Filgueira Valverde, mestre da cidade da 'boa vila'

O Diario de Pontevedra publica a última entrevista co vello profesor, do 26 de xullo de 1996, pouco antes do seu pasamento o 13 de setembro

Señor Filgueira, a vostede cando lle din Pontevedra, que sente?

É a miña cidade. É a cidade onde eu nacín, onde me formei e para a que traballei. Eu son espiritualmente, non só fisicamente, un fillo de Pontevedra. Créome formado, non soamente pola cidade, senón polo propio clima de Pontevedra e coido que teño aportado o meu traballo para a propia formación do que é o espíritu desta cidade.

Falamos un pouco da Peregrina?

Pois si. Mire, a devoción pola Peregrina, é unha devoción en certo modo tardía. A virxe dos camiños da Peregrina foi a virxe das Angustias, que é, con toda seguridade a que aparece nos cruceiros. Pero a devoción da virxe en atuendo de peregrina aparece por primeira vez no século XIII nunha cantiga de Alfonso X ‘o sabio’. Pero realmente a devoción á virxe da Peregrina difúndese desde León, pero xa tardiamente, ala polos finais do século XVII principios do XVIII.

De Pontevedra, cal é a cousa da que se sente máís orgulloso?

Do que me sinto máis orgulloso é do Museo de Pontevedra, porque teño traballado na súa fundación e no seu desenvolvemento. Sen embargo, hai outras moitas cousas das que me sinto orgulloso. Por exemplo, o atributo da cidade á arte. A tradición de defensa dos monumentos e do conxunto arquitectónico da zona antiga, xa dasede os tempos da sociedade arqueolóxica. Todo isto son cousas que a min me enchen de orgullo e de satisfacción. O poder contribuír a ese labor de defensa do patrimonio e dos valores propios de Pontevedra é para min unha gran satisfacción.

Pódeme definir a sociedade pontevedresa?

Pois mire, hai moita xente en Pontevedra hoxe. Hai moita diferencia da Pontevedra de cando eu era neno e a de hoxe. A Pontevedra de cando eu era neno e mozo era unha cidade na que todos nos coñeciamos e na que cada un sabía o nome dos outros. Era unha especie de familias de familias. Sen embargo, agora, a cidade medrou moito, e eso fai que agora poda cruzarme na rúa con moita xente que non sei quen é. Cando era mozo, se me atopaba cun descoñecido xa o comentaba. Eu xa sabía que era un turista ou un recén chegado. A poboación da cidade cambiou moitísímo e con iso tamén cambiaron moito os usos. Non é o mesmo unha cidade na que todos se coñecen a unha cidade na que xa hai moita xente que non sabe o nome dos outros. A Pontevedra da miña infancia e mocidade é unha familia de familias. Hoxe é unha cousa totalmente distinta.

Arzallus di que o pobo basco ten uns caracteres xeracionais diferentes. Vostede que opina sobre iso?

Cada xenia, cada un dos pobos de España ten o seu carácter. O que pasa é que hai algúns que teñen os caracteres moi acusados e outros que fan máis participativo á xente. Por exempío, o euskera non ten nada que ver coas linguas románicas. Por iso, un galego sempre está moito máis preto dun castelán e dun catalán que dun señor que soamente fora bascoparlante. Unha fala románica é moito máis aberta ca unha fala dunha familia non derivada do latín. E iso ten uns problemas pedagóxicos e de uso. En Galicia, case o 90% da poboación entende o galego sen necesidade de estudos escolares da lingua de Galicia. Sen embargo, para entender o basco, é necesario cursalo e estudilo.

Como ve vostede a situación actual do galego?

Eu atópoa moi ben. Puido ter unha crise fonda no século XIX, pero esa crise xa está absolutamente salvada. As linguas sálvanas os poetas e os literatos. Mentres o galego teña unha literatura que a poida manter, ten todo o carácter dun grande idioma románico. Se algún día se perdese ese cultivo quedaría o tesouro da literatura galega anterior, pero por fortuna, o galego segué cultivándose dende o punto de vista literario e desdo o punto de vista familiar. E cultívase sen excesivo esforzo, porque a meirande parte críase na tradición familiar. Entre o galego falante de formación escolar e o de formación familiar, son estes últimos os que predominan nunha porcentaxe altísima frente ós outros, que en realidade son poucos. Hai moitísimos que aprenden o galego no fogar, convivindo moitas veces coa fala castelán. En moitas ocasións, de xeitos moi curiosos e moi estranos. Hai comprobacións que demostran que realmente resulta sorprendente. Por exemplo, a familia quere que o momento de cultivo inicial sexa en castelán. Cando os irmáns maiores medran, e marchan estudar ou traballar chegan a casa falando galego, que non é a lingua dos pais. Sen embargo estes ensinan ós pequenos en castelán para que o cultiven e o conserven. Non obstante, os irmáns maiores falan galego. É unha desas cousas tan curiosas que me decía un rapaz na escola. Cando lle preguntei se os pais falaban en galego, el díxome: “meus pais entre eles en galego, pero quen de verdade fala galego é o meu irmán”. Para el era moi raro que o seu irmán o maior chegara e lle falara a el en galego.

