Xosé Ballesteros charla este martes con Ramón Rozas en Conversas na Uvi

O director de Kalandraka e o coordinador do ciclo inauguran a quinta edición desta actividade de Diario de Pontevedra e da Uvigo

Xosé Ballesteros. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ARCHIVO)
photo_camera Xosé Ballesteros. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ARCHIVO)

O nacemento e desenvolvemento da editorial Kalandraka dende Pontevedra e a situación do sector editorial en Galicia son as dúas cuestións centrais da charla que manterán este martes (Casa das Campás, 20.00 horas, entrada de balde) Xosé Ballesteros e Ramón Rozas. O director do selo pontevedrés e o coordinador do ciclo Conversas na Uvi serán os encargados de inaugurar a quinta edición deste foro promovido polo Diario de Pontevedra e pola Universidade de Vigo.

"Elixín a Xosé Ballesteros porque é a cabeza visible dun deses milagres que, de cando en vez, suceden nas sociedades, como é o caso da editorial Kalandraka en Pontevedra. Trátase dun selo de éxito, que vende moitos libros, que chega moi lonxe e que fai todo iso sen renunciar á súa orixe", explica Rozas. "É un exemplo por moitas razóns, a primeira delas a calidade dos seus títulos. Non é que non teña nada que envexar a calquera outra editorial do mundo, é que sucede máis ben ao contrario: hai moitas que envexan o seu traballo, tanto de textos como de ilustracións. Quería resaltar todoiso iso cando convidei a Xosé Ballesteros".

O coordinador de Conversas na Uvi comenta que unha das razóns polas que convidou ao director do selo pontevedrés foi a de poñer en valor o traballo dos editores. "Sempre valoramos moito os libros, valoramos moito aos autores, pero non sempre facemos iso coa xente que está detrás, que é a que consegue poñer todo iso en marcha".

Outro dos temas que se tratarán é a decisión da empresa de permanecer en Pontevedra. "Kalandraka é un selo que encaixa moi ben nese modelo de cidade do que presume Pontevedra: que valora a cultura, que ten un ritmo diferente, máis humano, que o que poden ter outros lugares".

AGE. Ademais, outro tema que se tratará é o da situación do sector do libro na actualidade en Galicia. "Ballesteros ten, digamos, un dobre interese. Por un lado, é o director de Kalandraka e, por outro, é o presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE). Polo tanto, pode falar con coñecemento de causa do estado do libro en Galicia".

Trala charla de Ramón Rozas con Xosé Ballesteros, Conversas na Uvi continuará no mes de novembro (día 27) co encontro que manterán o columnista e escritor Rodrigo Cota e o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez. A última charla do ano será no mes de decembro (día 18) entre a xornalista María Varela e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Comentarios