Xurxo Souto dirixirá a gala dos Martín Códax

O músico e escritor promete unha "celebración da selva diversa e espectacular que é a música galega" en Pontevedra
Xurxo Souto nun acto en Pontevedra en 2019. GONZALO GARCÍA
photo_camera Xurxo Souto nun acto en Pontevedra en 2019. GONZALO GARCÍA

A gala de entrega dos XI Premios Martín Códax da Música Galega, que se celebrará o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, estará dirixida polo músico e escritor Xurxo Souto. Vén de anuncialo a organización do evento, o colectivo Músicas ao Vivo, que tamén comunicou que, durante o espectáculo, actuará a orquestra bravú Xangai. Esta agrupación, que colle prestado o nome popular do tren que durante décadas uniu Galicia e Barcelona, reúne algúns dos músicos que impulsaron o movemento bravú en Galicia.

Souto promete, en palabras facilitadas por Músicas ao Vivo, "unha celebración da selva diversa e espectacular que é a música galega contemporánea". O músico tamén anunciou, sen desvelar ningún nome, a participación no espectáculo dunha selección de voces solistas

Segundo os responsables dos premios, tres son os eixes sobre os que traballa Souto: vida, creatividade e talento. O seu obxectivo é "deseñar unha gala na que enxalzar a riqueza, a diversidade e diferenza na música actual galega". 

15 categorías

Os Martín Códax entregan 15 galardóns noutras tantas categorías, recoñecendo o mellor do ano en distintos estilos musicais: do pop e o indie á verbena pasando pola música tradicional, o rock ou a música clásica.

Ademais, contan coa categoría de Artista Emerxente e con tres premios dirixidos aos "cómplices necesarios do sector": salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical. O 15 de maio tamén se fará entrega do galardón honorífico 2024, cuxo nome está tamén pendente de desvelar.

Do 25 de abril ao 12 de maio, o público terá tamén a opción de votar. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.

A gala poderá seguirse en streaming na web dos premios e na plataforma dixital da TVG.