''O Carrabouxo recolle as variables do humor galego''

Xosé Lois, creador de ''O Carrabouxo'' (Foto: AGN)
photo_camera Xosé Lois, creador de ''O Carrabouxo'' (Foto: AGN)

Hai 25 anos, o 9 de novembro de 1982, nacía O Carrabouxo, o personaxe dunha tira cómica que cada día publican La Región e Atlántico Diario. O seu creador foi Xosé Lois González Vázquez, ao que lle será outorgado o Premio Galicia Comunicación 2007 na categoría de mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos.

Pregunta: ¿Como naceu O Carrabouxo?

Resposta: Sempre fun afeccionado ao humor. Xa me gustaba facer viñetas no colexio e seguín con esta práctica na mili. Antes do Carrabouxo creei personaxes como A Sabeliña, que se publicou en A Nosa Terra en 1979, o Papalandrocas ou o Bolecha. Un día decidín presentar este proxecto e funcionou, polo que despois de 25 anos O Carrabouxo segue tentando facer rir á xente.

P: ¿Por que o nome O Carrabouxo?

R: É un nome moi sonoro e moi galego. Os carrabouxos son unhas boliñas que dan os carballos e que en Galicia reciben moitos nomes distintos dependendo da zona. Ademais, o carballo é un símbolo de Galicia, polo que me pareceu moi apropiado.

P: ¿Como o define?

R: O personaxe en si é retranqueiro, ás veces retórico e ás veces ten rexouba. O Carrabouxo recolle todas esas especificidades do humor galego. A súa función é fa-cer rir a xente, pero a cabalo da risa vai unha idea, unha crítica social. En definitiva, non é máis que un instrumento que utilizo para co-municarme coa xente.

P: ¿Como elixe os temas que trata?

R: Realmente eu non elixo o tema, el elíxeme a min. Cada día dedico un par de horas a ler os titulares da prensa e apúntoos nun folio. Logo repásoos paseniñamente e eles elíxenme. O auténtico chiste sae da liberdade de escribir de temas diversos, de calquera tema. De to-dos os xeitos, é certo que a xente aprecia máis o chiste que trata algo próximo tanto no tempo como xeograficamente.

P: ¿Lémbrase da primeira viñeta que publicou?

R: Por suposto. Foi un 9 de novembro de 1982 e trataba dun asunto moi actual neses días. A primeira visita do Papa Xoán Paulo II a Galicia e o aluvión de xente que viaxou a Santiago para esperalo.

Evolución do Carrabouxo
P: ¿Leva a conta das que fixo nestes últimos 25 anos?

R: Teño calculado que son unhas 8.625.

P: ¿E cambiou moito O Carrabouxo nese tempo?

R:  Realmente cambiou no sentido contrario ao seu autor. Fisicamente neste tempo o personaxe adelgazou mentres eu collín algún peso [risas]. Salvo iso, todo evolucionou igual que o seu autor.

P:  Ata o día 4 poderá verse no Ateneo de Ourense unha mostra coas súas 100 mellores viñetas. ¿Quen fixo esa escolma?

R: Fíxena eu, e por iso pode ser algo subxectiva. Dediqueille máis dun mes e medio e tentei elixir as que para min son as 100 mellores, que non teñen por que coincidir co que pense a xente.

P: Tamén se poden mercar...

R: Si. É unha exposición venda. E por 250 euros calquera pode marchar cunha viñeta orixinal para a casa. Creo que é algo valioso porque coa informática estanse perdendo os orixinais

“Chámanme ‘Carrabouxo’ ata na casa e encántame”
P: ¿Adoita ler as viñetas humorísticas doutros xornais?

R: É unha das primeiras cousas que miro. En xeral, creo que moita xente ten
ese costume.

P: ¿Quen é para vostede o mellor humorista?

R: Castelao, por todo o que representou, pola súa faceta política e social, pola súa forma de facer humor...

P: ¿E a mellor viñeta de humor?

R: Tamén elixiría algunha de Castelao. Ten moitas fantásticas como aqueles pais que reprendían a súa filla que estaba namorada dun rapaz moi guapo e lle dixeron: “Lástima que fale galego”.
Ou aquela outra que di: “Hai que defender España”. E contéstanlle: “Que
nos defenda ela a nós”.

P: ¿Segue sendo fiel ao lapis e ao papel para debuxar?

R: Fixen as máis de 8.600 viñetas sempre con lapis, goma de borrar, rotulador e corrector de tinta. Ata agora a única tecnoloxía que utilizaba era o fax para envialo unha vez rematado; agora fágoo por correo electrónico aínda que me custou deixar o fax.

P: Supoño que será máis coñecido polo Carrabouxo que polo seu verdadeiro nome, Xosé Lois...

R: Chámanme Carrabouxo ata na casa. Ata os meus fillos mo chaman e eu estou encantado. Mesmo moita xente é polo único nome que me coñece.

P: ¿Cambioulle a vida?

R: Totalmente. Converteu nunha profesión o que para min era un pasatempo. Del derívanse centos de pregóns de festas, conferencias, exposicións....

Comentarios