Xosé Manuel Budiño: "Queremos facer en Pontevedra algo grande, especial e irrepetible"

'Paralaia'’: Dise do primeiro e do último disco do gaiteiro de Moaña, protagonista do espectáculo central do Culturgal, que se celebrará no Recinto Feiral entre o 2 e o 4 de decembro
Xosé Manuel Budiño
photo_camera Xosé Manuel Budiño

VINTE ANOS DESPOIS, Xosé Manuel Budiño (Moaña, 1969) volve a ‘'Paralaia'’, o primeiro disco da súa carreira. Recupérao nun formato de libro-disco co son remasterizado e ilustracións de Ana Zon para cada unha das cancións. Di que o fixo para marcar un punto e á parte na súa traxectoria e para achegarlle ese traballo a unha xeración que xa non o podía atopar nin nas tendas físicas nin nas dixitais. O gaiteiro, un dos referentes da música folk galega, ensaia estes días en Moaña coa súa banda o espectáculo co que presentará este álbum no Culturgal. Porque o de Budiño, xunto a Mercedes Peón, é o show central da Feira das Industrias Culturais de Galicia (3 de decembro, 21.30 horas, Pazo da Cultura, ataquilla.com, 15,20 euros). Alí tamén se poderán adquirir exemplares dun libro-disco que non sairá á venda ata o ano que vén, cando se celebre o seu vixésimo aniversario.


Por que decidiu volver a '‘Paralaia'’ 20 anos despois?

Porque se cumprían precisamente 20 anos dese disco e porque, agora mesmo, o álbum non existía nin nas tendas físicas nin nas dixitais. Estabamos agardando un momento coma este para volver a el e facer algo especial. Despois de darlle moitas voltas, coincidimos en que ‘'Paralaia'’ tiña que ter esta nova vida. Foi o meu primeiro disco e foi un traballo que tivo certa repercusión, que enganchou a moita xente, pero ao que agora mesmo non podía acceder o público máis novo. Así que decidimos volver a el e facer un libro-disco con ilustracións e cunha remasterización do audio que eleva o son a un nivel superior.


O tema das ilustracións de Ana Zon ten un peso moi importante no álbum.

Si. Estivemos buscando a alguén que puidese entender ben o universo 'Paralaia'. Por mediación duns amigos en común de Ourense, do coworking Magma Espacio, que traballan con ela, puxémonos en contacto. En canto tivemos as primeiras conversas, soubemos que tiña que ser a ilustradora. Ten unha sensibilidade moi especial e entendeu o proxecto dende o primeiro momento. Despois tivemos moitas conversas falando das miñas experiencias con este disco, sobre que significaba para min cada un dos doce temas. Ela tomou nota de todo e, de súpeto, sorprendeunos a todos con estas ilustracións tan incribles e que tan ben captan o meu sentir de hai 20 anos cando empecei a compoñer este traballo. Porque a min o que me gusta é compoñer música e '‘Paralaia'’ é basicamente iso, un disco de composición. Ana Zon foi, sen dúbida, a persoa adecuada para este encargo. O traballo é excelente.

Reedición: "’Paralaia’ tiña que ter esta nova vida. Porque agora mesmo xa non existía nin nas tendas físicas nin nas dixitais"

Hai en todo isto un exercicio de nostalxia?

Digamos que ‘'Paralaia'’ me trae moi bos recordos da primeira etapa da miña carreira, cando comezas a compoñer e a ter esa ilusión dun proxecto propio, de xuntarte con máis músicos, de traballar por primeira vez nun estudio de gravación profesional... Retrotráeme a esa ilusión das primeiras veces, desas ganas de querer facer algo distinto e de que perdurase no tempo. Esa era a miña idea cando gravei este disco no ano 1997, tiña que poderse escoitar 20 anos despois e que seguira soando fresco. Nese sentido, buscaba crear algo atemporal e penso que dalgunha maneira o conseguín.

Vostede é un tipo moi diferente ao que era hai 20 anos?

Teño 20 anos máis. Penso que estou algo máis delgado (ri). Non creo que se trate de saber de se son exactamente a mesma persoa ou alguén completamente diferente. Evolucionas, como calquera outra persoa. Dúas décadas dan para percorrer moito, para viaxar moito, para coñecer a moita xente... Estivemos en Oriente Próximo, en África, en Asia, en toda Europa, en América... Esta era unha boa forma, en definitiva, de pechar un ciclo e abrir outro. Non sei o que virá a partir de agora, pero estou moi ilusionado con este novo proxecto e coa nova banda.

