lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

Xosé Fortes: "A ironía salvoume de saír abrasado destas memorias"

Xosé Fortes, abrazando o seu libro ás portas do instituto Valle-Inclán. DAVID FREIRE
Xosé Fortes, abrazando o seu libro ás portas do instituto Valle-Inclán. DAVID FREIRE
Di que vén do western. De aí a portada do seu último libro e o título. 'A rienda suelta' son unhas memorias de infancia e xuventude coas que o historiador e escritor quixo agasallar aos seus netos

"El western es ese lugar poético, oscuro y trágico de donde venimos todos los hombres de mi generación". Unha cita do crítico Ángel Fernández-Santos encabeza A rienda suelta, o último libro do historiador Xosé Fortes (Caroi, Cerdedo-Cotobade, 1934), unha recompilación de recordos de infancia e xuventude aos que di que se achegou con humor e coa intención de reivindicar a épica dos que enfrontaron tempos difíciles e lles plantaron cara.

Este título remata cando chega aos 20 anos. En cantas entregas vai repartir as súas memorias?
Ah, non, este é un título independente. Mentres estaba pendente dos resultados dunha biopsia, caín na conta de que non lles deixaba nada escrito aos meus netos. Así naceron estas memorias de infancia e xuventude. Igual non paso de aí. Tolstoi escribiu só esa parte en Infancia/Adolescencia/Juventud e nada máis.

É difícil crer que vaia pasar iso no seu caso.
Pois pode pasar. Á fin e ao cabo, as miñas memorias de guerra xa as publiquei en Cuando las derrotas otorgan la victoria. Batallas perdidas de un capitán de la Unión Militar Democrática (Destino, 2001).

Foi moi difícil lembrar os detalles da infancia en Caroi ou unha vez que se puxo saíu todo do tirón?
O que foi difícil foi dar coa clave do libro. Os recordos son moi inflamables e, se non te revistes de sentido do humor e ironía, corres o risco de abrasarte. Foi a ironía a que me salvou de saír abrasado destas memorias.

Por que ese cabalo salvaxe na portada do libro? E por que ese título, A rienda suelta?
Cando un se pon a escribir ten que escoller un rexistro. A min custoume moito saír do de historiador. Tiven que imaxinarme cun casco de mineiro, co seu foco, para centrarme no que tiña diante de min, as miñas lembranzas. Aquí o que tiña que primar era a primeira persoa. E para min iso non é sinxelo. Porque a miña paixón de historiador lévame á terceira persoa e a contar outra serie de cousas. "En esta aldea era costumbre esto y lo otro, etc.". Pasar dun rexistro a outro custoume. A clave que elixín para enfrontar toda esta historia persoal e este tempo foi a épica. Porque penso sinceramente que este país ten un legado épico enorme e non se decata. A emigración ten unha gran carga épica. Quizais mesmo máis potente que a da conquista do Oeste americano. Eles souberon contar a súa historia moi ben nese sentido. Sen embargo, nós sempre contamos a nosa historia entre bágoas.

Laiámonos de máis?
Hai un poema de Pimentel que di: "Non convén chorar máis. Ela [por Rosalía] xa chorou por todos e para sempre. Calemos...". Eu quería rachar con esa liña do ‘pobriño’, ‘todo era miseria’, ‘non había traballo’, ‘morriamos co frío’... Eu aterecín co frío na escola, claro que aterecín. Pero así é a vida. Son probas que un vai superando. Todo fácil e bonito, pouca xente o ten. E un non é o mesmo despois de caer e erguerse, que antes de caer. Por iso escollín a épica. Por iso e porque son admirador dos westerns de John Ford. Eu, que fun á escola a Biduído a cabalo. De aí a portada. E de aí A rienda suelta. Porque, como di Ángel Fernández Santos, todos somos herdeiros de La diligencia e de Centauros del desierto. E porque basta xa de infravalorarnos. Estímase demasiado á xente boa e coitadiña. É o mérito que máis valoramos: este era moi bo, o outro era moi bo... Pero estimamos moi pouco aos que lle botan peito. Hai que reivindicar á xente botada para adiante. Teñen que deixar de ser bechos raros. Porque foron eles os que emigraron a América, os que abriron centros culturais, os que montaron as sociedades agrarias... Os que, en defintiva, foron paseados despois do 36. Hai que reivindicalos.

Un episodio fundamental é a chegada a Pontevedra.
Foi todo un descubrimento. Varios, máis ben. O primeiro, o da propia cidade, un mundo novo. O segundo, que nos baixos do instituto estaba a biblioteca pública. Eu lía todo o que podía por culpa dun mestre, Díaz-Plaja, que foi para nós como o John Keating de El club de los poetas muertos. Por culpa del e do cura, don Lino, que nos dicía que había dous pecados gravísimos, o da carne, que non o era tanto, e o da lectura dos libros prohibidos, que era o peor de todos, un pecado de soberbia que non podía perdoar nin el. Tiña que ser o arcebispo e, nalgúns casos, o Papa. Se ías a Voltaire por exemplo, xa só o Papa te podía perdoar. Así foi que acabamos lendo de máis. Tiña que elixir: ou ler e vivir en pecado mortal ou non ler. E elixín que viñera o inferno.

E o cine.
Outro descubrimento fundamental para min. As películas son fundamentais na miña vida.

De feito, nas primeiras críticas e comentarios da obra (Ramón Rozas no Diario de Pontevedra, Guillermo Altares en El País), aparece unha outra vez El hombre que mató a Liberty Valance.
E esa gran frase: "Cuando la leyenda se convierte en un hecho, publica la leyenda".

Xosé Fortes: "A ironía salvoume de saír abrasado destas memorias"
Comentarios