"O criterio para a cesión de locais no edificio de Benito Corbal foi exclusivamente técnico", volveu lembrar este mércores a Xunta de Galicia, ante as mostras públicas de apoio que recibiu o Ateneo de Pontevedra, que este ano quedou fóra da adxudicación dun dos 29 espazos que se destinan ao uso de asociacións e colectivos neste inmoble.
A Delegación Territorial do organismo autonómico xa manifestara isto mesmo, preguntada por este periódico, a mediados de mes, xusto cando se fixo público que o Ateneo tiña que abandonar o seu local. Si que conseguiron un espazo no edificio público, por exemplo, a Peña da Boina, a cofradía Nuestra Señora del Refugio La Divina Peregrina ou a fundación antiabortista Redmadre.
A comisión tivo unicamente en conta a documentación presentada, sen entrar a valorar traxectoria, relevancia ou iniciativas non recollidas debidamente na documentación
"A Administración autonómica defende a total imparcialidade do proceso cuxos criterios de avaliación foron publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) e non recibiron alegación ningunha", sinala a Xunta. Entre eles estaban os de lingua, igualdade ou utilidade pública. A Administración autonómica puntualiza que foi unha comisión de funcionarios a que valorou os distintos criterios e que dita comisión "tivo unicamente en conta a documentación presentada, sen entrar a valorar traxectoria, relevancia ou iniciativas non recollidas debidamente na documentación".
A Delegación Territorial tamén sinala que "non se expulsou a ningunha das asociacións instaladas neste edificio, senón que o período da autorización chegou ao seu fin", xa que no mes de xullo era obrigada a abrir unha nova concorrencia competitiva.
Pola súa banda, o Ateneo de Pontevedra comunicou que este xoves, antes da entrega das chaves do local, realizará nel, ao mediodía, a lectura dun manifesto contra a decisión da comisión que non lles adxudicou o espazo. Participarán, entre outros, Carmen Quinteiro e Ana Corzo.