Así será a Terceira na que traballa a FGF: dous subgrupos de 10 equipos

Coruñeses e lucenses estarían no grupo A e pontevedreses e ourensáns, no B
El presidente de la Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. AEP
photo_camera El presidente de la Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. AEP

Federación Galega de Fútbol propón unha Terceira dividida en dous subgrupos atendendo a criterios xeográficos.

No grupo A estarían coruñeses e lucenses: Fabril, Silva, Paiosaco, Fisterra, Bergantiños, Vista Alegre-Estudiantil, Arzúa, As Pontes, Somozas, Viveiro, Vilalbés e Polvorín.

No grupo B quedarían enmarcados ourensáns e pontevedreses: Ourense CF, Barco, UD Ourense, CD Arenteiro, Atios, Pontellas, Rápido de Bouzas, Choco, Alondras, Ribadumia, Arosa e Estradense. 

REUNIÓN. O presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, reuniuse este martes cos equipos galegos que militarán en categorías de ámbito nacional na temporada 20-21 co obxectivo de informarlles persoalmente de todo o tratado na reunión dos presidentes territoriais con Luis Rubiales celebrada o luns na sede da Real Federación Española de Fútbol en Las Rozas.

Louzán insistiu na necesidade da existencia dun protocolo coordinado entre o CSD e as autoridades autonómicas para que todos os equipos "se poidan preparar e competir en igualdade de condicións", de aí que desde as federacións emprácese ás administracións estatal e autonómicas a fixar ese marco xurídico e deportivo no que se poidan celebrar as competicións, sempre coa prioridade de salvagardar a saúde dos deportistas.

O presidente da RFGF remarcou que tanto a Real Federación Española de Fútbol como as territoriais están a traballar para que ese protocolo coordinado poida estar o antes posible, se ben entende que non será ata setembro cando se poidan dar as condicións para fixar as normas dun adestramento con contacto. A partir de aí a RFEF establece un mínimo de 30 días para poñer en marcha as competicións. Todo, por suposto, supeditado á evolución da pandemia.

Deste xeito, informou Louzán, aquelas categorías que xa tiñan un calendario aprobado para principios de setembro (as dúas primeiras categorías do fútbol feminino e as principais de fútbol sala) verán retrasado ese inicio, se ben agora mesmo non existe unha data concreta de comezo do calendario.

AUTONÓMICAS EN OUTUBRO. No que se refire ás competicións de ámbito autonómico, de total competencia da Real Federación Galega de Fútbol, mantense o plan de arrincar no mes de outubro sempre que a evolución da pandemia o permita. A RFGF está a traballar man a man coa Secretaría Xeral para o Deporte.

Agora mesmo existe un protocolo que non permite o contacto en base á normativa vixente da Xunta de Galicia, pero Louzán confía que para finais de agosto poida actualizarse esa normativa e o protocolo para permitir os adestramentos con contacto e, polo tanto, pensar en comezar as competicións durante o mes de outubro, sempre cunha marxe de seis semanas para unha correcta preparación dos equipos. De todos xeitos, "serán as autoridades autonómicas as que marquen o camiño a seguir, pois son as que ostentan as competencias para a autorización do inicio das competicións".

SEGUNDA B. Louzán informou aos equipos galegos da Segunda División B de que a Federación Española (RFEF) está a traballar nunha distribución de grupos na que os equipos galegos quedarían encadrados cos asturianos e os castelán-leoneses. Dentro deste grupo habería unha subdivisión de dous subgrupos, formado un deles polos galegos e polos equipos de Castela e León máis próximos. Louzán insistiu que se trata dunha proposta de traballo que para nada é definitiva.

Comentarios