Xonqui, arrombacoches ou transxénero, entre as novas palabras do dicionario da RAG

Arrombacoches é un dos novos conceptos incorporados ao dicionario da RAG

O dicionario da Real Academia Galega recibiu ao longo de 2018 un total de 21.842.744 consultas en liña

O dicionario da Real Academia Galega (RAG) recibiu ao longo de 2018 un total de 21.842.744 consultas en liña, cifra que representa unha media de case 60.000 procuras ao día. Ademais, a institución acordou incorporar 311 novas acepcións entre os que se atopan conceptos como xonqui , arrombacoches ou transxénero.

Parte das novas palabras reflicten o obxectivo de ir progresivamente incorporando o vocabulario relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación –ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia, conectividade e xestor – e que visibilizan a diversidade –gai/gay e transxénero–.

Aporofobia, matrilinear, vegano, xihadismo ou xonqui tamén teñen xa entrada propia xunto a outros termos populares da nosa fala como fochiña, viravento e charetar, ou solucións como cadeiriña de paseo e arrombacoches.

FERRAMENTA. Nun comunicado, a RAG destaca que as cifras dan conta da consolidación no uso cotián do diccionario, dispoñible en versión dixital e gratuíta desde 2013, e en constante actualización co apoio da Fundación Barrié. 

Segundo os datos da RAG, nos últimos doce meses, sumou 1.339.507 consultas máis que no mesmo período de 2017, o que representa un incremento do 6,5%. O aumento alcanza o 51% en comparación cos 14,4 millóns de procuras de 2014. O número de usuarios tamén creceu en 2018 até achegarse aos 1,1 millóns. 

O dicionario en liña está dispoñible a través do portal web da Real Academia Galega e do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do léxico da lingua galega que a institución comparte coa Fundación Barrié.

APLICACIÓNS MÓBILES. Ás case 21,9 millóns de procuras rexistradas desde ambas as páxinas, a RAG explicou que se debe engadir o uso realizado a través das aplicacións para dispositivos móbiles iOS e Android, que tamén permite acceder aos xogos interactivos e demais contidos do Portal dás Palabras. 

As visualizacións mediante esta vía de acceso tamén creceron desde os case 2 millóns do ano anterior ata situarse por encima das 2.270.500.