O Froiz gaña a Copa ao grande

Miguel Rodríguez vence a última proba, en Tarancón, por diante do seu compañeiro Gonzalo Inguanzo e ámbolos dous repiten dobrete na clasificación xeral sub-23 da competición
Gonzalo Inguanzo e Miguel Rodríguez no podio de Tarancón. CEDIDA
photo_camera Gonzalo Inguanzo e Miguel Rodríguez no podio de Tarancón. CEDIDA

O GD Supermercados Froiz despediuse da Copa de España de ciclocrós por todo o alto. O conxunto alimenticio logrou un dobrete na proba de Tarancón, que servía para pechar o circuito de probas. Miguel Rodríguez impúxose no esprint final da proba conquense a Gonzalo Inguanzo e logrou o título na categoría sub-23 da clasificación xeral, ao empatar a puntos co corredor cántabro.

Os dous totalizaron 51 puntos, pero por mellor resultado na proba definitiva, o ciclista de Ponteareas levou o gato á auga fronte ao cántabro.

A proba converteuse nunha festa para o conxunto dirixido por Ana Portela, que na súa temporada de debut no ciclocrós está a ofrecer un brillo incandescente.

O SuperFroiz deu unha exhibición sobre un terreo con algunhas trampas artificiais, con obstáculos, escaleiras e zoas de area e xiros, pero sobre un chan máis ben seco, propicio para rodar con forza, para corredores potentes.

Nese contexto, sobre un circuito de 2,8 kilómetros, Rodríguez e Inguanzo estiveron sempre entre o grupo dos mellores. Un grupo de nove corredores, entre os que se atopaban os dous membros do equipo alimenticio, formouse despois dos primeiros arreóns da carreira.

Evaristo Portela, director do SuperFroiz: "Nin nos nosos mellores soños esperabamos ter un rendemento así cando comezamos o proxecto"

O ritmo foi incrementándose co paso dos metros, o que deu orixe á selección natural. A parella do Froiz, sempre atenta, mantíñase nos primeiros lugares da competición, entre os cinco mellores. Con eles tamén se atopaba Ismael Esteban, o principal favorito a facerse co título da Copa en categoría absoluta (en ausencia dos dous primeiros na xeral, David van der Poel e Kevin Suárez). Ao remate, Esteban lograría o primeiro obxectivo, pero non o segundo.

A carreira seleccionouse definitivamente e entón Esteban tivo un problema mecánico (rachou a cadea), o que deixou na cabeza aos dous ciclistas alimenticios.

Co panorama seleccionado, ámbolos dous comezaron a rodar a relevos para manter a distancia con respecto a tódolos perseguidores. A resolución produciuse no treito final. A maior velocidade e forza de Miguel Rodríguez na recta final permitiulle impoñerse ao seu compañeiro na chegada, de maneira que logrou o dobrete, na xornada e na xeral sub-23 da Copa. Dobre segundo posto para Inguanzo.

Ademais deles, o Froiz acudiu á cita conquense con Laura Mira, que estivo nos primeiros xiros entre as mellores, pero ao final perdeu forza para rematar no cuarto lugar, despois dun curso no que demostrou ser unha das grandes promesas do ciclocrós galego.

O Supermercados Froiz logra un dobrete histórico na Copa de España: obtivo o triunfo na Copa de España sénior de estrada e agora logra o éxito en ciclocrós, modalidade cada vez con máis seguimento, na que se embarcou este ano o conxunto baixo a dirección de equipo de Ana Portela.

O seguinte obxectivo será pechar a Copa de Galicia, na que Miguel Gómez xa é campión, e pelexar polo título no Campionato de España de Valencia.

Evaristo Portela: "Desfrutei véndoos entrar xuntos" 
O director deportivo do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Evaristo Portela, amosouse pletórico de felicidade cos resultados obtidos polo seu equipo na súa estrea no proxecto do ciclocrós. 

Portela recoñeceu ter gozado coma un anano no dobrete obtido por Rodríguez e Inguanzo na meta de Tarancón e na xeral da Copa de España sub-23.

"Os dous fixeron un carreirón. Foi un día para desfrutar, espectacular. Encantoume o que vin, gocei cos dous traballando xuntos", comentou o de Salcedo, orgulloso do nivel ofrecido ata o de agora na temporada de ciclocrós. "Nin nos nosos mellores soños esperabamos ter un rendemento como o que estamos a dar cando nos embarcamos neste proxecto. O balanzo está a ser fabuloso. Quero destacar tamén o traballo de Ana Portela como directora do equipo de ciclocrós, e de todo o equipo, cos mecánicos, por suposto, que fan un traballo fundamental", aclarou. 

"A imaxe que deu o equipo foi magnífica. Inguanzo estaba feliz a pesar do segundo posto. Alegrouse moito polo seu compañeiro. Son dous rapaces magníficos", expresou o responsable deportivo do Froiz, que destacou que o trazado non tiña engano. 

"Era un circuito para voar, moi rápido", como fixeron os seus dous pupilos.

Más en Deporte General
Comentarios