Zahara completa a programación do 16º aniversario da sala Karma

A cantante e compositora de Úbeda amplía a súa xira estatal con cinco novos concertos nun formato para pequenos espazos que mestura música e audiovisual
Unha fotografía promocional da andaluza Zahara. DP
photo_camera Unha fotografía promocional da andaluza Zahara. DP

A sala Karma de Pontevedra completa a súa programación de 16º aniversario co concerto dunha das artistas máis relevantes da escena musical estatal actual, a xienense Zahara (Úbeda, 1983). A cantante e compositora actuará na capital da provincia o 12 de marzo, na que é a única data que ten pechada en Galicia dentro desta ampliación da súa xira que chamou Laputagira: Drums & Tv's.

Baixo o patrocinio da cervexa Mahou, Zahara vén de anunciar cinco novos concertos por España cun novo formato, deseñado para pequenos espazos e no que mestura música en directo e audiovisuais. Segundo explica Mahou, trátase de "una ampliación del tour con cinco conciertos exclusivos con un nuevo formato en los que los fans podrán vivir todavía más de cerca lo que ocurre en el escenario a través de un espectáculo audiovisual inmersivo, siendo testigos directos de la comunicación que se establece entre músicos y máquinas".

A minixira realizarase ao longo do mes de marzo. Comezará na sala Albéniz de Gijón, o día 11, para seguir por Pontevedra ao día seguinte. O 18 chegará á sala Camelot de Salamaca. E rematará, o día 25, na sala Totem de Villava (Navarra), e o día 26, na sala Directo de Cuenca.

Aniversario sala Karma programación

Estas cinco datas serven para poñerlle o punto e final a unha xira que incluíu ata agora, dende que se lanzou o último disco da artista, o ano pasado, 17 concertos.

Segundo explican os promotores destas actuacións, Zahara presentará aquí o álbum Puta dun xeito moi diferente a como o veu facendo na xira convencional. "Tocará un set de percusión y sintes, y estará acompañada en el escenario por Martí Perarnau IV (DJ, sintes y coros) y por Xavier Molero (batería)".

As entradas están á venda en www.wegow.com.

DEZ DISCOS. Cantante, compositora, actriz, presentadora de televisión, produtora e escritora, Zahara, que ten dez discos publicados, vénse consolidando como unha creadora polifacética cunha personalidade propia. Comezou a súa carreira musical en 1999 compoñendo os seus propios temas e tocando por espazos de toda España.

Os seus dous primeiros traballos, autoeditados, foron Hecho en casa (2001) e Día 913 (2005). Pouco despois da saída deste último creou o proxecto Zahara eléctrica xunto a membros da banda granadina The Applebite.

En 2009 fichou pola discográfica Universal e publicou o seu primeiro álbum profesional, La fabulosa historia de la chica que perdió el avión, producido por Carlos Jean e Ricky Falkner, que a lanzou de forma definitiva. Falkner foi de novo o produtor do seu seguinte traballo, La pareja tóxica (2011), que publicou xa desvinculada de Universal. En 2015 creou o seu propio selo, G.O.Z.Z. Records, e con el lanzou Santa. Seguíronlle Astronauta, Alienígena, _Juno e _BCN626 (estes últimos a medias con Martí Perarnau IV).

O seus últimos traballos foron Puta e a reedición polo décimo aniversario do disco La pareja tóxica.

Polémica. Denuncia do machismo e censura do cartel
Cartel del concierto de Zahara en Toledo. TWITTER: @zaharapop
Cartel del concierto de Zahara en Toledo. TWITTER: @zaharapop
Zahara lanzou ao mercado o seu último traballo, Puta, na primavera do ano pasado. Segundo ela mesmo explicou a diferentes medios de comunicación, trátase dun disco confesional no que denuncia o machismo e retrata episodios de acoso escolar e maltrato psicolóxico.

Nunha das imaxes de promoción deste traballo, a artista aparece caracterizada como unha santa da relixión católica, sostendo un bebé, cunha banda na que se pode ler Puta.

A polémica saltou cando, en agosto, o partido de ultradereita Vox pediu a retirada dos carteis con esa imaxe que anunciaban unha actuación en Toledo, "por ofensa extrema a la Virgen".

Comentarios