Xornalista cultural de referencia

A xornalista Montse Dopico lerá o manifesto polo teatro na gala dos María Casares

A pontenovesa subirá ao escenario na cerimonia preparada por Chévere para os galardóns do teatro o próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña
Montse Dopico
photo_camera Montse Dopico

A xornalista lucense Montse Dopico (A Pontenova, 1977) será a encargada de redactar e ler o manifesto galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XX Premios María Casares, o próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Dopico sucede ao escritor Xurxo Borrazás nunha tarefa que xa desempeñaron, entre outros, o crítico Camilo Franco, o historiador Ramón Villares, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín ou o poeta Cesáreo Sánchez.

Montse Dopico agradécelle á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos María Casares, a encarga de realizar o manifesto, o cal considera unha “auténtica honra”. En palabras da xornalista, o seu manifesto xira ao redor de dúas ideas. “A primeira delas céntrase no papel das institucións. En demasiadas ocasións, ao referirnos ao teatro ou a cultura estamos a falar das institucións, coma se fosen elas quen fixeran cultura. A cultura pertence á base social. E iso non quere dicir que non debamos esixirlles ás administracións que cumpran co seu deber”, sinala Dopico.  

Por outra banda, a autora do texto tamén manda unha mensaxe ao sector de cara ao futuro. “Ao igual que no xornalismo, no teatro fai falla crítica, mais tamén autocrítica”, explica a xornalista.

O manifesto será lido o próximo 30 de marzo durante a gala duns XX Premios María Casares nos que un total de 14 espectáculos compiten nas 14 categorías. O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, con nove nominacións; Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, con sete nominacións, e Presidente, de Teatro do Morcego, con cinco, son as obras favoritas nesta edición cuxa cerimonia de entrega será conducida por Chévere e na que a Revista Galega do Teatro recibirá o Premio de Honra Marisa Soto.

Comentarios