O Celta dos contrabandistas

Durante tres tempadas o Celta de Vigo estivo presidido por unha directiva de ‘señores do fume’ que mudaron a historia do club. En tódolos sentidos. Salvación pagando un prezo. Dende un mundo sombrío non dubidaron en asomarse ás luces do fútbol e tras deixar a súa semente, deron lugar a unha futura escuridade que transcendeu máis aló dos terreos de xogo
Reportaxe Celta
photo_camera Reportaxe Celta

O fútbol move masas, fai xirar o mundo, unha final dun Mundial é quen de paralizar a media esfera mirando como once tipos xogan un partido. Os futbolistas son os novos deuses. Están nunha posición privilexiada na sociedade na que moitos queren entrar, aínda que sexa dende realidades subterráneas. A erótica do poder, a sedución de saber que es querido. Todo tipo de individuos pasaron polo negocio, pero onde se atopan os organizadores do circo romano é nos palcos, onde os personaxes abundan.

Un dos primeiros foi Pablo Escobar, como se pode ver na serie Narcos, de Netflix, que narra a vida do Rei da Coca. O Paisa converteuse en presidente do Atlético Nacional colombiano por egocentrismo. Moitos especulan con que o fixo para branquear cartos pero o maior narco da historia tiña outros métodos máis efectivos. En realidade, fíxoo por prestixio social, por intentar enredar ás masas nas súas guedellas. O cafeteiro até comprou unha Copa Libertadores a base de subornar aos árbitros, como relatou o colexiado Juan Bava no programa da televisión arxentina Pura Química. Sufriu nas súas carnes as ameazas do Patrón para que o conxunto vencera nas semifinais. O Atlético Nacional era un gran equipo no que Escobar investira moitos cartos, mais o Señor dos Narcotraficantes non quería deixar nada fóra do seu control.

Os magnates do río Miño eran os heroes de cada vila, xa que traían o necesario e quitaban da miseria a moitas familias


Non fai falla irse tan lonxe para atopar historias similares. Poida que o propio Escobar atopara a inspiración na nosa terra. En Galicia fomos pioneiros nisto dos presidentes excéntricos que veñen de sectores cuestionables. A finais dos anos 50 un dos clubs históricos galegos, o Celta de Vigo, estaba nunha pésima situación económica. Descendera a Segunda e atopábase a piques de desaparecer por unha débeda de 5 millóns de pesetas. A posguerra deixara moitas secuelas e moitos galegos sobrevivían como podían

Uns anos atrás apareceran os contrabandistas, empresarios que cruzaban A Raia até o país veciño e volvían cargados de víveres moi necesarios naqueles momentos. Levaban con eles todo un equipo de traballadores que lles axudaban a recoller, transportar e distribuír a mercancía, o que supuña unha creación de postos de traballo moi superior a calquera outro. Os magnates do río Miño eran os heroes en cada vila, xa que quitaban da miseria a moitas familias. Pese a isto, segundo os 60 se achegaban o contrabando mudou, a mercadoría que se traía na nova década xa non era vital, senón que tamén había produtos de lecer, como o caso do tabaco.

CELSO LORENZO VILLA. Un dos cabecillas do movemento era Celso Lorenzo Villa, un piloto da aviación republicana que tras a Guerra Civil marchou cara Caminha, en Portugal. Seguindo o estereotipo que o xornalista Nacho Carretero da dos señores do fume no seu libro Fariña, Villa era un pseudofilántropo ególatra que quería que o seu prestixio fora o dun rei. Na temporada 59/60 fíxose cargo do Celta co obxectivo de recuperar no apartado económico ao club. Non quería ao equipo celeste para facer cartos nin para limpar diñeiro, queríao para ser máis popular. Xunto a el sumáronse á directiva algún dos maiores contrabandistas do momento. O máis destacable era o capo Vicente Otero Terito, que entrou na misión coas mesmas pretensións ca Villa. 

A Banda do Marlboro conseguiu o seu obxectivo a nivel económico e a conta bancaria do Celta pasou a estar nunha situación máis favorable. No ámbito deportivo, o proxecto foi un fracaso. Estes xestores non foron quen de crear un equipo que tivese o necesario para volver á Primeira División.

