Abanca entrega a Celta, Dépor e Lugo 30 redes recicladas para porterías

O proxecto Redes Vivas deu unha nova vida a 1.938 quilos de redes abandonadas en espazos costeiros
Brais Méndez, Susana Ortiz, Eduard Campabadal, Ángeles Millet, Álex Bergantiños e María García.
photo_camera Brais Méndez, Susana Ortiz, Eduard Campabadal, Ángeles Millet, Álex Bergantiños e María García. DP

O Real Club Celta de Vigo, o Club Deportivo Lugo e o Real Club Deportivo de La Coruña renovarán un total de 30 porterías con 15 redes doadas por Abanca tras un programa de voluntariado sustentable que consistiu na recollida de utensilios de pesca abandonados en espazos costeiros.

O Centro Obra Social de Abanca, situado na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela, foi o escenario deste acto de entrega ao que asistiron, en representación dos seus equipos, os futbolistas Brais Méndez (Celta), Eduard Campabadal (Lugo) e Álex Bergantiños (Deportivo).

No acto tamén estiveron a directora de Marketing da entidade financeira, Susana Ortiz; a responsable de Sustentabilidade, María García; e Ángeles Millet, representante das "redeiras" artesás de Malpica que realizan, xunto coas súas compañeiras de Corme, os traballos para transformar os residuos no material deportivo. As tres foron as encargadas de realizar a entrega aos xogadores.

Tras a reprodución dun anuncio publicitario da campaña, coa lema "Redes Vivas. Do fondo do mar ao centro do campo", a directora de Marketing de Abanca explicou como naceu este proxecto a finais de 2019.

E é que na entidade "hai moitas unidades vinculadas á terra e ao mar" que están "moi preocupadas do que ocorre no litoral" con residuos que "o único que fan é contaminar e danar a flora e a fauna". Así, a intención foi "dar unha segunda vida a esas redes pantasmas", para o que a entidade púxose en contacto coas federacións daquelas disciplinas deportivas que empregan redes.

"E ese triángulo completárono as redeiras", engadiu Ortiz, quen lles agradeceu que "desde o minuto uno dixeron que si" e tiveron que recibir formación para aprender a confeccionar o material deportivo. Deste xeito, as redes recollidas trasladáronse a unhas naves próximas a Malpica e a Corme e alí mesmo empezou un traballo que, a pesar de que se tivo que paralizar en 2020 como consecuencia da pandemia, "retomouse ese verán".

Por parte dos futbolistas intervinientes no acto tan só houbo eloxios cara á campaña. Para Brais Méndez, do Celta de Vigo, é un "proxecto precioso" que demostra como o mar é un elemento "primordial" para Galicia. "Hai que pór todos o noso gran de area para facer un planeta máis limpo", engadiu.

Desde o inicio de Redes Vivas, revalorizáronse case 2.000 quilos de redes destinadas a campos de fútbol, fútbol sala, balonmán, e kaiak polo, segundo cifras que achegou a responsable de Marketing de Abanca, quen prometeu que a intención da entidade é "seguir". "Isto só pode empezar e continuar", afirmou.

Comentarios