividade estivo nunha iniciativa levada a cabo en Vigo hai un ano. "Vexo, vexo. Que ves? é unha ampliación daquela primeira mostra", explicou Souto. "Afondamos nela e sumamos autorías. A máis importante de todas, a colaboración de Pedro Feijoo, que escribiu un texto moi divertido que pode ler o público na propia sala".
O escritor Pedro Feijoo, que participou na inauguración, é o autor do texto Pór humor á arte, que se pode ler na mostra
A coordinadora da proposta contou como as ideas do "xogo, o humor e a retranca" están detrás desta exposición. "Son estratexias, das máis versátiles e interesantes da comunicación humana, que os artistas empregan por múltiples razóns, dende esquivar a censura ata denunciar inxustizas ou compartir mensaxes comprometidas de xeito discreto".
A mostra comeza cun gravado de Goya e cunha serie de debuxos de Castelao e remata con propostas de arte contemporánea de Diego Santomé ou Nano 4814. "Entre os temas que tratan os diferentes creadores están as guerras, a sociedade de consumo ou o colapso do planeta".
Arredor de 700 escolares están inscritos nas actividades que Afundación ten preparadas arredor de Vexo, vexo. Que ves?, unha mostra que quere impactar na cativada, "empregando a súa propia linguaxe e aproveitando a súa curiosidade", dixo Carmen Pérez.
Tras o paso por Pontevedra, Afundación ten previsto facer itinerar a exposición por Galicia.