As Xornadas de Exiptoloxía do Museo fíxanse na necrópole do visir Amen-Hotep Huy

As palestras tamén conmemorarán os 100 anos do descubrimento da tumba de Tutankamon por Howard Carter

Imaxe dun sarcófago atopado na necrópole do visir Amen-Hotep Huy.
photo_camera Imaxe dun sarcófago atopado na necrópole do visir Amen-Hotep Huy. DP

Os directores da investigación sobre a necrópole do visir Amen-Hotep Huy (Luxor, Exipto), Francisco Martín Valentín e Teresa Bedman, son os protagonistas das IX Xornadas de Exiptoloxía do Museo de Pontevedra. Descuberta en 1978 e xestionada polo Instituto de Estudios del Antiguo Egipto de Madrid dende 2009, esta tumba centrará o evento, que cada verán programa a entidade pontevedresa e que se está a converter nunha referencia estatal neste ámbito de estudo. Desta volta, as palestras terán lugar os días 20 e 21 de xullo (19.00 horas; entrada libre), segundo informou a Deputación.

Nas xornadas tratarase, por exemplo, como aumentaron considerablemente, nos últimos 25 anos, os datos dispoñibles sobre o reinado de Amen-Hotep III. Unha parte esencial desa información ten que ver cos descubrimentos de Martín e Bedman nas escavacións realizadas na cámara mortuoria de Amen-Hotep Huy, visir de Amen Hotep III (noveno faraón da dinastía XVIII), durante o último terzo do seu reinado. 

RELIXIÓN. Orixinario do norte de Exipto, Amen-Hotep III, entre outras cousas, opúxose ás reformas relixiosas encamiñadas a converter a Amenhotep III no deus Atón. "Foi contrario ás novas correntes relixiosas impulsadas polo fillo e herdeiro do faraón, o futuro Ajenaton. Por iso, a súa tumba en Tebas, que é a que se está a escavar, nunca se rematou, xa que a súa memoria foi perseguida", informa o Museo.

A primeira conferencia, a de Teresa Bedman, servirá para conmemorar os 100 anos do descubrimento da tumba de Tutankamon por parte do inglés Howard Carter. Pola súa banda, Francisco Martín falará dos descubrimentos da necrópole de Amen-Hotep Huy. 

Comentarios