martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

O Camiño de Craig Hodges

A estrela NBA Craig Hodges chegando á Peregrina, acompañado polo exxogador do OAR Ferrol Lavodrama. BEATRIZ CÍSCAR
A estrela NBA Craig Hodges chegando á Peregrina, acompañado polo exxogador do OAR Ferrol Lavodrama. BEATRIZ CÍSCAR
O dobre gañador do anel da NBA cos Chicago Bulls atravesa Pontevedra en dirección a Santiago dentro do programa anual de visitas ao Apóstolo

No concurso de triplas da NBA de 1991, co número 14 ás costas, Craig Hodges conseguíu encestar os 19 primeiros lanzamentos de forma consecutiva. Pasaron 30 anos desde aquel logro que ninguén foi quen de igualar nin bater. O base dos Chicago Bulls acabaría renovando un título que xa gañara o curso anterior. Obtivo tres galardóns consecutivos daquel espectáculo para francotiradores que servía de petisco previo ao all-star game. Aquilo só foi a guinda, porque o pastel foron os dous aneis da NBA que sumou cos Bulls.

"É historia. Sentínme xenial por conseguilo. Penso "ninguén lanzou coma min en todo o planeta Terra". E o que realmente significa é que me deu moito traballo para facelo. Cando tes unha oportunidade, tes que collela porque só haberá unha ocasión. Para min foi magnífico poder gañar tres competicións de triples, algo que so fixemos eu e Larry Bird, que foi un dos máis grandes", lembraba onte o protagonista, en Pontevedra, ao pé da Peregrina.

Tres décadas desde aquel logro ben valen unha visita ao Apóstolo para consagrar a súa memoria. No seu Camiño de Santiago pola costa, dentro do programa anual do Monbus Obradoiro, a exestrela da NBA fixo escala en Pontevedra para tirar fotos coa Peregrina, mesturarse coa xente e deterse para repor forzas.

"Aquí, en cada aldea hai anacos de historia que son máis antigos que América", expresou abraiado e encantado coa arquitectura que puido coñecer e coas paisaxes que puido gozar ata deterse no centro de Pontevedra para analizar o que foi o seu baloncesto e o que é agora. "Son deportes diferentes. Agora é tan comercial... Para min mesmo é duro ver un partido de agora. Hai demasiado dribling. Cada xeración xoga ao baloncesto dunha maneira determinada".

Hodges pertence á época dourada do baloncesto, á da expansión definitiva da NBA. Pero tamén xogou en Europa a mediados dos 90. Daquela as diferenzas eran abismais entre un e o outro lado do Atlántico. Agora, non tanto.

"As redes sociais fan que o mundo sexa máis pequeno e as distancias se reduzan. Hai moitos xogadores que veñen de Europa a Estados Unidos e que teñen oportunidades de acceder á Liga, hai máis interacción. Antes podía haber unha estrela en Europa, pero a meirande parte dos xogadores estaban nun nivel de "college". Agora hai moito máis nivel e igualdade".

O eterno debate sobre o mellor xogador. Hai quen quere comparar a Lebron James co seu excompañeiro Michael Jordan. El non se posiciona. Ou se cadra si o fai. "Non hai posibilidade de ningunha comparación porque non se enfrontaron. MJ era un gañador incansable. O feito é que non todo o mundo pode gañar seis aneis e seis MVP como el fixo. Iso é algo especial. Lebron é un dos máis grandes, pero o feito de que Jordan non perdese ningunha final..."

Reivindicativo
Máis que un xogador
Craig Hodges é máis que un xogador de baloncesto. Sempre intentou empregar a súa profesión para enviar mensaxes na defensa dos dereitos humanos, das clases oprimidas e das minorías raciais.

O exxogador cre que o soporte "non debe reducirse ao mundo do deporte: é algo para tódalas actividades, para todo o que fagas na túa vida. A pregunta é: que podo ofrecerlle á próxima xeración para que sexa mellor e desenvolva o seu potencial?" Coñecéndoo, non é difícil comprender quen é o mellor de sempre. El conviviu co mellor xogador de baloncesto. Pero curiosamente, o seu referente é outro.

"Cada xeración ten ao seu gran xogador. E non se pode comparar. Michael Jordan estableceu estándares en moitos sentidos, e por suposto o estándar de ser un gañador. Pero saber quen é o mellor case é un concurso de popularidade máis que outra cousa. Para min só hai un GOAT (‘greatest of all time’: o mellor de tódolos tempos): Muhammad Ali. É o máis grande deportista da historia". O icono Alí por diante de tódalas cousas.

O Camiño de Craig Hodges
Comentarios
ç