 Sensacións: "Este disco retrotráeme á ilusión das primeiras veces. Daquela quería facer algo que perdurase no tempo e penso que o conseguín" 

Vaino presentar no Culturgal. O día que se fixo pública a programación deste ano, vostede dixo que, grazas a esta feira, os músicos galegos puideron deixar de envexar a de Durango. Que importancia ten o Culturgal no ámbito cultural galego?

Si, dixen iso na rolda de prensa porque é verdade. Cando, hai dez anos, visitei Durango cos meus amigos do País Vasco, con Kepa Junquera, por exemplo, quedara gratamente sorprendido ao ver como todos os artistas de Euskadi presentaban novos proxectos nun espazo común e a resposta do público era masiva. Alí había familias e xente de todas as idades. Funcionaba un pouco como unha antesala do Nadal, onde todo o mundo quería facerse con agasallos culturais. A min iso parecíame moi importante. Ao volver a Galicia non deixaba de darlle voltas a por que non había aquí algo parecido, un sitio onde todos puidésemos presentar os nosos proxectos e contar co apoio do público en xeral. Pouco despois apareceu Culturgal enchendo ese oco tremendo que había aí. Eu só podo estar orgulloso. Máis aínda ao poder presentar nesta edición o que vai ser o ‘Ano Paralaia’. Porque o disco lánzase en 2017, que é cando cumpre os 20 anos. No Culturgal é onde imos avanzar este proxecto e onde imos presentar a nova banda, que conta con Isaac Palacín á percusión, Santiago Cribeiro ao acordeón, Sergio Tannus á guitarra, Cibrán Seixo ao violín, Fran Sanz ao baixo e Antonio Rodríguez ao trombón.

E Mercedes Peón, que actuará como artista convidada. Por que decidiu incorporala?

Mercedes xogou un papel moi importante neste primeiro disco. Os dous comezamos a compoñer á par, eu facendo música e ela facendo letra. Os dous empezamos a traballar xuntos. Tiña que estar nesta festa. Chameina e aceptou encantada participar deste complot. Tiña que compartir con ela este momento, no que haberá moitísima enerxía e ganas de pasalo ben. Xuntarémonos para lembrar todos eses temas de ‘Paralaia’ e tocar algunha cousa nova tamén.

Mercedes Peón: "Tiña que convidala a participar neste complot, non podía faltar nun momento de tantísima enerxía"

O día da presentación do Culturgal tivo tamén un recordo para Narf. «Eu tamén quero ser tambor», dixo.

Si, por suposto. Moito podería dicir de Narf. Resumir en poucas palabras o que signficou para a música galega e o que nos deixou para min é moi dífícil. É curioso porque eu coincidín con el moito máis fóra de Galicia que dentro: en xiras, por Bos Aires, por Mar de Plata, o pasado verán estivemos xuntos en Canadá, en Lisboa... Foi unha experiencia alucinante poder compartir con el esa forma que tiña de compoñer, de tocar a guitarra. Fran foi alguén único e irrepetible. Só podo pensar que tiven moita sorte ao poder compartir con el tantos bos momentos, tanta ‘carretera’, tantos hoteis e tantos aeroportos. Deixoume unha pegada incrible, si. Estará presente sempre.

Agora que xa non envexa a feira de Durango, que envexa a escena cultural galega? Que botan en falta os músicos?

Que botamos en falta? Eu diría que nada. Cada un é dono dos seus soños. Hai que convidar a ir a por eles aínda que non sexa sinxelo. Para conseguilos hai que ir a por eles aínda que os vexas inalcanzables. É como unha enerxía que tes que estar alimentando continuamente. Dende logo, eu non teño envexa da música ou da escena de ningún outro lugar. En Galicia hai grandísimos músicos con grandísimas ideas. Somos creadores de ideas basicamente. Cada vez que saímos fóra do país, iso nótase e así é que nos acollen sempre moi ben.

Etapas: "Había que pechar un ciclo e abrir outro. Non sei que virá agora, pero teño que aproveitar este presente tan bonito"

De que está máis orgulloso destes 20 anos? De que se arrepinte?

Home, cousas diferentes, de volver atrás, igual faría moitas, pero así é a vida. Está salpicada de pequenos erros para chegar a grandes conclusións e seguir aprendendo. Non cambiaría ningunha cousa porque agora ningunha cousa se pode cambiar. Eu estou contento por como foi todo, da acollida que foi tendo cada un dos seis discos que lancei, e por isto tamén teño estas ganas de retomar ‘Paralaia’ para facer un concerto en Pontevedra grande, especial e irrepetible, porque o facemos en exclusiva para o Culturgal.

En 20 anos como lle gustaría estar?

Pois máis ou menos como agora, mantendo a ilusión. Con ilusión podes facer o que che veña en gana e afrontar novos proxectos. Pero gústame vivir o presente. Non penso máis alá do ano que vén. É moi complicado facelo.

Comentarios