A Xunqueira de Alba, de película

A Concellería de Medio Natural realiza o primeiro traballo audiovisual sobre a Xunqueira de Alba para "poñer en valor e divulgar entre a cidadanía" a riqueza natural do espazo cando se cumpren 10 anos da súa declaración como ENIL ▶ O director do traballo documental é Fernando Portela e a produción correu a cargo de Imaco
Imaxe do documental 'Descubrindo o ENIL da Xunqueira de Alba'.
photo_camera Imaxe do documental 'Descubrindo o ENIL da Xunqueira de Alba'. DP

O realizador pontevedrés Fernando Portela adéntrase por primeira vez na experiencia do documental de natureza en Descubrindo o Enil da Xunqueira de Alba, un encargo realizado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para "poñer en valor e divulgar entre a cidadanía" a riqueza natural deste espazo, cando se cumpren 10 anos (foi en 2012) da súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. "Foi bastante complicado poder realizar o traballo", recoñeceu o director este xoves na presentación do documental, da que se realizará en breve unha proxección pública, seguida dun coloquio, segundo anunciou o concelleiro Iván Puentes.

Xunto aos dous homes estiveron na presentación do audiovisual, que vén a completar a colección de guías en papel publicadas polo Concello sobre a flora e fauna deste lugar, a concelleira de Turismo, Yoya Blanco, e o produtor da peza, Miguel Riaño, de Imaco.

Os biólogos Saleta González e Vítor Cabaleiro, o naturalista José Rodrigo Dapena e o veciño de Lérez Benigno García interveñen neste audiovisual, o primeiro que se fai centrado na riqueza natural da Xunqueira de Alba e que, ademais de recoller os testemuños dos especialistas, documenta tanto a vexetación como o conxunto de animais que poboan a zona do humidal. Ao mesmo tempo, a través de material gráfico, permite aprezar a transformación que foi sufrindo ao longo da historia.

"Foron cinco meses de gravación nos que foi fundamental o asesoramento dos especialistas para poder realizar un traballo marcado por distintas particularidades, por exemplo, que o paso de moitas aves é estacional", sinalaron o director e o produtor da peza.

Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes xunto ao realizador Fernando Portela e o produtor Miguel Riaño. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes xunto ao realizador Fernando Portela e o produtor Miguel Riaño. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Iván Puentes explicou que o audiovisual estará dispoñible, unha vez que se estree nun acto público, na canle que o Concello de Pontevedra ten na plataforma Youtube, así como nas redes sociais e páxinas de Turismo Pontevedra e Visit Pontevedra. Isto, polo que se refire ao obxectivo de divulgar a importancia natural e da biodiversidade deste espazo entre a cidadanía en xeral. Á parte, o Concello farallo chegar aos centros escolares para que traballen con el nas aulas. 

O concelleiro tamén lembrou que a realización do documental, cofinanciada polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (Galp) Ría de Pontevedra a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (Femp) da UE, se enmarca no traballo que se vén realizando para poñer en valor e mellora o conxunto do espazo, que conta cunha superficie total de 67 hectáreas (cunha marisma de 48). Así, recordou que había fondos destinados á súa rexeneración, á retirada de especies invasoras (tanto vexetais, como acacias e eucaliptos, como animais, fundamentalmente o cangrexo americano) e á mellora do comportamente hidrolóxico como zona húmida.

Comentarios