Adrián Ben: "Agora vou pola rúa e vexo como a xente di 'ese é o rapaz que corre'"

A súa fazaña de acabar sexto na final mundial dos 800 metros convertiuno nun dos personaxes de moda do atletismo español
Adrián Ben celebra su sexto puesto en Doha. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Adrián Ben celebra su sexto puesto en Doha. LAVANDEIRA JR. (Efe)

O ATLETA galego segue sendo o mesmo. O seu sexto posto mundial non lle cambiou e cunha normalidad pasmosa fala do sucedido en Doha, das súas ilusións e do que sente cando pensa na gran cita do vindeiro ano: os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

Está contento con todo o respaldo recibido no último mes?
Si, si, moi contento e agardo que tamén sexa similar nos momentos malos porque unhas veces as cousas saen ben e outras mal.

Tiña ganas xa de que chegaran as vacacións ou visto o estado de forma case podía durar algo máis a campaña?
Non, non, está ben que chegaran as vacacións porque 13 meses de tempada fanse longos e o corpo necesita tamén unha pequena desconexión e é importante darlle descanso.

Vai parar de todo ou xa está empezando a adestrar?
Pasei unha semana en Doha sen facer nada, esta en Viveiro tamén foi de descanso completo e para a próxima xa comezarei a adestrar pouco a pouco. Volverei ao paseo de Viveiro, que espero que estea alí toda a vida.

Que valoración fai da tempada?
Eu penso que foi moi boa. Estivo ben, non? (risas).

Aos seus 21 anos, o seu carácter, a súa ambición e o seu optimismo transformáronlle en alguén a ter moi en conta

Foi consciente mentres estaba en Catar da repercusión?
Eu ao mellor non moito. Sabía cousas que pasaban porque mas dicían meus pais, pero tampouco era moi consciente porque estaba centrado no que tiña por diante.

Empezou a darse conta da popularidade que ganou?
Faime graza porque agora vou pola rúa e vexo como a xente di: ese é o que corre (ri).

Chegou ao Mundial de Doha coa trixésima sexta mellor marca de todos os participantes. Realmente vía clasificarse para a final como unha opción factible?
Home, está claro que non e eu mesmo me sorprendín. Se alguén realmente pensaba que me ía meter na final, que levante a man. As cousas como son, non era imposible pero si moi difícil. Cando me preguntaron que firmaba antes de empezar a competición, dixen que meterme na final porque sempre hai unhas mínimas posibilidades e hai que explotalas. Estábame atopando moi ben adestrando e decidín apostar por unha estratexia en cada carreira e saíu ben.

Foron as tres mellores carreiras da súa traxectoria?
(Reflexiona) Parece que xa foron hai un mes... Penso que corrín ben e cando corres ben no momento axeitado, todo se multiplica. Parece que eres deus. Buah, como corre este rapaz, di todo o mundo, mentres que fai dous meses algúns dicían que quedara fóra da final dun campionato sub-23 por non ter nin idea de como correr un 1.500. O atletismo é así, un día sae mellor e outro peor.

Na final pensaba que moi fastidiado tería que estar para quedar último porque algún vai rebentar fixo

Que se sente nos momentos previos a unha final mundialista?
Eu estaba contento, tranquilo e sorría. Cando íamos para o estadio, Arturo (Martín, o seu preparador) dicíame: Disfruta porque esta vez eres el chaval que se coló en la final, pero para la próxima vez ya serás el finalista del anterior Mundial. Ese día ía feliz porque era todo ganancia para min, fixera o que fixera.

Estaba convencido de que non ía quedar último?
Si, seguro. Pensaba que moi fastidiado tería que estar para quedar último porque estes van saír a tope e algún vai rebentar fixo.

E despois da primeira volta seguíao pensando?
Cando pasei polo 400 díxenme uff, ao mellor se me complica a cousa e quedo último (risas), pero logo vin que podía pasar a un e ao final vin que outro máis ía xusto e metín o peito case sobre a meta para adiantalo.

O ano 2020 vén cargado de competicións con Mundial en pista cuberta, Xogos Olímpicos e Europeo ao aire libre. Asusta ou motiva?
Motiva, pero agora mesmo veño do Mundial e sobre todo apetéceme desconectar. O obxectivo van ser sen dúbida os Xogos e non creo que haxa que cambiar moitas cousas da preparación nin volverse tolo por eles. Farei o de sempre e se saen ben, perfecto, e se non sae, pois haberá outros dentro de catro anos.

"Isto é unha carreira de fondo sempre e hai que pasalo ben e facerlle caso ao adestrador"
Que mensaxe lle mandaría aos rapaces que están empezando?
Pois que isto é unha carreira de fondo sempre e que hai que pasalo ben, divertirse e facerlle caso ao adestrador, que é o que sabe. Haberá días que nos apetecerá adestrar menos que outros, pero hai que ir sempre para mellorar.

Comida preferida.
Pulpo á galega e zamburiñas.

Bebida.
Nestea ou auga.

Series ou películas?
Películas. Gústame que acaben as tramas, non que queden aí abertas.

Película preferida?
The Equalizer (El Protector), porque sae Denzel Washington, o meu actor preferido.

Mar ou montaña?
Mar.

Estilo de música.
Gústame de todo. Desde reguetón para saír a bailar ata Fito ou Sabina. Tamén me gusta o rap e escoito a dous galegos.

Más en Deporte General
Comentarios