Xuntos en Pontevedra

Familia Caamagno presentará en directo a súa versión de Xuntos o 2 de abril na sala Karma, nunha festa na que tamén tocará Samurai, o segundo single do seu novo disco

Familia Caamagno. AIGI BOGA
photo_camera Os compoñentes de Familia Caamagno con Manuele no centro. AIGI BOGA

"Sempre houbo moi boa conexión con Pontevedra", recoñece Manuele Caamagno, de Familia Caamagno, grupo de garaxe de Sigüeiro (Oroso, A Coruña). El mesmo estudou Comunicación Audiovisual na cidade. E o grupo actuou tanto no festival Surfing the Lérez como no Galegote. "E o concerto aquel que demos nas Festas da Peregrina de 2017 con Novedades Carminha, nunha Praza de España completamente ateigada de xente, fora unha pasada". 

Familia Caamagno volverá a Pontevedra o sábado 2 de abril (sala Karma, 22.00 horas, www.ataquilla.com) para presentar en directo un avance do que será o seu novo álbum. "Quédannos dúas cancións por gravar, pero xa está listo. O que pasa é que nos apetecía moito facer este pequeno parón para tocar". Pequeno e único. O grupo non ten previsto facer máis salas ata o verán. Así que en Pontevedra vai aproveitar, ademais de para tocar un repertorio de cancións escollidas dos seus anteriores traballos, para probar en directo algúns dos seus novos temas: o xa coñecido Xuntos, a versión que fixo do clásico de Juan Pardo, e o que será o segundo avance do álbum, que sairá o 8 de abril, Samurai.

"Non o dicimos de carallada: admiramos profundamente a Juan Pardo. Parécenos un compositor tremendo"

"A ver, nós chamámoslle festa-presentación de Xuntos porque vai ser a primeira vez que toquemos en directo esta canción despois de lanzar o videoclip máis o sinxelo". Isto aconteceu o 25 de febreiro. O grupo desvelaba naquel momento que participaría versionando a Juan Pardo no disco recompilatorio que estaba a preparar a marca Deleite con grupos galegos actuais facendo seus clásicos da música galega. O tema saía cun videoclip de Xaime Miranda, con estética soviética, cheo de chiscadelas como a aparición da Unión Soviética Futsal de Sigüeiro ou do representante de Corea do Norte Alejandro Cao de Benós. Leva máis de 20.000 visualizacións na canle do grupo en YouTube.

HIMNOS. "Cando nos chegou a proposta de Deleite acordounos Juan Pardo. Non o dicimos de carallada: admirámolo profundamente. Parécenos un compositor tremendo. Aí están Anduriña e tantas outras". Un deses himnos de Juan Pardo é Xuntos, canción de 1987 que tanto se puido escoitar acompañando ao Resistiré, do Dúo Dinámico, durante o confinamento máis duro desta pandemia como nunha campaña electoral de Manuel Fraga que a levou a quedar asociada para sempre ao Partido Popular. "Quedou moi marcada politicamente, ti o dis. Así que nós pensamos que molaba moito facer unha versión de Xuntos asociada a unha ficticia república de Sigüeiro", confesa Manuele Caamagno. E iso foi o que fixeron."Temos a sorte de que alí, de onde somos, existe un proxecto político-humorístico-deportivo que é a Unión Soviética Futsal, que é un equipo de fútbol sala, que xa ten esa estética brutal supercoidada. Perico Balado é o seu alma mater e Suso, o noso guitarrista, xogaba aí. Falamos con eles para facer o videoclip e aceptaron encantados. Non podemos estar máis agradecidos. Sen eles non tería saído".

"A xente entendeu perfectamente ben o videoclip. A reacción do público foi fantástica. Fíxonos moita ilusión comprobar que moita xente comparte o mesmo humor parvo que podemos ter nós"

O cantante do grupo pon o acento na retranca e o sentido do humor co que se fixo o traballo. "E eu creo que a xente o entendeu perfectamente ben. A reacción do público foi fantástica. Fíxonos moita ilusión comprobar que moita xente comparte o mesmo humor parvo que podemos ter nós".

A cuestión sería saber que pensa Juan Pardo de todo isto. "Sabémolo!", di Caamagno. "Porque cando fomos a Luar a presentar o tema, tanto o director do programa, Manolo Abad, como o presentador, Xosé Ramón Gayoso, que son amigos persoais seus, contáronnos que lle enviaran a canción e que lles contestara que lle encantara! Non tes idea da ilusión que nos fixo iso! Porque ademais díxolles que lle encantara en dous sentidos: tanto porque lle facía ilusión que grupos actuais se lembrasen del como porque lle gustara moitísimo o vídeo e a volta que lle daba ao significado da canción. Non o podía crer cando nolo contaron! Foi tremendo".

"Xosé Ramón Gayoso díxonos que lle enviara a canción a Juan Pardo e que lle encantara! Non tes idea da ilusión que nos fixo iso!"

Coas benzóns do compositor de Xuntos chegará Familia Caamagno a Pontevedra para avanzar algo do que será o seu novo traballo, o quinto da súa traxectoria dende que debutaran en 2012. "A verdade é que neste disco damos un cambio bastante grande. Creo que máis dun se vai sorprender cando escoite Samurai por exemplo". Seguen presentes as guitarras poderosas, pero o músico avanza que a pegada do produtor Carlos Hernández (Triángulo de Amor Bizarro, Carolina Durante) se nota moito. "Os últimos discos soaban moito a garaxe. Eran moi sixties, moi analóxicos. Este novo ten un son moito máis contemporáneo. Seguimos sendo Familia Caamagno, pero saímos da nosa zona de confort cara un rock máis contundente e actual".