O ASCENSO. Estiveron preto de subir, mais non o lograron. Tres razóns foron as causantes. A primeira foi austeridade á hora de fichar. O Celta do Marlboro non realizou ningunha incorporación espectacular, non copou portadas —ao contrario de Pablo Escobar—, nin tan sequera tivo a repercusión do Juventud de Cambados de Sito Miñanco. A maior incorporación que fixo o Celta foi a do centrocampista Antonio Pais


A Banda do Marlboro conseguiu o seu obxectivo a nivel económico, acadando que a conta bancaria do Celta estivera nunha situación máis favorable



A segunda razón é a máis importante. O erro do proxecto deportivo foi que non había proxecto deportivo. A directiva incluso facía certas falcatruadas que até certo punto afectaron ao equipo. O bus no que se transportaban os xogadores soía ir cargado de paquetes de Marlboro, que eran distribuídos no estadio mentres se disputaba o partido. Unha operación de éxito, pero quizais para os xogadores non fose a máis adecuada, pois eles tamén accedían ás substancias. Aínda que non eran as únicas. As paredes dos vestiarios vigueses contan que nos descansos os xogadores consumían infusións que facían milagres cun sabor e un aroma estraños. O xornalista Rafa Cabeleira, coñecedor da historia, sinala que esas beberaxes se "disfrazaban como un simple té" ou bebida quente.

A terceira razón tamén influíu. Naquelas tempadas era moi complicado chegar a Primeira División. Só ascendía de xeito directo o primeiro, mentres que o segundo tiña que xogar unha promoción a dobre partido. Na tempada 60/61 foi cando o conxunto celeste estivo máis preto de acadar o seu obxectivo. Rematou como segundo clasificado con 18 victorias, 6 empates e 6 derrotas, segundo a Base de Datos Histórica de Fútbol, o que lle valeu para meterse na promoción de ascenso a Primeira. Aquel Celta de Santiago Sanz Fraile Yayo adoitaba xogar con dous defensas, cinco centrocampistas e tres dianteiros, aínda que dous dos homes do centro da cancha tomaban un papel máis defensivo. Neste persoal destacaban os nomes do Tigre Padrón, de Joaquín Álvarez, de Pais, e en especial de Manuel Gómez, que rematou o ano con 21 goles na súa conta. Mais o Oviedo, o rival da eliminatoria de promoción, non era doado.

O partido de ida en Asturias saldouse cun 1-0 para os locais pero no Celta estaban seguros de que na casa ían remontar. Aínda así, a Villa non lle gustaba deixar nada ao azar e pagou unha boa cantidade ao árbitro encargado de dirixir a contenda. O partido rematou en 2-2 con decisións arbitrais inexplicábeis que racharon co soño do regreso á máxima categoría

Lorenzo Villa foi dos últimos contrabandistas galegos dos que se preocupaban do seu ego e a comunidade. Poucos anos despois chegaron os narcos e aí cambiaron as regras do xogo

Despois do partido, un dos conflitivos directivos do Celta baixou ao vestiario e intentou agredir ao árbitro. Neste punto Rafa Cabeleira apunta que en Balaídos "barállanse dúas versións dos feitos". Unha indica que o colexiado "quedou co diñeiro dos vigueses e aceptou unha suma de cartos maior por parte do Oviedo". Por outro lado, sendo difícil de confirmar, semella que "o que quedou coa parte do diñeiro do suborno foi a mesma persoa que escenificou o cabreo co árbitro". Por motivos internos ou simple frustración, o certo é que a directiva do Marlboro decidiu abandonar a tempada seguinte.

UN LEGADO CUESTIONABLE. Economicamente o Celta recuperárase, pero non volveu até 1969 á Primeira División. No entanto Villa deixou unha imaxe no conxunto celeste que aínda é lembrada hoxe de forma positiva. Dirixía dende a distancia, pois non podía entrar en territorio español debido ao seu apoio á República. A lenda que recolle Nacho Carretero en Fariña conta que o mandatario sobrevoaba Balaídos coa súa avioneta cando había un partido. Tamén é recordado por ser unha figura que lle daba todo á comunidade, aínda que antes ou despois llo roubara. Entre as obras que máis se lle recordan era a que realizaba numerosos fins de semana, cando subía a un autobús aos nenos dun fogar de acollida e os levaba ver os partidos do equipo vigués. 

Villa foi un dos últimos contrabandistas galegos dos que se preocupaban polo seu ego e pola comunidade, como sinala Cabeleira. Poucos anos despois chegaron os narcos e aí cambiaron as regras do xogo. A morte inundou a costa galega. O perfil dos personaxes xa non foi o mesmo. Mais é xusto lembrar que se existen uns é porque os personaxes como Villa deixaron semente e a flor medrou ao abrigo dunha sociedade que pensaba que se enfrontaba aos mesmos empresarios de antano. Os novos non deixaron as relacións co fútbol pero o seu papel sería sempre desde a sombra e o ego e a consideración pouco importa cando hai cartos. E o fútbol xa é puro carto.

Comentarios