O xornalismo ou a vida?

O libro #xornalistasnapandemia recolle 29 entrevistas a profesionais galegos da comunicación que participaron na cobertura da pandemia de covid-19
Presentación do libro #xornalistasnapandemia do Colexio de Xornalistas de Galicia e a Deputación de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentación do libro #xornalistasnapandemia do Colexio de Xornalistas de Galicia e a Deputación de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

"Se a pregunta é o xornalismo ou a vida, a vida vai primeiro", di a vicedecana do Colexio de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira. É unha frase extraída dunha das 29 entrevistas a profesionais da comunicación galegos sobre a cobertura da crise epidemiolóxica que contén o libro #xornalistasnapandemia que este sábado presentou o CPXG na Deputación de Pontevedra.

O acto contou coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria quen explicou no Pazo provincial que a través destas conversas se analiza o papel do xornalismo na emerxencia social e sanitaria da covid-19 e se poñen de manifesto as condicións nas que os profesionais desenvolveron o seu traballo.

O libro #xornalistasnapandemia bota a andar coa entrevista de Belén Regueira á compañeira de El Progreso María Piñeiro, encargada da cobertura da crise sanitaria no diario de Lugo.

A xornalista de Diario de Pontevedra, e directiva do Colexio de Xornalistas de Galicia Belén López tamén firma a autoría doutras dúas entrevistas á investigadora e xornalista Marta Veiga e ao infografista e xornalista do Washington Post Artur Galocha.

"Este libro é un traballo colectivo que recolle como é o oficio noso con entrevistas a periodistas galegos que traballan principalmente en Galicia, pero tamén en Barcelona, Madrid, Moscova e Washington", explicou a vicedecana sobre a publicación. 

"Intentouse que a escolma fose diversa, con moitas mulleres, xa que somos máis nas trincheiras. Quixemos que estivese representada a prensa, a radio, a televisión, as axencias de comunicación, algún gabinete... e que estivesen representadas diferentes xeracións de profesionais", engadiu Regueira. 

A publicación que se deu a coñecer no Pazo provincial chegará a facultades e bibliotecas como un libro de consulta sobre a realidade do xornalismo. "En principio estaba pensado para consumo interno de xornalistas, pero pareceunos que era interesante para a profesión e tamén para calquera cidadán que quere ver como se fai a información", subliña Belén Regueira.

A idea de realizar este libro partiu da pregunta "que podiamos facer para axudar a quen estaba facendo a información da pandemia", explican desde o Colexio. "Aprendes moito escoitando e falando cos compañeiros. Pensamos que podías compartir recursos, xente que facía xornalismo de datos, que se especializaba en información sanitaria... Co tempo vemos que era bo que quedase un testemuño destas conversas para no futuro poder volver e ver o que nos estaba pasando, que lle estaba pasando á profesión". 

A realidade dos Ertes, o teletraballo, as dificultades de conciliación da vida laboral e familiar ou de acceder á información sanitaria son algúns dos temas que se poñen sobre a mesa no libro. 

Comentarios