Dígame o mellor e o peor de Pontevedra.

Eu nunca miro as cousas polo revés e polo tanto o mellor é que se conserva ese espíritu de familia de familias, que é difícil conservar cando unha cidade medra como medrou a nosa. O mellor é que todos sexamos amigos, que nos levemos ben, que todos poidamos considerar que Pontevedra é unha empresa común. Mentres isto suceda persistirá Pontevedra. E fundamental que a xente non se disgregue nin se desvincule da pasión pontevedresa, pero tampouco un excesivo localismo e chouvinismo. É moi importante que os pontevedreses teñan un amor pola propia cidade e que traballen por ela. Isto non quere dicir que Pontevedra sexa nese senso unha cidade pechada, e máis, ó contrario. Os habitantes de Pontevedra teñen un carácter extraordinariamente aberto. Para un pontevedrés non hai forasteiros.

Moita xente considera que a xuventude é un desastre, está perdida.… Vostede, que pasou por numerosas épocas, que opina diso?

Eu penso moi ben. O que pasa é que hai, como sempre, un subgrupo de mozos que non se interesan por nada. Nin por Galicia, nin por Pontevedra, nin pola cultura. En troques, eu considero que hai moitísimo interese. Mostra delo é que o Museo ten moitos alumnos colaboradores, ten moitas visitas xuvenís, e cada ano aumentan. É moi posible que se lle preguntaramos a pontevedreses de corenta anos polo Museo digan que non o visitaron nunca. Sen embargo é case imposible topar un mociño de quince anos que non fora nunca polo Museo. E cando falo do Museo, falo de calquera outro lugar de interese cultural.

Fáleme da política actual española….

Eu vexo que hai numerosos elementos positivos. Eu son un home que está acostumado a ver tódalas cousas polo lado positivo. Nese senso, considero que a España de hoxe ten numerosos elementos positivos. O mesmo pasa en Galicia, porque aquí existen unhas condicións especiais de sociabilidade, de comprensión do outro. En definitiva, as peculiaridades que teñen tódolos paises de emigración. Non é un pobo pechado sobre si, senón que é un pobo extraordinariamente aberto. Este é un dos mellores caracteres que eu podo atopar na nosa xente.Isto é unha enorme garantía para o futuro de Galicia. Hai pobos que se poñen a crear os seus propios caracteres, esquecéndose dos demais, sen embargo en Galicia, debido as súas propias características sociais, é un país necesariamente aberto e isto da por un lado, un coñecementó e amor ó propio distinto, porque se ten por contraste do alleo. Non se xulga a partir da ignorancia, senón que se xulga do saber dos demais. Pero Galicia tamén ten a extraordinaria sorte de ter unha fabulosa literatura de onte, noutronte e hoxe, que permite conservar o idioma.

Pódeme falar un pouco de Castelao?

Castelao foi un personaxe excepcional. A parte de ser un grandísimo artista, e un home con un gran sentimento por Galicia e cun coñecimento artístico da nosa comunidade de onte. Era un político, un debuxante, e tamén erudito. E un dos mellores personaxes que tivo Galicia. Foi un artista que soubo unir perfectamente a expresión gráfica e as letras.

E como persoa?

Magnífica. É difícil atopar un conversador coma el. A parte de ser moi bo, boísimo, moi amigo dos seus amigos, tiña unhas dotes personales extraordinarias. Tiña unha conversa do máis atractivo.

Vostede é o presidente do Consello da Cultura Galega. Cal é a función deste consello?

Ten unha triple acción. Por unha parte, é un órgano de asesoramento. Recibe consultas de informes e nós informamos sobre o que nos preguntan. Despois, ten a posibilidade de promover iniciativas culturais. Nestas iniciativas temos escollidas dúas liñas moi importantes: o arquivo sonoro e a relación coa emigración. Son dous dos aspectos dos que lle damos máis importancia. Pero tamén temos unha biblioteca e uns ficheiros para poder acalarar calquera consulta. De feito, recibimos preguntas de entidades culturais curiosísismas. O outro día repasaba as entidades culturais do mundo que pediran información ó Consello da Cultura Galega durante un ano e quedei sorprendidísimo, porque non me decatara do número e da significación das entidades que nos chamaban. O que quero dicir é que cando hai que preguntar algo, pois pregúntase e o Consello da Cultura Galega ofrece a posibilidade de xuntar a vinte e tantas persoas de ideas moi distintas e de formacións moi diversas que coincidan polo interese por Galicia. Porque calquera tema sobre Galicia que se lle plantexe, sempre aportan ideas interesantes. Como lugar de debate, quizais sexa o único de Galicia. Para min presidir o Consello non é un honor, senón que é unha ledicia. Hai ideas moi disitintas pero todas co desexo de favorecer a Galicia, tanto nas liñas de investigación, como por exemplo recóllese a fala das distintas zonas de Galicia en cintas. Pero tamén sacamos numerosas edicións, que por certo se esgotan de seguida.

Comentarios